Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rubearth na 080 Barcelona Fashion

Na semiótica dos nosos días

Grandes sombreiros na estética de Rubearth.

Grandes sombreiros na estética de Rubearth. / Ferrán Casanova

A 080 Barcelona Fashion celébrase no Port Vell da cidade condal, na vixente edición de abril do 2026. Nesta convocatoria reúnense os máis senlleiros creadores de vangarda da escena española para desfilar coas súas novas coleccións e trabaren nos showrooms acordos comerciais con distribuidores e medios de comunicación. 080 é equivalente a mocidade, experimentación e risco estético.

Unha das firmas que participa neste evento é Rubearth, a compañía creada por polo graduado en Moda pola Universidade de Vigo, Gabriel Nogueiras. O proxecto empresarial Rubearth foi premiado na pasarela de Madrid MBMFW en dúas ocasións e recoñecido internacionalmente en múltiples certames. A radical concepción de arte e moda que articula Rubearth fai dela un espazo onde se respira xuventude, alegría e ganas de vivir.

Con gran coñecemento da semiótica dos nosos días, as siluetas de Rubearth basculan entre as innovacións tecnolóxicas, a sustentabilidade dos materiais, a trazabilidade da produción e o eclecticismo estético nun ámbito de moda con espírito mozo. Rubearth ten, ademais, un discurso contemporáneo co cal unha soa palabra ou frase serve para facer un gran titular. Os sombreiros, os chapeus son sen dúbida esa frase nas modas de Rubearth. Tocados grandes, impoñentes, cun volume que non se pode deixar de mirar e que converte unha silueta, certamente singular, en algo único e recoñecible.

Ese xeito de acentuar a moda pode recordar a Cristóbal Balenciaga nos anos 1940. Daquela, os austeros e xeométricos traxes xastre do contexto da guerra mundial eran transformados nunha fantasía estética grazas aos enormes chapeus que Wladzio D´Attainville deseñaba para a firma española, asentada en París. Máis era máis no momento luctuoso do menos inevitable da guerra.

Outra referencia nas modas de Rubearth é o eclecticismo imperante na nosa época da hipermodernidade. A clientela ten arestora moita cultura e coñecemento sobre moda, as propostas dos modistos avanzan paralelas ás necesidades dun consumidor voraz que sempre demanda máis e que ten capacidade de xulgar con criterio as propostas dos creadores.

As siluetas que propoñen os modistos e deseñadores do século XXI parten dunha teima ou leitmotiv para a colección e mesmo para a casa de modas que se pon a proba con cada temporada. A información veloz dun mosaico nun monitor de computadora; a mestura de estilos e épocas coa que educamos o ollo coas series de Netflix ou HBO; a celebración da diversidade nas complexións físicas; a desaparición dos protocolos na vestimenta; todo iso fai que a moda do XXI sirva máis que nunca para decidir un mesmo como representarse e como presentarse ante os outros. Logo as propostas dos creadores empregan esa técnica de Thermomix que é a hipermodernidade. Todo para todo en toda ocasión.

O Camp expresado por Susan Sontag como a hipérbole estética dun espazo artístico coñecido que se eleva aos altares do bo gusto, aparece nas coleccións de Rubearth. Así evocan as súas imaxes a Thierry Mugler, fannos revisitar Claude Montana, e soñamos coa estética sempre leda rock star de DSquared. Rubearth é todo iso con nome propio, o artista cultivado na era do Big Brother.

O zapatiño de cristal

Cincenta, o coñecido conto de Charles Perrault, logo tamén coñecido como a ópera de Rossini La Cenerentola, xira arredor de atopar o amor e a felicidade. Para acadalos, hai que atopar o zapatiño de cristal.

Pois ben; nas coleccións de Rubearth hai zapatiños de cristal, a silueta coróase cun enorme chapeau e ten na base uns zapatiños, zocos, coturnos, zapato deportivo ou de chuvia. Iso si, sempre con cores rechamantes, materiais novidosos, deseños vertixinosos e sentido do humor.

A moda na época das grandes corporacións na que nos atopamos segue unha sistemática moi celebrada en Francia que son os concursos convocados por eses grandes grupos multinacionais e multimarca. Os gañadores obteñen un premio económico solvente, axuda técnica e asesoría empresarial. Así aconteceu por exemplo coa famosísima arestora JACQUEMUS. O saturado universo da moda precisa de novo talento para seguir adiante.

Rubearth é, sen dúbida, un novo talento que cómpre ser catapultado ao firmamento da gran moda. Ten grandes chapeus e zapatiños de cristal, ten mestura de prendas, e liberdade de cores. Ten o Zeitgeist, merita o premio, contrato e gran lanzamento. Oiches, neno?

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents