Aneis de palabras
Eternidade, poder, compromiso

Fotograma de «O Señor dos Aneis: a Comunidade do Anel» (2001).
Os aneis estiveron presentes no imaxinario do ser humano dende tempos inmemoriais e nas máis antigas culturas figuran testemuños en representacións artísticas, en relatos e lendas e, xaora, en restos arqueolóxicos. Estes fascinantes obxectos tiveron moi diversa significación simbólica, mais nas civilizacións exipcia, helena ou romana adoitaban empregarse como emblema de poder, status social, eternidade ou compromiso amoroso, segundo os materiais dos que estivesen feitos e a finalidade e o contexto en que se empregasen.
Como non podía ser doutra maneira, os relatos mitolóxicos e lendarios, tanto orais coma escritos, e tamén as ficcións literarias están inzados de aneis capaces de conferiren dons extraordinarios ou mudaren o destino de quen os porta. Paga a pena lembrar algúns exemplos.
O mito do pastor Guigues (Γύγης, en grego), inmortalizado no Libro II da República (s. IV a C.) por Platón (e logo recollido tamén por Cicerón en De officiis, 44 a C.), condensa unha historia sobre a moralidade, a xustiza e a natureza humana que moito había de influír no pensamento e na escrita occidental: Guigues, pastor lidio, atopa nunha cova un cadáver cun anel de ouro que lle arrinca. O anel acaba resultando un obxecto máxico, pois, ao xiralo, Guigues vólvese invisible. E aquí é onde xorde o dilema ético que formula Platón por boca do personaxe de Glauco: se tivésemos a seguridade de poder actuar impunemente, seriamos morais?
Outro anel mítico, neste caso de carácter divinal, é o moi famoso selo de Salomón. Aínda que a primeira noticia que temos del é polo historiador Flavio Xosefo no século I d. C., en realidade a tradición que o describe pertence xa a relatos medievais moi influídos polo sufismo e o ocultismo. Segundo estes, o anel do rei israelí, un selo en forma de estrela pentagonal ou hexagrama, confería ao sabio a capacidade de invocar e controlar entidades sobrenaturais. Aínda hoxe, na escatoloxía islámica, hai quen cre que a Besta da Terra, no Día do Xuízo final, aparecerá portando o selo de Salomón para marcar a lume os incrédulos.
Paralelamente, cómpre non esquecer que tamén na tradición bíblica os aneis ou selos xogan un papel transcendental, pois son baluartes da autoridade, da dignidade e do compromiso, como acontece co anel que o faraón dá a Xosé na Xénese, o que o pai regala ao fillo pródigo no evanxeo de Lucas ou, sobre todo, os selos cos que se desata a Apocalipse no Libro da Revelación de San Xoán.
Xuntamente cos anteriores, non cabe dúbida de que os máis célebres aneis son os das sagas mitolóxicas nórdicas, principalmente dous: Draupnir e Andvarinaut. O primeiro é un selo ou argola de ouro macizo que os ananos Brok e Sindri agasallaron a Odín. O seu poder consistía en reduplicarse a si mesmo creando oito copias idénticas cada nove noites. Por iso nesta relixión simbolizaba a fertilidade, a fecundidade do espírito e o poder creador da vida, amais do fluír do pensamento, que se autoxera infindamente.
O outro anel nórdico lendario é Andvarinaut, un selo máxico que pertenceu a Andvari, un anano que vivía oculto tras dunha fervenza e tiña o poder de se converter en peixe a vontade. Loki, o deus do engano, conseguiu arrebatarlle o anel e Andvari maldiciuno de xeito que calquera que o posuíse de alí en diante se vería asolado pola desgraza. Este relato mitolóxico foi despois o tema central da magna ópera O anel dos nibelungos (1848-1874), de Richard Wagner.
Hai outros selos na escrita de todo tempo, dende o anel co que chama Aladino ao xenio da lámpada en As mil e unha noites (s. IX) ata o anel da nai de lord Voldemort que contén un fragmento da súa ánima na saga Harry Potter (1997-2007) de J. K. Rowling, mais son o anel de Guigues, o de Salomón e, sobre todo, os aneis da mitoloxía nórdica os que están na base do máis célebre dos aneis do noso tempo: o Anel Único creado por J. R. R. Tolkien, que ben merece capítulo á parte.
Para gobernalos a todos
O Anel Único ou Anel do Poder explica o título e simboliza toda a grande aventura contida en O señor dos aneis (1954). Forxado por Sauron, o Señor Escuro, a súa razón de ser é controlar os portadores doutros dezanove aneis e, dese xeito, dominar toda forma vivente: os Reis Elfos (que posúen tres), os Señores Ananos (sete) e os Homes Mortais (nove).
A historia de como a Comunidade do Anel, co hobbit Frodo á cabeza, loita por desfacerse do anel é o argumento desta triloxía narrativa, que, como todas as grandes historias, é unha inmensa e fermosa parábola da loita entre o Ben e o Mal, entre as luces e as sombras que a todos nos habitan e, polo mesmo, entre a pugna da vontade fronte ao destino. Aí, e non noutro lugar, reside o auténtico poder para anular a destrución que aniña neste selo demoníaco, no que obraba a inscrita a terrible lenda que Gandalf leu: «Un anel para gobernalos a todos, un anel para atopalos, un anel para atraelos e para atalos por sempre nas tebras».
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- La Comisión Europea plantea que los aeropuertos de Oporto y Santiago no puedan ofrecer ayudas a las aerolíneas
