Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A propósito dun conto

Ismael Ramos e o premio O. Henry

O poeta galego Ismael Ramos.

O poeta galego Ismael Ramos. / Xoán Álvarez

Comecemos por lembrar que o premio O. Henry é un dos galardóns máis prestixiosos aos que pode aspirar un escritor de contos. Nos seus inicios, alá por 1919, estaba orientado aos escritores e ás escritoras do mundo anglosaxón, pero desde 2021 tamén se lle concede a textos traducidos ao inglés. E este ano, un dos galardoados foi Ismael Ramos, o primeiro escritor en lingua galega e, asemade, o primeiro cidadán do estado español en facerse con el. Conseguiuno a unha idade envidiablemente temperá, aos 32 anos, e cun conto pertencente ao seu primeiro e único libro de narrativa: A parte fácil, publicado por Xerais en 2023.

O conto en cuestión, «A lebre», narra o traxecto en coche de dous irmáns, Raúl e Valeria, que se dirixen ao aniversario da noiva do seu pai. A medida que se aproximan á ponte de Rande e se esforzan por avivar a conversa, vaise perfilando unha inquietante realidade de fondo: os irmáns, malia residiren na mesma cidade, só se coñecen de xeito tanxencial; as súas vidas semellan afectiva e materialmente precarias e aínda seguen trastornadas por unha vella traxedia familiar. Sobre estas bases, o conto precipítase con elegancia -é dicir, como un nadador desde as alturas- cara á revelación dun segredo vergoñento.

A crítica insistiu en que os contos de A parte fácil están explicitamente emparentados coa tradición literaria norteamericana, e é certo. As situacións cotiás, os personaxes á deriva e o gusto pola contención e o detalle trivial remiten case que inevitablemente ás páxinas de Raymond Carver ou de Richard Ford. Non obstante, a sentimentalidade, os arranques de lirismo e, por riba de todo, a falta de ironía, non deixan de colocar os contos de Ismael Ramos nunha órbita bastante distante. Eu diría que o vínculo de «A lebre» e de A parte fácil coa literatura norteamericana resulta moito máis fecundo cando o encadramos no noso presente histórico.

Durante a lectura, non puiden sacar da cabeza o recordo de As correccións, de Jonathan Franzen, unha das novelas que marcaron a entrada da literatura occidental no século XXI. En poucas palabras, xira arredor da descomposición da familia como piar da sociedade norteamericana, situándose a medio camiño entre a ironía posmoderna e a busca da sentimentalidade. Lin «A lebre» como unha continuación de ambos postulados: como a aterraxe nun tempo histórico onde a familia quedou xa desbaratada e como unha aposta firme por unha sentimentalidade que nada ten de empalagosa nin de romántica.

Desde este punto de vista, os principais conxéneres literarios de Ismael Ramos xa non serían Raymond Carver e Richard Ford, senón novos autores como Ocean Vuong, cuxas narracións, consciente ou inconscientemente, prolongan o aldabonazo de As correccións. A primeira novela de Vuong, Na terra somos fugazmente grandiosos, céntrase nun mozo norteamericano de orixe vietnamita, Perro Pequeno, que lle escribe unha longa carta á súa nai -a pesar de que ela non saiba ler- para lle relatar as súas experiencias autobiográficas. E ao igual que sucede en «A lebre», a sentimentalidade é o principal termómetro que dá conta da súa vulnerabilidade e o libra do distanciamento irónico.

Xa sexa desde Vigo ou desde Nova Inglaterra, ambos os autores tratan de responderen con certa solemnidade á seguinte pregunta: que sucede cando se disolven os vínculos familiares ou, no seu defecto, se interpón entre pais e fillos un muro de formigón armado? A resposta de Ismael Ramos podemos lela gratuitamente na web da revista The Common, onde Jacob Rogers publicou a tradución ao inglés de «A lebre» que chegou até o xurado do premio. Porque, si, neste caso, tamén debemos parte deste recoñecemento ao excelente traballo dun tradutor cómplice.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents