Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os 300 de noso

Soldados galegos en Escocia

«A batalla de Glenshiel», de Peter Tillemans.

«A batalla de Glenshiel», de Peter Tillemans.

Joaquim Ventura

Joaquim Ventura

Unha das eivas da historiografía unitarista española é a ignorancia sostida verbo das pequenas historias rexionais. E cando esa historiografía se centrou nas persoas dos reis a maior gloria da sacrosanta monarquía, agochou o que ao seu servizo fixeron homes e mulleres por España adiante. Unha desas historias agochadas e ocultadas foi a peripecia de trescentos soldados galegos en terras de Escocia en 1719.

Despois da Guerra de Sucesión española, co Tratado de Utrecht (1713) Inglaterra impuxo a súa hexemonía en Europa a cambio de aceptar a Filipe V de Anjou na coroa de España. O primeiro Borbón español viuse obrigado a ceder Xibraltar, Menorca, os territorios dos Países Baixos, Sardeña, Sicilia, Nápoles e o Milanesado. Porén, o asesor do monarca, o cardeal Giulio Alberoni, teimou en atacar Inglaterra. Entón, España reocupou diversas terras italianas pero ben axiña a resistencia inglesa derrotou unha armada española en Siracusa. Alberoni pensou que un desembarco inglés na península Ibérica sería un desastre. Quixo adiantarse atacando, á súa vez, territorio de Inglaterra, daquela en guerra civil contras os seguidores do deposto rei Xacobo III Estuardo. En decembro de 1718 declaroulle a guerra á «pérdida Albion».

Como manobra de distracción, pretendía infiltrar soldados españois en Escocia, co concurso de clans xacobitas, para provocar así o traslado de tropas inglesas, de maneira que o sur de Gran Bretaña quedase desguarnecido. Organizada unha primeira expedición en Cádiz, a meteoroloxía forzou que a frota española tivese que procurar abrigo en diversos portos. Entre tanto, os ingleses mobilizaron cinco barcos cara a Escocia.

En 1719 dúas fragatas partiron en apoio dos xacobitas. O núcleo da forza armada española era o antigo Terzo de Lombardía, estacionado en Benavente. Como se lles engadiron os rexementos da Coruña, Lugo e Ourense, pasou a ser chamado Rexemento de Galicia. Comandado polo vilalbés Nicolás de Castro Bolaño, partira de Pasaia. Despois de que os escoceses ocupasen a illa de Lewis, as naves españolas tiveron que regresar a Ribadeo. Abortada a operación, en Madrid esqueceron a presenza dos galegos en Escocia. Mais o destacamento permaneceu en terras escocesas e tivo o apoio nativo, con Robert Roy Mc Gregor (Rob Roy) á cabeza. Un exército inglés de mil homes chegou ás desoladas valgadas de Glenshiel, cuxas montañas dominaban os xacobitas. Lembranza do paso dos nosos son os topónimos Bealach-na-Spainnteach («Paso dos españois») e The Peak of the Spaniards («Pico dos españois»). Despois dun primeiro ataque adverso para os ingleses, Rob Roy foi ferido e os escoceses abandonaron o campo de batalla. Os españois quedaron en minoría e, despois de presentaren batalla e con vinte baixas, rendéronse. Aos 274 apresados permitíuselles marcharen en formación, coas súas bandeiras, ata Edimburgo, onde se reuniron cos que foran feitos prisioneiros no castelo de Eilean Donan cando desembarcaron. Meses despois, por acordo hispano-inglés, foron liberados e regresaron a España na fragata inglesa «Flamborough».

Co paso dos anos, o Rexemento de Galicia foi estacionado en Cuba en 1825 ata a súa disolución un tempo despois. Foi restaurado en 1842, cos símbolos do Tercio Viejo de Galicia. Logo estivo na guerra de Marrocos, na pacificación de Annual. Sumouse ás forzas sublevadas en 1936 e participou na batalla de Sabiñánigo. Permaneceu en terras aragonesas como forza de montaña ata a súa reconversión en 1965 como «Rexemento de Cazadores de Alta Montaña Galicia 64’» e está sediado en Xaca. Goza do privilexio de non render as súas bandeiras máis que diante do Santísimo Sacramento.

Disque no castelo de Eilean Donan -hoxe restaurado e declarado monumento nacional- segue a habitar a fantasma do capitán dos galegos que o defendeu.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents