Libros destacados da semana

FdV / FdV
VV. AA.
Zombis en Vigo
Crítica social e desfase
Fabio Rivas
«Non sei que cona quere dicir, pero págolle para non aturalo e para apagar a miña mala conciencia. Oxalá puidese apagala cun billete.» A revista dixital Biosbardia convocou en 2023 o II Premio Aira de Novela por Entregas, cuxo galardón implica a publicación da novela gañadora no catálogo da editorial. Foron cinco as persoas que nel participaron e foron estas mesmas cinco persoas as que escolleron Carne picada, ópera prima do vigués Adrián Bokas (1986), como a mellor.
A novela lévanos a un futuro ben próximo, no 2027, onde os seres humanos se converten nunha sorte de mortos viventes ao facer os corenta anos. Estes individuos sen vontade propia son empregados na industria como man de obra barata e incansable; o protagonista, Cibrán, traballador dunha fábrica, vive coa angustia de saberse a piques de alcanzar esta idade e transformarse nun destes incons.
O máis interesante desta distopía é a crítica social e mais a narración de corte existencialista que, sempre apoiándose nun humor máis ben escuro, nos describe a evolución de Cibrán neses derradeiros anos de vida consciente. Bokas escolle un narrador en primeira persoa para, grazas ao emprego dun rexistro coloquial —os diálogos son unha auténtica verbena—, presentarnos un individuo desencantado, atrapado entre unha rutina laboral, o consumo de alcol e todo tipo de drogas e unha vida emocional máis ben precaria. Este ton existencialista vai medrando a medida que Cibrán toma consciencia da súa transformación e decide modificar o rumbo da súa vida.
Desde o punto de vista estilístico, Bokas opta por unha prosa áxil e sinxela, sen grandes artificios retóricos, que privilexia a fluidez narrativa e a inmediatez e que lle vai ao dedo á natureza da obra. Con todo, cómpre dicir que nalgúns momentos a abundancia de coloquialismos e expresións vulgares réstalle intensidade a certas pasaxes de maior carga dramática. A estrutura por entregas provoca tamén irregularidades no ritmo. Hai capítulos de gran forza narrativa, como aquel en que se describe a transformación dun veciño en incon ou o accidente laboral do protagonista, mentres que outros funcionan máis como transicións ou momentos de reflexión.
Xa por último, a atmosfera densa e abafante asolaga a novela de tal modo que encaixa dentro do xénero negro con maior acerto ca a maioría de obras que hoxe así publicitan as editoriais.
Infancia e maternidade
Poesía do pasado, poesía do futuro
Laura Paz Fentanes
A poesía de Patricia Sánchez Abeal desdóbrase en Trazo dobre porque así se titula e porque as liñas se entrecruzan para que poidamos ver e vernos a un tempo. Lembramos a infancia, pero tamén ollamos cara ao futuro que imos tecendo.
Aínda que o poemario se presenta sen divisións aparentes, as citas que preceden algúns dos textos permítennos discernir tres partes. A primeira, lévanos á nenez: os pais, os irmáns, as amigas, os xoguetes… Tamén os recordos, que fican impresos nun álbum de fotos: «Nas fotografías / non sabía quen era quen / tampouco os demais .»
Na segunda, as persoas, a través dun vídeo de voda, son coñecidas pola voz poética, quen, dende outro momento vital, é capaz de dar respostas: «toda a familia / sorrindo / amigos de lonxe / que non volvemos ver / parellas rotas / crianzas agora adultas / os que xa non están // É aquí onde se desbordan os límites, onde a mestura enriquece e onde dous xeitos de criar xeran unha nova crianza: «Agora aquí / todo depende / se gaña a fame / a paisaxe / o sol / ou cal das dúas saudades».
Na terceira parte, a vida e os sentimentos agroman até o poema final: unha composición on se desmitifica o parto e onde, doutra banda, se reitera a maternidade e mais a infancia, as dúas caras dunha mesma moeda, un trazo dobre.
Incisivo realismo
Das inxustizas de xénero
Xosé Feixó
Teresa (1886) é unha das obras máis emblemáticas do realismo italiano, recentemente publicada por Hugin e Munin en galego, en tradución de Isabel Soto, e unha das novelas máis famosas da milanesa Anna Maria Zuccari, máis coñecida polo pseudónimo de Neera (1846-1918). A historia narra a vida de Teresa Caccia, muller que medra nun ambiente provincial asfixiante, baixo o dominio absoluto dun pai autoritario e unha nai resignada e infeliz.
Nada raro, pois; e, ademais, pois é algo semellante ao que lle pasou persoalmente, ao quedar orfa aos dez anos e vivir baixo a severidade das tías paternas, e de forma precaria, aínda que en 1871 casou co banqueiro Emilio Radius. Por riba, como filla maior, Teresa vese obrigada a sacrificar a súa propia felicidade ou existencia polos intereses familiares, especialmente para axudar a que o seu irmán Carlino poida estudar.
O conflito central xorde ao rexeitar Teresa un matrimonio de conveniencia e namorarse de Egidio Orlandi. Retrátase con dureza a submisión feminina e a presión dunha ríxida moralidade social. A través dun realismo incisivo, Neera explora as frustracións dunha moza que ve como a xuventude se esvae entre obrigas domésticas e a indiferenza dos que a rodean. Obra fundamental para entender as inxustizas de xénero, non só na súa época.
O centenario dun clásico
Acertada edición
Estro Montaña
En 1926, Cabanillas publicou Na noite estrelecida, poemario que ten como eixo a materia de Bretaña. Agora, coincidindo co centenario, X.R. Pena presenta unha nova e acertada edición, acompañada de múltiples notas e dun clarificador prólogo.
Cabanillas fai Na noite estrelecida unha reinterpretación do mundo artúrico e coloca en lugares como a illa de Sálvora ou no Cebreiro episodios relacionados coa espada Escalibor ou co Santo Grial, cun estilo modernista e versos que o consolidaron como un dos grandes poetas da pasada centuria. Neste título emblemático, o autor de Cambados fai acarreo de materiais de orixe diversa na procura por alicerzar os presupostos do nacionalismo cristián das Irmandades da fala. No libro recréanse episodios do mundo artúrico, elementos do celtismo, referencias a Pondal, ossianismo…, que cristalizan nun eido mítico que idealiza o pobo galego, destinado a ocupar un alto lugar histórico, e ao que non lle son alleos o misticismo, a saudade e, como corresponde a unha nación idealizada, un pasado nobre.
Máis alá da recreación das lendas, a obra do cambadés entra nunha directa correspondencia coa ideoloxía católica nacionalista que buscaba un pasado de gloria para fundamentar un futuro ditoso nunha Galicia rural e tradicional. Sen dúbida, un volume moi recomendable.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas
- Un furancho de Redondela, multado con 45.000 euros por no dar de alta a sus trabajadores