Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Son Sun Iou: «Egos»

Con mestizaxes sonoras

Os compoñentes de Son Sun Iou.

Os compoñentes de Son Sun Iou. / PABLO KAUFMANN

Certamente, os Son Sun Iou conforman un deses proxectos musicais nos que se fai absolutamente imposible poñermos unha etiqueta de estilo. Quizais rotularmos o rock como o denominador común pode devir o tellado que dea abeiro a un xeito de entender, e de facer cancións, dun conxunto que -a pouco que o escoites e conectes con el- fará moi axiña que te decates de que trascenden do propio feito musical para convertérense nunha proposta na que o humano, e o puramente social e comunal, axeitan marca, sangue e sinal.

Comezaron sendo tres e foron aumentando a formación até chegar a alineación actual con Tamara Martínez (teclados e voz), Lara Villaverde (voz), Maruxa (voz), Marta Sueiro (gaita), Alex (baixo e voz), Mikele Faga (guitarra), Elías Díez (guitarra) e Abel Magallanes (batería e percusións) e así achégannos agora o seu segundo traballo discográfico titulado Egos, que se presenta apenas dous anos despois do seu iniciático e notable disco de debut Agora (2024).

E outra vez os Sun Iou manéxanse con toda solvencia neses territorios nos que os marcos andan polo aire e, alén dun fermoso punkismo implícito, moitas liñas estéticas son posibles de atoparmos nas súas cancións. Ecos da música tradicional, pero asemade do rock, do punk rock, do pop e incluso da electrónica veñen converxer nunha mestizaxe sonora ao servizo dun discurso no que a humanidade e mais a nosa existencialidade non terían sentido sen unha mirada combativa, feminina e contemporánea. E así é como latexa o Egos, tal e coma un corazón que nos emociona e se emociona mentres sente as coitelas dun mundo no que non todo debería de valer.

Falamos, daquela, de cancións para sabermos quen somos e de onde vimos, para coñecer os camiños pero tamén os inimigos e mais esa súa nube tóxica que todo o tingue. Resiliencia, resistencia, identidade, actitude e moita auga regando imprescindibles raíces. Comentan eles que o disco quere ser unha crítica ao narcisismo e á hipocrisía que domina o mundo, e que quere ser voz de ánimo e chamamento ao apoderamento persoal e colectivo.

E así é, en efecto, mais tamén son cancións para a festa e para a celebración e onde o convite ao baile e a cantarmos xuntos goberna o leme de moitas delas. Un disco, en consecuencia, que garda momentos evocadores e de coidada luminiscencia como a nosa preferida «Quero», chamadas a insurrección en temas como «Desobedece», a crítica ap universo das redes sociais con «Dáme un like» na que conclúen «Eu son o teu post máis clandestino, un cancelo teu marca o rumbo que persigo», e tamén sitio para himnos celtic punk como «Frente ao mar» ou unha oda á resistencia dun baixista de cordas gordas e irreductible actitude.

Agora, e despois da presentación oficial hai unhas semans na Sala Rebullón en Mos, toca presentar as novas cancións polo resto do país e ir pouco a pouco deixando ben ás claras que hai un grupo pola parte de Teis con moito para facernos gozar, moito que contar, moito que aportar e nada que calar.

Roubarlle a Madonna

Quen rouba a un músico debería ter cen anos de desgrazas, de castigos e de maldicións bíblicas. Cada vez que aparece unha nova sobre unha furgoneta ou un local de ensaio profanado, un non pode pensar en máis nada que nesa salvaxe inhumanidade do(s) que arma tremenda tropelía. Un instrumento non é só un prezo a pagar en moedas, é un vínculo, unha parte do músico que se forxou en horas de contacto e amor pola música. Un instrumento pode chegar a ser un amor tan intenso, tan xeneroso e tan íntimo que iso non se pode vender nun rastro a cambio duns billetes mal pagados e clandestinos.

É obvio, pero a cada pouco sabemos daquel grupo, ou daquel músico ao que alguén con pouco corazón e moita delincuencia foi quen de sustraerlle o seu tesouro máis prezado, pero esta semana a nova que nos vén ao conto falaba dun roubo de traxes a unha flamante raíña do pop. No festival de Coachella, na California máis musical, tamén parece que pasan estas desgrazas e así uns amigos, ou amigas, do alleo foron quen de roubarlle á mesmísima Madonna uns deses icónicos traxes cos que se vestiu ao longo da súa exuberante carreira: un corsé, unhas botas e unha chaqueta Gucci que seica xa empregara anos antes na súa última aparición en Coachell. Tamén contan que un body lavanda, medias de encaixe púrpura até o xeonllo, luvas longas e un par de lentres de sol ben grandes e escuras.

Era a volta de Madonna á Coachella, convidada para colaborar con Sabrina Carpenter e seica o disgusto que lle quedou a triste e amolada. Pareceravos que estamos a banalizar co asunto pero vaia por diante que comprendemos a dor e a rabia de quen perde un prezado tesouro por moi raíña do pop que sexa. A ferramenta dos músicos e das músicas é material sacro e intocable. Oxalá unha boa praga de langostas lles arruíne a vida a quen se atreven á noxenta aventura de roubarlle a un músico.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents