Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Cartas entre amigos

Para atravesar a Negra Sombra

Fabio Rivas

«Anoitece ás miñas costas e as miñas costas dan á fiestra onde durmía miña avoa Dosinda e onde todas as noites falaba con El-Señor e agardaba a que meu avó regresase de entre os mortos para indicarlle como era o vida no alén.» Así rompe a terceira das cartas que Xesús Fraga (Londres, 1971) e Xerardo Quintiá (Friol, 1970) se intercambian e que veñen recolleitas neste Tempo de correspondencia.

A proposta, ata o momento pouco ou nada vista na nosa literatura, a xeito de epistolario entre os dous escritores que aínda viven, é máis un exercicio de rebeldía contra a inmediatez ca unicamente un atavismo literario. Neste tempo gobernado pola brevidade, polo apuro na resposta, pola instantaneidade e pola présa, en xeral, Fraga e Quintiá acóllense á pausa, ao pensamento demorado, á palabra que se constrúe desde a espera.

Estas páxinas transforman a conversa nun xénero literario de seu. Entrar nas cartas é entrar, con certo pudor e mais con gratitude, nun momento de especial fraxilidade para eles; é entrar na intimidade compartida entre dous vellos amigos que cruzan, un canda o outro, facéndose compañía, a brétema mesta da depresión —a cal eles denominan coa rosaliana forma Negra Sombra—, tan difícil de superar coma de habitar nela. Ambos os dous falan do seu estado anímico con honestidade: a apatía, o esgotamento físico e mental, a ansiedade, a incapacidade para ler e, xa que logo, para escribir.

Así e todo, non é un libro sombrizo nin pechado nunha espiral de dor que se retroalimenta. Hai nel unha celebración da amizade e da conversa como lugar de acubillo. Fraga e Quintiá escríbense para contarse, pero tamén para sosterse, para recomendarse música e libros, películas, para compartir lembranzas e saudades, para facer do intercambio epistolar unha forma de coidado. Tamén a correspondencia serve coma espazo onde reflexionaren sobre o propio oficio literario, ademais de aproveitarse delas para desvelarnos pequenos trazos das súas obras que están por vir.

Se cadra, ler Tempo de correspondencia vén conformar ao termo algo semellante a aceptar unha invitación a sentar nunha mesa onde dous escritores se abren sen o disfrace habitual de narrador. Ao final da lectura queda a impresión de que esa conversa, lonxe de pecharse, continúa no lectorado. E quizais sexa esa a mellor definición da boa literatura: aquela que segue a escribirse, logo de concluírmos o libro, dentro de nós.

Imagen

Tempo de correspondencia (2026)

Autor: Xesús Fraga e Xerardo Quintiá

Editorial: Xerais

Prezo: 16,62 euros

Unha ficción biográfica

Memoria do heroe que sorrí

Estro Montaña

Un traballador humilde de Moravia, Emile Zátopek, aparece só e con aspecto desamañado diante do cartel de Checoslovaquia nos Xogos Interaliados de 1946, provocando o riso do público. Pero este atleta, que corre de xeito pouco convencional, gaña a súa carreira e acabará batendo todas as marcas. A Locomotora Checa, que pasará a traballar no exército, será case invencible, gañará Olimpíadas e concursos cunha facilidade abraiante e o réxime convertérao nun instrumento de propaganda do seu país, ao tempo que controla os seus pasos, cambia as respostas das entrevistas nas que participa e espía a súa vida, pendente sempre de que non fuxa a Occidente nas súas viaxes.

Pero a Primavera de Praga de 1968 vai marcar o principio da decadencia deste heroe, a quen van expulsar do Partido e do exército, trasladarán a una mina de uranio e a outros destinos, como o de xardineiro. Aos problemas da idade engádese a marxinación a que se ve sometido, pero a súa popularidade mantense viva e el sorrí sempre.

Jean Echenoz, ganador do Goncourt e de varios premios máis, escribe unha biografía novelada con prosa concisa e irónica, case cinematográfica, focalizando momentos claves que transcorren ao longo de 40 anos. O relato é unha metáfora brillante do esforzo por sobrevivir con arte senlleira ao corsé dunha sociedade opresiva.

Imagen

Correr (2026)

Autor: Jean Echenoz (traducido por Moisés Barcia)

Editorial: Rinoceronte

Prezo: 18 euros

Texto e polisemia

Con luz propia

María Navarro

A polisemia apodérase do texto que Eva Mejuto publica en Xerais para definir unha vida e unha obra marcada polo compromiso coa lingua e a cultura, polo activismo político e social, polo desexo de igualdade entre homes e mulleres e pola consciencia de que un mundo mellor era posible.

A pequena biografía de Begoña Caamaño que a autora recolle baixo o título Os fíos de Begoña preséntase ao lectorado de maneira amena e desenfadada escollendo de forma precisa a información sobre a súa vida e as circunstancias persoais que a rodearon, intercalando a súa voz a través da cal sabemos do seu pensamento e achegando referencias contextualizadas das súas obras que permiten captar a esencia do que foi, de como viviu e da importancia do seu legado.

Os fíos da memoria, os que tecen as redes entre mulleres, os que reinterpretan os mitos clásicos, os que nos levan a recuncar na literatura galega, os das ondas, os das amizades, os dos acordes… todos foron quen de tecer unha existencia plena, intensa e apaixonante que trascende no tempo e funda un novo territorio simbólico baixo unha luz propia que rende tributo á tradición e á actualidade.

A metáfora dos fíos sérvelle a Eva Mejuto para amosar maxicamente a figura da homenaxeada nas Letras Galegas 2026 e á ilustradora, Nuria Díaz, para conmemorar co trazo e a cor as conexións que Begoña Caamaño estableceu ao longo da súa vida e que a levan ata a actualidade.

Imagen

Os fíos de Begoña (2026)

Autor: Eva Mejuto (ilustracións de Nuria Díaz)

Editorial: Xerais

Prezo: 15,50 euros

Romper cos roles

Dende unha paternidade presente

Laura Paz Fentanes

Afeitas a ler sobre a vivencia maternal, Pai racha co modelo tradicional e as masculinidades fráxiles e hexemónicas para erixirse como un canto paternal á infancia. No poemario asistimos á vida dende os primeiros textos, nos que se pregunta polos motivos para ter descendencia. Avanzamos aos de embarazo, nos que, entre outras cuestións, se abordan máis incertezas e como experimenta todo isto a persoa non xestante. Logo chega o parto, a mudanza da vida e as seguintes fases do crecemento. Neste punto aparece un poema chave: «O que non vai ben», que evidencia a tan frecuente e normalizada ausencia da figura paternal nos momentos máis vitais da vida dun fillo.

As seguintes composicións avanzan rapidamente no tempo, dende aprender a camiñar ou socializar no colexio até outras máis universais, como a comparación da crianza da voz poética e a do seu fillo. Tamén se presentan aquí os poemas sobre a importancia do legado da lingua propia e a necesidade de políticas máis xustas.

Os restantes mostran interaccións paternofiliales coas que calquera proxenitor presente se pode sentir representado. Aínda que moitas destas composicións amosan as facetas máis fermosas da crianza, outras non eluden o reto de criar nun mundo tecnolóxico, a vivencia da pandemia da covid ou a importancia de romper cos roles tradicionalmente asociados a nenos e nenas.

Imagen

Pai (2026)

Autor: Miguel Louzao Outeiro

Editorial: Xerais

Prezo: 13,50 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents