Recoñecer a casa
A casa da xente de Goiáns, «A Cormelá» e a rehabilitación das carpinterías de ribeira da Seara, tres candidaturas galegas aos Premios Arquitectura 2026

A carpintería de Casqueiro na fronte marítima urbá de Seara, en Moaña. / CSCAE
Os galegos do Medievo xuntábanse a deliberar no adro das igrexas. Mais aquelas corporacións veciñais tamén tiñan lugares propios baixo árbores senlleiras do concello, do concilium. Nesas ágoras a veciñanza reuníase, e xa instalados en tal ámbito, nun primeiro momento colocaron e discutiron os lindeiros das súas casas. Así, en Galicia concibimos o espazo público: un xeito de casas relacionadas en varias alturas e distancias nas que a vida agroma polo medio, a enxertos.
Os abrollos desa vida teñen forma de prazas, de soberbias esquinas, costiñas e, se imos aos aires -case doces e rosados- do sur do país, de pequenas leiras asfaltadas, cubertas de area ou empedradas que van paseniño beber da auga da ría. É por iso que no habitar galego temos moito de conxugación socio-urbana barroca e tempos verbais plurais, e algo diso hai na recén construida casa da xente («centro social» aínda me ten demasiado resaibo a Diario Oficial) na parroquia carballesa de Goiáns e no proxecto de rehabilitación «A Cormelá», dunha vivenda en Corme. Estes dous edificios están inscritos dende hai uns días, xunto con outros trece, na terna do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para seren candidatos aos Premios Arquitectura 2026 dos colexios de arquitectos.
No caso do centro para a xente, este aparece asinado polo estudo madrileño Nula e quere dar servizo ao único barrio do municipio carballés sen un lugar de encontro. Así emerxe esta casa común de numerosos tellados a dúas augas e cunha cor vermella tal o do amorodo maduro e a tella, cunha trama que debulla ese conxunto de cubertas tan recoñecible na orografía de noso cando vemos as poboacións ao lonxe. É no xogo do muro e do tellado desa cor roiba onde atopamos referencias ao simpático Aldo Rossi e á recuperación do esencial.
A arquitectura contemporánea leva décadas explorando esta repetición de formas primarias recoñecibles pola memoria. Neste edificio reaparece a casa como forma traducible ao rexistro local, ao contrario que moitas formas arredadas do recoñemento familiar ao ollo cotián que poboan en forma de fríos e deshumanizados centros cívicos a xeografía do país.
O que me desconcerta moito deste proxecto: esa obsesión, en Galicia, sitio no que chove e moito, con facer ágoras abertas sen ningún tipo de cuberta no tránsito do aparcadoiro ao lugar. Os galegos tememos eses sitios ao descuberto precisamente polas inclemencias do tempo, e esa perspectiva pode malograr un bo edificio.
Obra nova e rehabilitacion edificio Marques de Valladares Vigo / Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
É interesante o proposto en Goiáns, tanto como o que fixo o estudo Marxe, formado por Natalia Alvaredo, Javier Rocamonde e Aurora Gilé, coa súa delicadeza na rehabilitación en Corme. «A Cormelá» está inserida no casco vello, entre a selva de tellados a dúas augas, e aquí o vermello tamén volve ser a cor de benvida e é unha cor, ademais, que serve como elemento estrutural e non só decorativo, sinalando os ocos na parede abrigados pola carpintería. Chámanos aquí a atención a vocación rehabilitadora, a construción que non lle ten medo a empregar materiais recoñecibles e de contraste, cun detalladísimo cariño na restauración do entramado do teito e, sobre todo, no detalle e atención á ventá da rúa de paso, case un símbolo da vivenda.
Todo isto é algo a exportar ao resto de España, unha arquitectura pensada para representar a vida en común antes que para impoñerse como xesto formal. Os lugares onde a xente se xunta teñen iso de especial, como as árbores do concello ou as poboacións asomadas á estrada. A beleza nelas non ten por que ser esencial, pero adoita revelarse, como na casa da xente en Goián, cando a flexibilidade do seu interior, rebozado en gris e con diversos accesos de luz, procura tamén o esencial na fachada oposta á principal, con dous ocos (tamén algo desmesurados) que nos levan ás paredes retranqueadas e un pequeno espazo de entrada aberto, outra vez estamos na casa habitada detrás dun muro ou cancelo a dous pasos do interior. Así é como a arquitectura segue sendo o lugar onde a veciñanza se recoñece antes incluso de falar.
O valor do oficio recuperado
Adoitamos pensar que a arquitectura do traballo pertence máis ao eido da etnografía ca ao da arquitectura contemporánea. Por iso resulta especialmente interesante este terceiro caso, a rehabilitación das carpinterías de ribeira da Seara en Moaña, do arquitecto Óscar Fuente Dopico, que pode ser tamén un Premio Arquitectura 2026.
Esta intervención sobre as carpinterías de Casqueiro e Calragho non opta pola substitución nin pola recreación escenográfica, senón pola recuperación das estruturas existentes e da súa lóxica construtiva. No caso de Casqueiro, tras o incendio de 2017, reconstruíuse a estrutura de madeira e a rampa-varadoiro como elementos centrais da relación co mar. En Calragho, mellor conservada, a actuación céntrase na consolidación e adaptación para novos usos culturais.
Interésanos a súa escala urbana. A operación integra estes espazos nun novo ámbito peonil sen romper a continuidade histórica do bordo litoral. Non é frecuente que a arquitectura naval tradicional entre con naturalidade no discurso contemporáneo da rehabilitación e, quizais por iso, esta rehabilitación pode ser lida como un exemplo relevante dunha liña de traballo galega que entende o patrimonio como algo vivo e como unha infraestrutura cultural activa. Aquí reside, probablemente, unha das súas maiores fortalezas de cara ao seu posible recoñecemento estatal.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas
- Un furancho de Redondela, multado con 45.000 euros por no dar de alta a sus trabajadores
