Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«O Riso e a Faca» de Pedro Pinho

África non existe, as súas xentes si

Fotograma de «O riso e a faca».

Fotograma de «O riso e a faca».

Para Achille Mbembe, filósofo e teórico político camerunés, África constitúe unha forza cultural -epistemolóxica e política- que circula polo mundo do mesmo xeito que o faría unha corrente marítima nun océano: forma parte del, mais dentro de si é quen de preservar os seus propios e misteriosos movementos. Para Ryszard Kapuściński, xornalista polaco, África, máis aló do seu nome xeográfico, simplemente non existe.

En O Riso e a Faca (2025), o monumental proxecto do realizador lisboeta Pedro Pinho sobre a cuestión poscolonial, nada se axusta ao establecido por Hollywood en filmes do estilo de Blood Diamond, de Edward Zwick, ou Out of Africa, de Sydney Pollack. Sobre todo porque en Alkebu-lan, nome orixinario polo que se coñece o continente africano e que significa «nai da especie humana», xa non fica espazo para absurdas historias de amor nin para superheroes brancos. Os seres que habitan na actualidade os manglares das Illas Bijagós ou o Planalto do Adrar non queren saber nada en absoluto de ningún valor nin ética occidental.

Todo comeza cando o técnico ambiental portugués Sérgio (Sérgio Coragem) chega a Guiné-Bissau, tras a sospeitosa desaparición do seu predecesor, para analizar a viabilidade dun proxecto de construción dunha estrada que conecte as zonas dos manglares coa capital do país. El será, durante as tres horas e media que dura a metraxe (mellor dicir viaxe), o que guíe o espectador a través do intricado dédalo de desvíos narrativos polos que, felizmente, imos transitar.

O enxeñeiro, un home atractivo e amábel, mostra, desde o principio, un sincero desexo de comprender as persoas coas que convive e de se adaptar aos seus modos de vida. Non obstante, a súa candidez e a súa falta de coñecemento impídenlle ter consciencia do seu estatus privilexiado nun territorio habitado por negros que malviven en condicións miserábeis.

Pinho localiza a súa presenza dentro do relato como un elemento que bascula entre dous estados diametralmente opostos. Por unha banda, eríxeo como protagonista absoluto ao que a cámara quere contemplar constantemente e, por outra, posiciónao como un eterno forasteiro ao que o pobo non acaba de acoller. Co tempo as relacións do portugués cos outros traballadores comezan a se complicar, aparecen colegas que tentan presionalo con saborosas sumas de diñeiro e, por se isto non fose suficiente, a súa situación persoal vai enmarañándose cada vez máis entre as festas, o alcol, as prostitutas e a súa obsesión por Diára (Cleo Diára). O mundo que cría comprender e controlar esvaece lenta aínda que definitivamente.

A vida do escritor Charles Baudelaire estivo marcada por tres apegos: o seu proprio ser, as viaxes e Jeanne Duval, a súa Vénus noire coa que compartiu máis de vinte anos de amor bébedo, infiel e voraz. A ela dedicou a súa obra Les fleurs du mal e a ela transmitiu a súa sífilis. «Eu son a faca e o tallo atroz! / Eu son o rostro e a bofetada! / Eu son a roda e a mao crispada, / Eu son a vítima e o saión!», escribía o literato dez anos antes de morrer (de sífilis) e de condenar a morte ao seu grande amor.

O Riso e a Faca podería lexitimamente ser considerado como un filme-poema sobre a culpa e a autodestrución. Non só porque a súa configuración nos remite aos versos de Baudelaire, senón porque no seu devir percibimos os berros afogados dos sometidos. As personaxes, que Pinho delinea cunha habilidade poucas veces experimentada, adquiren a súa corporeidade a partir de sombras, de siluetas difusas, que lentamente se apoderan da anatomía dos seus intérpretes para, ao final, os destruír. Nun momento da historia Gui (Jonathan Guilherme) pregunta ao Sérgio que foi o que atopou na Guiné-Bissau que non exista na Europa, mais a súa resposta transfórmase nunha descomunal lousa que esmaga toda réplica. «Muita cousa», di.

«História de uma canção»

O caso do compositor Tom Zé foi distinto ao dos seus coetáneos Gilberto Gil, Maria Bethânia ou Caetano Veloso. Mais non moi diferente. Nacido nunha familia acomodada, grazas a un boleto premiado da lotería, Tom Zé creceu na agreste comunidade bahiana de Irara, no Brasil, até que, sendo adolescente, decidiu transladarse a Bahía para estudar guitarra clásica na Universidade Federal. En marzo de 1964 o golpe de estado apártao da escena pública e do movemento tropicalista. Tom Zé desaparece.

«O Riso e a Faca» aparece en 1973 como parte do álbum Todos os Olhos. A súa letra describe a convivencia e conveniencia dos contrarios dentro das persoas: «Quero ser o riso e o dente/ quero ser o dente e a faca/ quero ser a faca e o corte», canta o artista.

Pedro Pinho colle o título da canción porque, segundo as súas palabras, «os seus versos reflicten perfectamente a complexidade das emocións humanas e a necesidade dalgunhas persoas de vivir na inquietude constante. O repouso só existe no medio do movemento e a turbulencia»: «Fiz meu berço na viração/ Eu só descanso na tempestade/ Só adormeço no furacão».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents