Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Antón Villar Ponte, autor dramático

Noventa anos despois

Antón Villar Ponte.

Antón Villar Ponte.

Como explicou Emilio Xosé Insúa, a obra dramática de Villar Ponte non gozou de moito interese e aprecio crítico, malia ser un dos máis activos creadores no xénero e un dos máis prolíficos animadores da creación teatral, trasladando moi diversas ideas nunha manchea de artigos que publica en prensa, sen refugar en ningún momento debate e polémica.

En efecto, na súa obra xornalística Antón non parou de propoñer liñas de traballo para a renovación da escrita dramática e para a conformación dun teatro nacional que superasen os modelos do costumismo e do enxebrismo dominantes. Porén, esa ocupación constante en establecer liñas de acción non empece o valor literario da súa obra, na que tenta poñer en práctica todo canto trasladaba á esfera pública, como a renovación de modelos de composición ou a procura dunha materia dramática propia coa idea de crear públicos amplos e diversos para a comunicación artística na nosa lingua. Sempre mirou con interese o que acontecía en Europa, ou na península Ibérica, e a diferencia de moitos compañeiros de causa galeguista, admirou e gabou o xenio creativo de Valle-Inclán, especialmente no xénero dramático.

A primeira peza de Villar Ponte en galego foi A patria do labrego (1905), que cabe considerar como un drama de axitación e propaganda en clave anticaciquil, e presenta ademais un trazo anovador na presenza dun personaxe que actúa a un tempo como observador e incitador de conflitos, dando conta de forma obxectiva da submisión das clases populares. Non é o distanciamento de Brecht, pero si cousa parecida.

Ben que nesta peza, de mocidade, a emigración parece ser a solución para que os oprimidos poidan liberarse, anos despois escribirá Almas mortas (1922), onde se expoñen os males da emigración, entre eles a perda da identidade e de capital humano. Polo medio, Entre dous abismos (1920), que deixa sentir a influencia do seu admirado Synge ao presentar temáticas pouco comúns na época e pouco prezadas polo público coma os amores fóra do matrimonio, ou O mariscal (1926), escrito en colaboración con Ramón Cabanillas, sendo Antón o responsable da ideación da fábula, a construción da trama e a elaboración de diálogos.

A festa da malla, editada en 1997 por Noemí Alonso e Dolores Vilavedra, viría sendo un folcdrama, no que busca recrear unha tradición relevante no ciclo agrario, mais na liña do que en Cataluña se denominou «teatro na natureza», impulsado por Ignasi Iglésias ou Adriá Gual, con presentacións escénicas no exterior, por veces seguindo a xeira dos «pageants», moi comúns naquela altura en Inglaterra e nos Estados Unidos, en ocasións organizados por asociacións obreiras e polo movemento sufraxista.

O seu proxecto máis ambicioso seguramente sexa Os evanxeos da risa absoluta (1934), comedia bárbara na liña das de Valle-Inclán. Trátase dunha peza que contén dous textos, dando conta o primeiro dunha loita de amores entre dous irmáns xemelgos, mentres o segundo se vai construíndo cos soliloquios e monólogos de Electus, personaxe moi presente na obra de Valle-Inclán, e así o temos no relato La misa de San Electus (1903), na novela Flor de Santidad (1904), ou nas pezas Romance de Lobos (1908), Divinas Palabras (1919) e Cara de Plata (1922).

Finalmente, Nouturnio de medo e morte (1935), a súa achega última, onde explora o Grand Guignol francés, con temáticas que cadraban moi ben con algunhas presentes na tradición oral galega. Unha obra rica e plural, na que probou rexistros diversos para mostrar modelos posibles, sempre coa intención de construír unha literatura nacional, en sintonía coa forma en que a entendeu e explicou o profesor Xoán González Millán.

Achegas, toda elas, por calibrar aínda, en profundidade.

Tradutor

Antón Villar Ponte tamén desenvolveu unha actividade notable como tradutor, sendo quizais a súa versión máis coñecida a que fai de Cathleen ni Houlihan (1902), que publica no número 8 da revista Nós en 1921. Un texto de William Butler Yeats que, ademais de lembrar a sublevación irlandesa contra Inglaterra en 1798, contén nas palabras últimas de Cathleen unha chamada á revolta popular pola independencia nacional, como a que ten lugar na Pascua de 1916, preludio da definitiva de 1919.

Esa vocación por anosar textos con liñas de traballo que consideraba necesarias para as letras e o teatro de noso, maniféstase en proxectos diversos arredor de textos de Henrik Ibsen, William Shakespeare, John Millington Synge, Santiago Rusiñol ou Ignasi Iglésias. Deste último, dramaturgo e director de escena catalán vinculado ao teatro comunitario e ao movemento anarquista, escollerá a peza Els Vells (1903), que naquela altura presentaba un problema hoxe tan actual como o da cancelación laboral da clase obreira por motivos de idade. Unha traxectoria que agarda aínda un estudo sistemático.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents