Polos filóns do tempo
A Roteiro do Ferro de O Incio

Vista exterior de San Pedro Fiz. / Turismo.gal
Situado no sur da provincia de Lugo, O Incio estivo historicamente ligado á explotación do ferro, unha actividade que marcou profundamente o seu desenvolvemento. Hoxe, alén das atractivas paisaxes —como a contorna do encoro de Vilasouto—, ofrece a posibilidade de penetrar nese pasado a través do coñecido Roteiro do Ferro, un percorrido de case trece quilómetros que atravesa montes, vales e antigas galerías mineiras que, aínda que non son visitables, evocan unha época de grande actividade.
O traxecto empeza na aldea da Ferrería, onde está o manancial cuxas augas mineiro-medicinais foron declaradas de utilidade pública o 15 de xaneiro de 1884 e indicadas para trataren anemias e problemas gástricos, entre outras afeccións. O nome do lugar indica a abundancia do mineral tan utilizado ao longo da historia. As propias augas ferruxinosas deron fama e vida ao val e á poboación.
Alén do balneario e os seus avatares –o orixinal data de 1892–, a fonte medicinal localízase a 1,5 quilómetros do centro da vila, nunha fermosa contorna. O camiño prosegue entre frondas ata chegar a unha das minas do roteiro, a de Bouzallo de San Miguel, á que se accede por un carreiro duns vinte metros. Moi próximo está outro dos lugares de interese do traxecto, a Pena de San Mamede, un promontorio rochoso onde está habilitado un miradoiro e unha área de descanso. Tamén se lle chama Pena Escrita polo conxunto de petróglifos gravados sobre rochas de lousa situadas no mesmo miradoiro.
Ao cabo de tres quilómetros aparece a segunda mina, a do Couso, ao lado da fonte do mesmo nome. O camiño prosegue e no quilómetro 6 está a Mina de Fonte Barrosa e, un pouco máis adiante, a Mina da Tinta. Neste percorrido polo Roteiro do Ferro está tamén a Mina de Avión e, no punto 7,2, atópase outro fermoso miradoiro, o de Pena do Chao, situado no monte de Santa Bárbara, que ofrece unha magnífica panorámica do val do Incio e de varias aldeas.

Cova do Couso. / Turismo.gal
A seguinte galería áchase case ao final do camiño, a Cova das Choias, de orixe romana, xa no concello da Pobra do Brollón. O Roteiro do Ferro é un dos itinerarios sendeiristas máis antigos do sur lucense, conta con paneis informativos e algunhas variantes, como a propia Cova das Choias. Ademais o concello garda un valioso patrimonio cultural en forma de igrexas, cruceiros, hórreos, muíños, batáns ou pontes, entre outros elementos.
E se hai unha igrexa que reloce como poucas ese é o templo de San Pedro Fiz, no lugar de Hospital, xoia inigualable do románico. As canteiras próximas, de mármore, permitiron que a igrexa se erguese con este material, unha pedra en tons azulados que lle confire a súa fermosa e impoñente aparencia.
Ademais desta singularidade, a construcción destaca pola súa arquitectura e as moitas lendas que encerra. San Pedro Fiz é un templo de finais do século XII construído pola Orde de San Xoán de Xerusalén, sendo na súa orixe centro de atención aos necesitados e peregrinos, debido a que se alza nun desvío do Camiño Francés a Compostela. A súa silueta ábrese entre o verde para mostrar catro pares de columnas monolíticas con capiteis de adornos vexetais e a cruz de Malta no tímpano. Situado na antesala das montañas de O Caurel, o impoñente conxunto está formado pola igrexa parroquial, o campanario exento e mais o antigo hospital. Trátase dun templo-fortaleza situado nun lugar estratéxico, unha variante que unía A Pobra de Brollón, no Camiño de Inverno, e Samos, no Francés.
Apartadas do templo quedan dúas torres cadradas que pertenceron á fortaleza. Unha é hoxe campanario e a outra foi convertida en panteón dos señores de Quiroga no século XVI. Arredor do lugar figuran numerosas historias, como a que conta que o día que se levante a tapa do sartego de Frei Alonso de Quiroga, comendador do Priorado de Portomarín, derrubarase a igrexa.
Terra de mamuts
En 1961 cando uns traballadores extraían rocha dunha canteira en Buxán, no concello de O Incio, para transformala en cemento, apareceron uns restos fósiles dunha especie descoñecida. Desde 2019 o Roteiro do Mamut e dos Castros discorre pola zona onde se achou o único vestixio deste animal prehistórico atopado en Galicia. Son seis quilómetros de interese entre natureza e monumentos.

Réplica dun mamut e a súa cría. / turismo.gal
Ao comezo, en Lebón, existe un castro. Continuando o percorrido aparece a necrópole de Santa Mariña, catalogada como Ben de Interese Cultural. Situada no límite dos municipios do Incio, Sarria e Samos, encerra un conxunto de case corenta túmulos megalíticos construídos ao longo dun amplo intervalo de tempo, probablemente desde o Neolítico Final e o Bronce Inicial (entre o IV e o II milenio a. C.).
O PRG 239 prosegue polas proximidades dos castros de Goó e Bermún que, alén dun valioso patrimonio paisaxístico, encerran importantes elementos patrimoniais, como os poboados castrexos e unha cova. A gruta de Bermún comezou a ser explorada nos anos setenta, atribúeselle máis dun quilómetro de lonxitude e a auga que transcorre polo seu interior foi formando galerías e meandros.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas