En tempo de verbenas
Unha achega antropolóxica

A orquestra París de Noia, nunha actuación en Bueu. / Gonzalo Núñez
Hai quen di que vivimos nunha terra de verbenas. Ao mellor non lle falta razón a semellante sentenza, se temos en conta que o espallamento típico da poboación de noso supón unha multitude de núcleos e que cada un deles conta coas súas propias festas populares, onde nunca falta a verbena; en moitos casos, mellor varios días de verbena. Trátase, pois, dunha circunstancia que implica unha florecente industria de orquestras, a mover actualmente arredor dos 25-30 millóns de euros anuais e empregar en torno a 4500 persoas, coa particularidade de conformar unha actividade que non goza de subvencións e que se move nun entorno fundamentalmente rural. Estes dous elementos son dignos de destacar. Dunha banda, o feito de ser unha industria florecente no medio rural choca coa tendencia xeralizada de despoboamento e decadencia deste mesmo medio noutros sectores. Por outra, cómpre resaltar que estamos diante dunha actividade pagada polos propios veciños, que son os que corren con todos os custos de posta en marcha e organización da festa.
Hai nas verbenas varios elementos a considerar desde o punto de vista da análise cultural. En primeiro lugar, o papel das festas populares: permiten reunir a comunidade, reforzar vínculos, renovar o sentimento de pertenza ao grupo, transmitir usos e costumes entre xeracións e mesmo competir coas parroquias veciñas, reforzando os sentimentos de orgullo e colectividade. A festa é un conxunto amplo de actos relixiosos, xantares en familia, xogos… que reforzan periodicamente o sentido de grupo. E entre estes actos, a verbena ocupa sempre un lugar destacado, como momento lúdico de socialización, cohesión social, reencontro cos de sempre e cos emigrantes que aproveitan o momento para voltaren. E se de verbena falamos, é imprescindible reparar no lugar da festa, no terreiro ou campo que se converte en algo máis ca nun simple lugar: un espazo socialmente construído, cargado de significado simbólico para os asistentes.
O terreiro está normalmente situado preto da igrexa. Durante o ano é un lugar neutro pero os días de festa transfórmase no centro da vida colectiva: alí ráchase co ordinario, vístese distinto, permítense unhas interaccións diferentes ao cotián… Tamén é importante a distribución do espazo: no centro, o palco ou hoxe, máis ben, o escenario da festa. Resulta interesante a ollada cara os palcos da festa, non eses das vilas para as bandas de música, senón os que foron construídos para as orquestras e que hoxe caeron en desuso coa chegada dos tráilers. Ás veces facíanse pequenos e os veciños mesmo os ampliaban cos remolques dos tractores. Diante, a pista de baile; nas beiras, o bar da comisión, as zonas onde se conversa e se reencontran as vellas amizades. O terreiro convértese nun espazo de memoria, cun sentido biográfico e sentimental para todos os asistentes.
E, coma non, a orquestra, ese fenómeno exitoso que percorre cada recuncho do territorio, ese negocio millonario que non falta en ningunha festa patronal. A historia das orquestras foi unha historia de evolución constante: partindo dos instrumentos de metal que nunca faltan, foron modernizándose cos tempos. A finais dos 60 comezaron a incluírse guitarras eléctricas e logo teclados electrónicos e baterías eléctricas; hoxe música electrónica e, as máis grandes, impresionantes espectáculos visuais. Polo que lle toca aos estilos, estes foron abríndose a multitude de ritmos, buscando un repertorio válido para todo o público: nos anos 20 incorporaron swing e foxtrot, foron entrando ritmos galegos, pasodobres, música de baile, música latina…E hoxe teñen presenza nas redes sociais e hainas que mesmo teñen club de fans.
Alén disto, cumpriría valorar noutro plano o papel da música tradicional nas festas populares, e lembrar tamén as charangas, ás veces consideradas as irmás pequenas, pero que tamén contan coa súa propia historia e desenvolvemento nas festas populares. A verbena segue a ser hoxe un momento vivo da cultura popular, un deses momento de distracción e cohesión que tanto necesitamos nos tempos que corren.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde