Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Españois no Festival de Cannes

Buñuel, Saura, Almodóvar, Laxe...

Escena final de «Viridiana», Luis Buñuel.

Escena final de «Viridiana», Luis Buñuel.

A rodaxe de Viridiana finalizou na primavera de 1961. Supuxo o regreso a España de Luis Buñuel, quen anos atrás, como tantos outros artistas, abandonou o seu país despois do alzamento fascista do 36. Ademais, a película foi seleccionada polo Festival de Cannes para representar o cinema español. Na censura previa do guión, só se impuxo un único cambio: ao final da película, Viridiana chamaba á porta da habitación de Jorge e entraba na súa cama, ocupando o posto de Ramona. No seu lugar, os censores propuxeron unha versión, «a priori», menos conflitiva, de aí o tute no que acababan xogando os tres personaxes.

A mestura de son concluíuse en París tan só cinco días antes do inicio do festival, polo que non houbo tempo para reenviar a España para a súa revisión oficial e foron remitidas directamente a Cannes. Cando o director xeral de Cinematografía, José María Muñoz Fontán, visionou o filme, entrou en pánico. Porén, ao serlle concedida a Palma de Ouro (por primeira vez para a cinematografía española), o director xeral subiu ao escenario a recoller persoalmente o premio. De forma inmediata, foi cesado pola ditadura franquista e a película catalogada como inexistente por parte do goberno. Só unha personalidade como Luis Buñuel podía asinar un bautismo desta índole para a nosa cinematografía no festival máis prestixioso do cine de autor do mundo. Foi a primeira e única película española en gañar a Palma de Ouro.

Previo a este desembarco «buñuelesco», o cinema hispano fixérase notar en Cannes con tres longametraxes que xa son fitos: a desencantada Surcos (1951) de José Antonio Nieves Conde, que foi nomeada á Palma de Ouro; a comedia dirixida por Luis G.Berlanga, e dirixida por Juan Antonio Bardem, ¡Bienvenido, Mr. Marshall! (1952), que foi galardoada cun premio especial á mellor película de humor e unha mención ao seu guión; e Muerte de un ciclista (1955), esta vez dirixida por Bardem, e distinguida con Premio da Crítica Internacional (FIPRESCI). En definitiva, tres aparicións aplaudidas fóra das nosas fronteiras que internamente resultaron moi incómodas para o Réxime. Daquela, parecía ter sentido aquela sentenza atribuída a Alexandre Dumas: «Europa comeza nos Pirineos.»

Un ano despois de Viridiana, Berlanga, acompañado xa de Rafael Azcona, volvería pasar por Cannes para competir polo máximo galardón con Plácido (1961), ese fresco sobre a hipocrisía burguesa da sociedade franquista. Volverían pasar varios anos para que o cine de aquén Pirineos recobrase certa visibilidade neste certame, sobre todo a raíz da aparición do Novo Cine Español, cuxas estruturas produtivas e estéticas achegábano ao cine europeo de rutpura que pululaban por aquela época máis alá das nosas fronteiras. De xeito case consecutivo, Carlos Saura acadou con La prima Angélica (1974) e Cría cuervos (1976) o Gran Premio do Xurado. Non podía faltar a este recoñecemento unha figura como a de Víctor Erice, cos seus filmes El sur (1983) e El sol del membrillo (1992), esta última tamén coa entrega do Premio do Xurado e da Crítica.

Pedro Almodóvar é outro dos cineastas españois máis recoñecidos en Cannes, e aínda que non foi quen de igualar o éxito de Buñuel, si recibiu a distinción en forma de mellor director por Todo sobre mi madre (1999) e mellor guión por Volver (2006). Nas súas vitrinas garda con certo orgullo o cine español o premio ex aequo para Francisco Rabal e Alfredo Landa polas súas interpretacións en Los santos inocentes (1984) de Mario Camus.

Máis próximo ás nosas coordenadas espaciais e temporais atopamos a Oliver Laxe, sempre presente e sempre laureado en Cannes. Cada vez que unha longametraxe súa sae da sala de montaxe do cineasta galego, aterra no festival con expectativas e despega cun premio nas mans.

De novo, tres presenzas

A presenza do cinema español na edición deste ano do Festival de Cannes confirma un momento de especial vitalidade creativa e de proxección internacional. As tres películas seleccionadas —que chegan ao certame con estilos e sensibilidades moi distintas— amosan a diversidade de miradas que conviven na produción cinematográfica actual, desde propostas de forte autoría ata narrativas cunha maior vocación de público.

Amarga navidad, de Pedro Almodóvar; El ser querido de Rodrigo Sorogoyen; e La bola negra de Javier Calvo e Javier Ambrossi son as películas que competirán na sección oficial. Unicamente nos anos 50, cando aínda non existía a Palma de Ouro tal e como a coñecemos hoxe en día, o cine español lograba un éxito similar, cando en 1951 Nieves Conde (Surcos), Luis Escobar (La canción de Malibrán) e Ramón Torrado (Debla, la virgen gitana), competiron no festival. Anos despois, Sáez de Heredia (Todo es posible en Granada), Ladislao Vajda (Marcelino pan y vino) y Juan Antonio Bardem (Muerte de un ciclista) volvían situarse no escaparate do festival máis importante de cine de autor.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents