Gárgolas de Compostela
Unha actualidade polémica

Gárgola no Hospital Real-Hostal dos Reis Católicos. / Antonio Hernández
A visualmente agresiva e desafortunadísma intervención sobre as gárgolas do antigo Hospital Real de Santiago de Compostela -Hostal dos Reis Católicos- pon de actualidade estes singulares elementos arquitectónicos que ocupan as marginalia das construcións desde a Baixa Idade Media e que no caso compostelán teñen unha adscrición cronolóxica maioritaria entre os séculos XVI e XVIII.
Xorde esta polémica pouco despois de reedición dunha moi atractiva publicación de Benxamín Vázquez González, con fotografías de Xaime Cortizo: Gárgolas de Compostela (Alvarellos Editora, 2026), que nos permite seguir o rico patrimonio compostelán de gárgolas, presentes sobre todo no Hospital Real, na Casa da Parra e nos mosterios de San Martiño Pinario e San Paio de Antealtares. O libro configúrase por medio de sintéticas fichas de cada peza, ben documentadas e traballadas bibliograficamente, e acompañadas dunhas fotografías de calidade que facilitan o achegamento a estes elementos de elevado valor estético mais de dificil visibilidade inmediata.

Javier Rosende Novo
No básico, as gárgolas responden aos mesmos principios que se poden ver nas decoracións dos manuscritos iluminados de finais da Idade Media, en concreto nas marxes dos escritos que utilizan en xeral elementos decorativos, como debuxos de enleado entrelazamento e drôleries -un tipo de iluminacións decorativas nas marxes dos manuscritos que desenvolven unha escena de fantasía máis ou menos cómica, alleas ao texto- con imaxes de bestiario.
Xa no caso dos exemplos composteláns, cómpre destacar, como fai Benxamín Vázquez no seu libro, que a capital galega é unha das cidades europeas con maior densidade de gárgolas que testemuñan o sobranceiro labor dos anónimos pedreiros que se moven entre os ecos da tradición dos bestiarios medievais e a liberdade imaxinativa, liberdade que poden pór en practica en espazos afastados dos ámbitos en que deben cinguirse aos programas iconográficos previamente estabelecidos.

Gárgola na zona histórica compostelá. / Antonio Hernández
Neste sentido, debemos lembrar que non sempre na arte medieval, renacentista e barroca os animais posúen carácter simbólico. Frecuentemente, como é habitual nas gárgolas, as representacións animalísticas non gardan relación cun programa iconográfico. O que percibimos son uns temas e motivos comúns a toda a cristiandade latina como corresponde a unha cultura que mantén unha forte homoxeneidade en todos os ámbitos, o que fai que recoñezamos un mundo común aos contemplarmos gárgolas de Compostela, París ou Praga.
O que existe, por tanto, é unha cultura común, que se fundamenta nunha visión simbólica do universo mais que tamén permite unha ampla liberdade de plasmación concreta. Os homes e mulleres do tempo da elaboración destas representacións vivían nun mundo poboado de significados, de sobresentidos, manifestacións de Deus nas cousas, na natureza, que falaba continuamente nunha linguaxe icónica, na cal –como afirmaba Umberto Eco- un león non era só un león, unha noz non era só unha noz, e para a que un grifón era tan real como un león, porque ambos eran signos dunha verdade superior. Eco explica este aspecto da mentalidade como unha prolongación da actividade mitopoética do home clásico, adaptada ao ethos cristián, elaborando novas figuras e referencias.
Bestiarios, plantas, minerais
Como sinala Berxamín Vázquez no seu libro, os canteiros tiñan en conta as ilustracións dos bestiarios, que eran coleccións de relatos de animais reais ou fantásticos en que se describían as súas propiedades e aos que eran atribuídos significados simbólicos. Tamén adoitaban inserir plantas e minerais.
De cada animal expuñan as súas propiedades -reais ou manipuladas-, incluíndo as características físicas, os comportamentos e costumes, a súa relación con outras especies e co ser humano, e de cada propiedade era extraído e explicitado un significado simbólico, co fin de ensinar e explicar o dogma cristián ou moralizar nalgún sentido.

Gárgola na rúa do Vilar de Santiago. / Jesús Prieto
O mundo grecorromano tratara dos animais en libros de ámbitos varios: nas fábulas e nas obras de historia natural, de caza e pesca, de medicina, de veterinaria e similares, porén os bestiarios son unha creación propia da Idade Media, cun éxito extraordinario nos séculos XII e XIII, mais que seguirán presentes nos séculos seguintes.
As gárgolas, participando desta cultura común, teñen tamén moito desa liberdade do situado nas marxes, deses «caprichos de canteiro» ao que acertadamente remite o autor desta interesante publicación que nos achega a un patrimonio a respectar na súa integridade e orixinalidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas