Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Café para todos»

Despois da Transición (II)

Manifestación en favor da autonomía galega (Vigo, 1977).

Manifestación en favor da autonomía galega (Vigo, 1977).

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

O artigo 2 da Constitución de 1978 establece: «A Constitución fundaméntase na unidade indisoluble da Nación española, patria común e indivisible de todos os españois, e recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas». Era a terceira vez, dende que en 1833 Javier de Burgos establecera a organización centralizada do Estado, que se puña en marcha un modelo descentralizado do Estado: o primeiro, quedou recollido na non nata Constitución federal de 1873; o segundo, na experiencia da II República.

Tras das elección xerais de 1977, os deputados vascos manifestaron o seu compromiso autonómico xuntándose ante a Casa de Xuntas de Gernika (19/06/1977) e reclamando o Estatuto vasco; apenas unhas semanas despois (29/09/1977), o goberno restablecía a Generalitat, o que permitiu o regreso do president Tarradellas o 23 de outubro de 1977, quen se dirixiu dende o balcón do pazo da Generalitat á cidadanía catalá. «Ja sóc aquí!», foron as palabras que pasaron a historia dese discurso.

Posteriormente, nun contexto no que o goberno de Suárez apostou pola descentralización administrativa, aprobando a constitución de entes preautonómicos en diferentes territorios (Andalucía, País Valenciano, Asturias...), Galicia inicia a súa andaina cara á autonomía o 18 de abril de 1978, cando se constitúe a Xunta preautonómica baixo a presidencia de Antonio Rosón, quen encarga a elaboración do Estatuto á Comisión dos 16, composta por representantes das forzas parlamentarias (UCD, CD, PSOE e PCG) e extraparlamentarias (POG, PTG e PG).

Non obstante, aproveitando unha posición de forza no Congreso dos Deputados, o texto sufriu numerosas modificacións, o que levou á sociedade galega a mobilizarse en contra do «Estatuto da aldraxe». O éxito desas mobilizacións levou a unha nova negociación (Pactos do Hostal do 29 de setembro de 1980) e a redacción do texto estatutario actual, que foi sometido a referendo popular o 21 de decembro de 1980 e aprobado polo Congreso o 17 de febreiro de 1981, só uns días antes do golpe de Estado.

Finalizado en 1981 o proceso de descentralización administrativa que levara á aprobación dos estatutos de autonomía das tres nacionalidades históricas, que o fixeron con arranxo ao artigo 151 e á disposición transitoria segunda da Constitución, xurdiron os primeiros problemas en relación co procedemento a seguir no caso dos restantes territorios.Nese contexto, o goberno de Calvo Sotelo chegou a un acordo co PSOE para canalizar a construción do Estado das autonomías. Froito dese pacto alcanzado en xullo de 1981, péchase a «vía rápida» (art.151) de acceso á autonomía coa incorporación de Andalucía en decembro de 1981; deséñase o que será o mapa autonómico definitivo desoíndo algunhas demandas territoriais lexítimas; e promóvese unha mesma estrutura organizativa para todas comunidades autónomas, nun claro intento de eliminar a desigualdade territorial que podería provocar a asimetría «nacionalidades» / «rexións» establecida no artigo 2 da Constitución.

Así mesmo, mediante a LOAPA, aprobada en xullo de 1982, o goberno da UCD, xunto co PSOE, pretendía dar un xiro recentralizador ao proceso de construción do Estado das autonomías, limitando a dinámica transformadora que buscaba profundar nas novas estruturas autonómicas. Non obstante, en 1983 a LOAPA foi declarada inconstitucional en tanto que unha lei estatal non podía condicionar («harmonizar» é o termo empregado na lei) os estatutos autonómicos..., pero o proceso xa culminara o 13 de marzo de 1983, seis meses antes da sentencia do Tribunal Constitucional.

Alén das autonomías

A idea de descentralizar o Estado tamén afectaba ás entidades locais, polo que o goberno da UCD realizou algúns avances nesa materia, pero non sería até o ano 1985 cando se materializou a lei que garantía o carácter autónomo e democrático dos concellos e das provincias. En paralelo a esas tímidas reformas, presentáronse as primeiras medidas tendentes a garantir o financiamento das comunidades autónomas e das entidades locais.

A diferenza do esforzo realizado para transformar o Estado centralista, os gobernos da UCD limitaron o alcance das conquistas laborais mediante o Estatuto dos Traballadores (1980) e a Lei básica de emprego (1980), criticada polos sindicatos.

En febreiro de 1979, por outra parte, comezaban as negociacións para formalizar o ingreso de España na Comunidade Económica Europea, obxectivo alcanzado no ano 1986; mentres, a solicitude de ingreso na OTAN realizouse en decembro de 1981 e formalizouse en maio de 1982. Paralelamente, en xullo de 1981 aprobábase no Congreso a lei que modificaba a regulación do matrimonio, para garantir a igualdade civil e o dereito ao divorcio.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents