Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Do baile da gaita á muiñeira

Música e identidade

Día da Muiñeira en Pontevedra.

Día da Muiñeira en Pontevedra. / Gustavo Santos

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Na proceso de busca da xenealoxía da muiñeira, imos dar coa existencia dun antecedente que se remonta ao século XVII: falamos da gaita galega, baile popular difundido pola península ibérica ao longo dese século xunto con outros como as jácaras e os villanos ou canarios. Todas estas pezas incluían o movemento asociado ao baile, o texto cantado e mais o acompañamento instrumental. Aínda que a súa difusión ten lugar fundamentalmente nese, xa sinalado, século XVII, os músicos cortesáns foron incorporalos dentro do seu repertorio, quedando rexistro así escrito. No caso da gaita galega, cantaríase e bailaríase acompañada do instrumento gaita, pero nese ambiente cortesán arranxouse para guitarra, arpa ou, máis tardiamente, violín e piano.

A denominación de gaita galega supón establecer un nexo directo da gaita con Galicia, o que significa que son os «outros» habitantes da península, os non galegos, os que determinan que a gaita é o que caracteriza e define este baile e, por extensión, a música galega, propagando un vínculo con Galicia que chega ata os nosos días.

As gaitas galegas consolídanse, pois, dentro do repertorio cortesán e incorpóranse ao teatro ligadas ás obras que incluían personaxes cómicos entre os que se atopaba «o galego». O uso desta música buscaba contextualizar e identificar estes personaxes, os cales incluían mesmo xiros dialectais e palabras en galego co obxectivo de ridiculizalos. Quizais a descrición que Noveli (1708) fai do baile da gaita, como burlesco e parecido á jácara, caracterizado polo movemento dos brazos, estea en relación con estes, ditos, personaxes.

Desde o teatro, o personaxe do «galego» e mais as gaitas trasládanse ao ámbito litúrxico da man dos vilancicos dramáticos, composicións musicais en castelán que inclúen diálogos e que se interpretan os días de festa: Nadal, Reis ou Coresma; tendo o seu momento álxido entre mediados do século XVII e o XVIII.

O personaxe do «galego», presente nos vilancicos na península -excepto en Galicia-, aparece como rudo e descortés. Isto cambia cando os vilancicos de galegos se converten en vilancicos en galego, dando entrada á lingua de noso nos templos, invertendo o negativo discurso castelán. Este feito ten lugar na catedral de Santiago de Compostela da man de Melchor López, compositor dos catro primeiros vilancicos destas características entre 1790 e 1795. Da sé compostelá os vilancicos en galego esténdense á de Mondoñedo e Ourense ao longo do XIX, consolidando unha sonoridad que será herdada por compositores como Veiga, Montes ou Chané, vertebrada polo mindoniense José Pacheco.

Os gaiteiros de Santiso.

Os gaiteiros de Santiso. / .

Será xa a finais do século XVIII cando as gaitas se tornen en muiñeiras nunha clara relación entre ambas. Neste momento obsérvase certa confusión na denominación destas pezas, intercambiando os nomes de gaitas, chouteiras e muiñeiras, atopando a peza de López Remacha titulada «Muiñeira ou Gaita» (1815).

A denominación muiñeira aparece por primeira vez arredor de 1745, presente nun dos versos do Coloquio en mil duascentas coplas galegas, de Sarmiento. No XIX, a diversidade de vocábulos está presente no contrapaso (1833); ribeirana, (1838); gallegada (1852); golpe (1875); carballesa (1885); e, xa no século XX, a redonda.

Como vemos, son moitas as variantes que aparecen en Galicia deste baile, sendo a muiñeira a seleccionada e convertida no símbolo da música e do carácter galego. O tránsito que leva a esta consolidación foi complexo e non se entendería á marxe da construción identitaria de Galicia, no contexto do pensamento romántico e liberal. Nel, as historias publicadas no século XIX tiveron un papel destacado. No caso da música, a simboloxía identitaria esta presente na muiñeira, o alalá, a alborada , o aturuxo, a gaita –como instrumento- ou a romaría (Verea e Aguiar, 1838; Martinez Pedín, 1849; Vicetto, 1865; Murguía. 1865).

Un emblema

Julio Alonso Monteagudo (Redondela, 1969), investigador e profesor do departamento de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo, é o autor da tese de doutoramento Música e identidade galega. Do baile da gaita a muiñeira, USC (2024), que publicará proximamente a Editorial Galaxia.

A tese de Alonso Monteagudo analiza os aspectos máis humanos e sociais da música. Desde un enfoque antropolóxico, o traballo parte da hipótese de que a configuración da muiñeira como emblema musical non pode entenderse á marxe dos procesos de construción identitaria que se producen en Galicia no período que vai de finais do século XVIII a finais do XIX.

A muiñeira representa simbolicamente a maneira de ser dos galegos, expresando o seu carácter e os roles de xénero. Atribucións para nada desinteresadas. A súa escolla é intencionada e a ela únense pezas como o alalá ou a alborada, e instrumentos como a gaita e a zanfona, destacados por autores como Vesteiro Torres, Varela Silvari ou Varela Lenzano.

Neste traballo tamén se propón unha revisión do Rexurdimento que, seguindo as propostas de Angueira (2019) e Martínez González (2020), vai máis ala da literatura e ten como referente a música, presentando unha periodicidade que comeza a finais do XVIII cos primeiros vilancicos con texto en galego.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents