Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Literatura

Memoria das feridas do século XX

Tendencias da narrativa galega actual (III)

Rosa Aneiros, Inma López Silva e Rexina Veiga.

Rosa Aneiros, Inma López Silva e Rexina Veiga.

Escribir sobre o pasado recente adoita ser atractivo para as persoas que se dedican á literatura. O paso do tempo fai que o rebumbio da actualidade se pouse e se decante, que o que hoxe nos parece caótico e inaprensible pase a ser coherente e abarcable. O paso do tempo constrúe unha xerarquía de feitos e relatos que estimula a curiosidade de autoras que xusto por non vivir o tempo, queren narralo para reconstruílo coa imaxinación.

Velaquí tres novelas que son boa mostra deste fascinio. Tres novelas premiadas no seu momento con prestixiosos galardóns. Tres novelas que, talvez non por casualidade, se escribiron e publicaron na primeira década do século XXI, cando culmina un proceso colectivo de recuperación da que se ten denominado como «memoria histórica», e que neses anos pasou do magma da sociedade civil á propia decisión institucional, fraguada en iniciativas e leis propiciadas tanto polo Goberno bipartito en Galicia coma polo goberno español de José Luis Rodríguez Zapatero (2004-2011). Foi o tempo no que os netos e as netas dos que viviron na propia carne as feridas da guerra e a represión fascista atoparon por fin un ambiente favorable a recordar, examinar e narrar.

Son novelas nas que o xeral e o familiar conflúen, nas que o misterio, como concepto literario, adquire unha nova dimensión e se converte en motor dunha pesquisa persoal e colectiva sobre o pasado e as súas páxinas ocultas ou mal contadas. E por iso cobra especial dimensión a combinación entre o eco das conversas con achegados que dan testemuño directo da época e a documentación de diversa natureza (libros, xornais, teses doutorais...).

Rexina Vega (Vigo, 1966) gañou o Premio Xerais no 2007 con Cardume, o seu debú na ficción e unha das súas mellores novelas. A partir dunha historia familiar real, a autora viguesa fai revivir a súa cidade natal xusto antes da Guerra do 36, cando atinxira o punto máis alto o seu primeiro e rapidísimo proceso de modernización e, grazas á apertura republicana, parecía que ía camiño de se converter nunha metrópole atlántica. A cidade é unha personaxe máis nun elenco moi ben traballado. A novela capta moi ben o que puido ser e ao final non foi, ese xogo entre ilusión e dor.

Tamén do 2007, e tamén premiada, desta volta co Premio Blanco Amor, é a obra Memoria de cidades sen luz, de Inma López Silva (Santiago, 1978). Malia as moitas obras destacadas da súa bibliografía, esta novela, que a autora publicou con menos de 30 anos, é ideal para achegarse aos principais presupostos da súa literatura. Un percorrido do século XX e a súa brutalidade a través dos ollos dunha vítima dos principais acontecementos que estremeceron o mundo, especialmente nas décadas do 1930 e 1940. López Silva converte ese tempo convulso nun universo narrativo onde destaca o equilibrio entre o real (coa presenza de personaxes importantes da nosa historia, coma Ánxel Casal ou María Casares), o pop (a música e o cinema da época, a xeografía urbana de cidades como A Coruña...) e o ficticio.

Dous anos despois, gaña o Xerais tamén Sol de inverno, de Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976), unha obra, ambiciosa e magna, de máis de 500 páxinas construída con cicel a partir dunha inesquecible voz en segunda persoa. Esta técnica consegue que se aproximen, case se biquen, memoria e historias, feitos e emocións, a través da personaxe, Inverno, que é testemuña, máis ca absoluta protagonista, dos principais acontecementos que provoca o golpe de Estado do 18 de xullo do 1936. Á parte doutras moitas calidades, a obra resolve con moito tino a síntese das diferentes órbitas nas que se desenvolveu o trauma da derrota e o exilio republicano, primeiro en Francia e máis tarde en Cuba.

As perdedoras da historia?

A relación entre a memoria e a literatura galega do século XXI é dabondo firme e plural coma para que non se esgote nesta entrega, polo que esta é só a primeira relación de títulos e autoras que nos serven para establecer o xeito no que as nosas letras se adentraron no noso recordo recente. Recordo mellor ca historia porque no caso que nos ocupa, a ollada sobre o noso pasado constrúese dun xeito subxectivo, parcial, doméstico ás veces.

Non é que poidamos definir estas novelas como de antiépicas, porque as situacións e personaxes que as protagonizan si gardan elementos de epopea, pero en todo caso son epopeas sen a melodía das fanfarras e o barullo das medallas. Epopeas de aparentes perdedoras que mercé á xustiza da historia recuperan o seu posto destacado grazas á curiosidade e á homenaxe das autoras que as rescatan do ostracismo.

Quizais non é unha das funcións principais da literatura axustar contas ou reparar agravios, pero é moi importante entender como o interese por reconstruír personalidades e ambientes na ficción casa co interese dunha parte da sociedade por querer saber máis daquelas que se afastaron á mantenta dos discursos hexemónicos durante moitas décadas, falemos de figuras reais, famosas ou descoñecidas, ou de arquetipos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents