Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Do «Código Cupim»

Fernando Casás presenta no MARCO de Vigo as súas «pequenas madeiras furadas»

O «Código Cupim», de Fernando Casás.

O «Código Cupim», de Fernando Casás. / Pedro Mina

O pasado martes, día 21 do mes en que estamos, foi presentado no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o libro de artista de Fernando Casás Código Cupim 1965-1987, primeira publicación da Fundação Ars Natura Fernando Casás & Mina Marx. Trátase dunha edición de apenas 100 exemplares que insire poemas do autor e gravados impresos en gráfica, que teñen como referencia temática, como o título sinala, ás térmites -cupins en portugués do Brasil-. Fernando Casás (Gondomar, 1946) define no texto limiar este conxunto de obras como «pequenas madeiras furadas» para as que o cupim serve metaforicamente para lecturas simbólicas que unen na obra o vital e o político, algo tamén ben evidente nos textos poéticos.

Cómpre lembrarmos que o traballo de Fernando Casás se desenvolveu en momentos decisivos da súa evolución no Brasil e a arte brasileira é unha das máis dinámicas, senón a máis, de toda América Latina e que nas últimas décadas avanzou na experimentación sensorial e no uso de novos materiais e medios.

A obra do noso artista conecta de xeito singular, cun carimbo propio, coas correntes Arte & Natureza, Land Art, cunha relación do home coa súa contorna non propiamente etnicista aínda que manifeste un fondo interese polos problemas que o mundo indíxena padece. Casás traballa desde unha intensa singularidade, que incide na investigación, cunha notábel sensibilidade a respecto do uso e fruición do material, movéndose en ocasións dentro de coordenadas conceptuais, mais con manifesta liberdade, afastándose de presupostos puramente construtivos, mais sen renunciar a eles no que teñen de referentes naturais na súa forma, sendo esta o resorte fundamental do seu proceso creativo.

Seguindo esta liña, no Código Cupim, natureza e a arte forman un todo, nel está o substrato da vida, o auténtico ADN, un mundo primixenio ao que nos levan os seus versos e as obras gráficas. Este aspecto do seu labor é algo que tamén sinala elocuentemente Xosé María Álvarez Cáccamo no seu texto de presentación, que liga os poemas de Casás con relevantes proxectos expositivos do artista como a Arqueoloxía do lugar (2004) ou O agora foi e o denantes será (2012-2013).

Fernando Casás (3º á esquerda) durante a presentación de Código Cupim no MARCO. 21 abril 2026. Pedro Mina

Fernando Casás (3º á esquerda) durante a presentación de Código Cupim no MARCO. / Pedro Mina

Xa no propio título Casás anuncia aspectos reflexivos notábeis, coa utilización da palabra «Código», ligada á linguaxe e ao aspecto que esta adopta como forma, e con «cupim», a térmite que devora e ao mesmo tempo crea un realidade nova. Os dos vocábulos compleméntanse ao abriren distintos ámbitos de evocación. En conxunto, ambos os termos nos transportan ao campo da percepción, mais mantendo o duplo valor das palabras orixinais, unha que transmite unha carga profundamente reflexiva e outra intensamente física, mais ambas de captación directa, como son os dous ámbitos unidos na publicación, o plástico e o poético.

Os poemas son, alén diso, feitos de ritmos de forte musicalidade, acompañada dunha desarticulación da sintaxe, así cada unha das estrofas con elementos inconexos e dispares se individualiza, aínda que en conxunto, como as pezas dun quebracabezas, acaban por provocar unha suxestión común.

Ética e estética

Esa vontade de ligazón do físico e do lingüístico, e tamén comprensíbel desde a ciencia e a política, está moi presente en toda a produción do Fernando Casás artista. Os signos da vida e a súa ausencia, a constante mudanza, en ritual perpetuo, fan da materia a realidade mesma da existencia, furada brutalmente, alleada mais sen deixar de ser un medio extremadamente sensíbel, susceptíbel de crear unha beleza «outra» que propicia unha nova relación máis reflexiva no espectador-lector.

Código Cupim, como a totalidade da obra de Casás, dinos que a natureza xa non é máis «paisaxe» senón que é realidade activa e actuante. Para o autor, a natureza é materia viva que evidencia a súa realidade física e tamén a presenza do humano como parte da dialéctica complexa do noso presente en relación co medio natural.

A aproximación de Fernando Casás á natureza é froito dunha intensa meditación sobre o medio físico e o seu rol na sociedade contemporánea, o que o leva a optar por unha interpretación desde unha posición que liga forma e palabra.

Fernando Casás ofrece, pois, unha lección ética e estética: a arte e a palabra aínda teñen unha misión, unha intencionalidade social, unha finalidade até certo punto pedagóxica, que se pode entender ligada á consciencia dun tempo de crise, consciencia dos fillos da traxedia que un pouco somos todos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents