Literatura
Arturo e nós
100 anos de «Na noite estrelecida» de Ramón Cabanillas

O Santo Grial do Cebreiro.
Explicáballe Vicente Risco a Antón Losada Diéguez, xaneiro de 1922, como fora que el comprometera «ó Cabanillas para que me fixera un poema sobre cada unha destas 4 cousas: o Corno de Breogán, a Estrela do Apóstolo, A Espada do Rei Artur e a Copa do Sant Graal, sobre as lendas que eu fixen e que el adornará ó seu xeito. Logo, eu escribirei uns comentarios longos con obxecto de adoptarmos esas lendas e facer con elas definitivamente o noso ciclo épico relixioso». En realidade, o poeta nacido en Cambados presentara xa no número 145 de A Nosa Terra, xullo de 1921, os versos de «O cabaleiro do Sant Grial»; isto é, a segunda das tres sagas que conforman Na noite estrelecida, volume de cuxa aparición -en Edición Lar, Mondariz- se cumpren nestes días 100 anos e que vén de ser reeditado -da man do autor destas liñas, e saiban desculpar os lectores a autopublicidade- por Editorial Galaxia. Na noite estrelecida, unha obra culminante no devir de Cabanillas -el mesmo xulgaba que se trataba da súa mellor creación- e, sen dúbida, un dos títulos máis brillantes na historia das letras galegas.
Risco escríbelle a Losada Diéguez en 1922; o noso poeta presenta o seu labor en 1926. En ambas as datas reinaba en España Afonso XIII. Porén, a situación política española mudara substancialmente no transcorrer deses catro anos. Se no 22, e no medio dunha situación socio-política ben confusa, o país aínda transitaba pola vía da monarquía constitucional, en 1926 -e logo do golpe de estado incruento de setembro de 1923-, a ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera semellaba estar pasando aínda polos seus mellores momentos.
En xaneiro de 1922, o movemento nacionalista galego andaba, do seu lado, nas vésperas dunha ruptura -anunciada durante a III Asemblea Nacionalista (Vigo, 1921)- que se foi concretar cando a maioritaria Irmandade da Coruña rexeitou os acordos tomados na IV Asemblea (Monforte de Lemos, febreiro de 1922). Xa en 1926, e para alén de cada un dos dous bandos enfrontados, o goberno de Primo de Rivera tornara imposíbel calquera actividade política aberta por parte do galeguismo.
Situados en semellante conxuntura, o lanzamento de cinco volumes -entre eles, claro é, Na noite estrelecida- por parte de Cabanillas nunha mesma cronoloxía obedece de certo a un proxecto planificado que non vén se outro que o de amosar a resistencia da cultura de noso perante as imposicións da ditadura. Xa que logo, a obra que estamos a comentar ha de ser inscrita sempre nos lindes do nacionalismo galego e, máis en concreto, naqueles da dirección liderada por Risco: é dicir, un nacionalismo céltico-cristián, con características esotéricas, e que procuraba a dignificación mítica de Galiza como grande obxectivo.
Mais Na noite estrelecida axeita tamén, e sobre todo, unha obra de arte. Encadrábeis nas coordenadas da xeira modernista, os versos de Cabanillas procuran, no entanto, algo máis: xorde neles unha decidida vontade por atinxir o que, da nosa parte, temos denominando como «a procura dunha estética nacional». E é por iso aínda, que se poidan enxergar nas sagas outras presenzas diversas -velaí, daquela, os ronseis de Tennyson, de Wagner (singularmente, do seu Parsifal) ou a concorrencia de elementos procedentes do Saudosismo portugués, capitaneado por António Sardinha, Leonardo Coimbra e, desde logo, Teixeira de Pascoaes- á canda do aproveitamento de lendas nativas -o cáliz do Cebreiro- ou a homenaxe ao mundo céltico de Pondal.
En fin, Ramón Cabanillas foi quen, ao cabo, de construír un texto nitidamente persoal e, ao tempo, enmarcado na mellor tradición da literatura europea, e que hoxe estamos a celebrar felizmente.
Un país para a lenda
«Caerleón, a cibdade das pedras milenarias (...) afundida na sombra salaia tatexante / ó arrolo do Uska fervente e resoante». Certamente, Caerleon-on-Usk é unha vila situada no sur de Gales. O anfiteatro romano alí existente veu ser asociado con Camelot e mais a Mesa Redonda do rei Arturo. Porén, Caerleon, e a pesar dos versos -«Mediou a noite sagra da festa do Nadal / e o xentío enche a nave da vella catedral»-, carece de tal edificio. En consecuencia, o lector avisado de Na noite estrelecida poderá comprobar que a descrición do templo que Cabanillas leva a termo non vén ser outra que a da catedral de Santiago de Compostela, nun evidente proceso de galeguización dos mitos artúricos por parte do cambadés.
Mais se por iso fose pouco, estrofas adiante poderemos comprobar como a espada Escalibor (sic) brilla, «nunha furna que galgantes / zarran as ondas do mar», situada na illa de Sálvora, na bocana da ría de Arousa. En fin, Galahaz, o heroico cabaleiro de Arturo, atopa o cáliz máxico, o Santo Grial e no día de Venres Santo, na «montaña milagreira / do Cebreiro-Montsalvat».
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas
