Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Negociando co Alén

Amuletos e rituais da relixiosidade popular galega

O antropólogo galego Rafael Quintía.

O antropólogo galego Rafael Quintía. / FDV

Abril é un mes de cambios repentinos. Nin sequera o tempo atmosférico ten moi claro cara onde vai: saímos co paraugas e volvemos coa chaqueta na man. Con tanto espazo de luz, esquecemos as horas e, dun momento a outro, xa se foi o día. As pequenas certezas convértense así en salvagardas cotiás: o camareiro que pregunta «o de sempre?» ou eses obxectos que, instintivamente, comprobamos que seguen aí –unha moeda, un colgante, unha pedra–. No contacto coa pel, xa non é necesario nomealos.

En Galicia existe unha longa tradición arredor dos amuletos, talismáns, exvotos e crenzas populares vencelladas a unha relixiosidade que, malia o paso do tempo, segue presente. Neste sentido, o invisible cobra especial protagonismo e nas capelas fican penduradas lembranzas de cera ou metal, testemuños dun dano superado ou dun desexo cumprido. Con todo, non procuran explicación lóxica; sosteñen, máis ben, unha confianza discreta que non precisa de palabras.

O antropólogo Rafael Quintía publicou recentemente o Dicionario de amuletos galegos (Ab Origine, 2025), coa vontade de inventariar e documentar un sistema de crenzas vixente na actualidade, que non se limita ao ámbito relixioso estrito. Evitar o mal de ollo, recuperar a saúde ou ter un bo parto son algúns dos usos máis frecuentes para os que se empregaban tradicionalmente os amuletos. Agora ben, o seu sentido transcende as fronteiras da funcionalidade: operan como unha forma de diálogo silencioso co incerto, unha maneira de negociar co Alén aquilo que non se pode controlar dende o cotián.

As preocupacións cambian, pero as persoas seguen sendo as mesmas. Neste sentido, a figa, a castaña de indias, a Cruz de Caravaca, a vacaloura e a ruda son algúns dos elementos máis recoñecibles á hora de afastar as meigas e os malos espíritos. Pero se os leituarios empregábanse na súa época para favorecer a produción de leite nas mulleres e o gando, nun mundo cada vez máis globalizado, os medos asociados ás colleitas e os partos ceden paso a outros máis difusos: emprego, estabilidade, futuro...

Rafael Quintía realiza así un importante traballo de recuperación da memoria cultural, nun contexto marcado pola incerteza moderna, tan abstracta como absorbente. Mesmo sen unha crenza firme, hai quen sostén un amuleto non por superstición, senón porque lle funciona como ancoraxe para volver ao concreto. Esta idea non é nova: xa no Paleolítico empregábanse plantas, pedras ou partes de animais como protección ou ritual. As formas e materiais foron cambiando, pero a necesidade de dotar de sentido o incerto é o fío condutor que chega ata os nosos días. Agora, calquera obxecto con valor biográfico ou emocional pode cumprir unha función simbólica: protexer da ansiedade antes dun exame, dar confianza ao falar en público ou axudar a tomar decisións difíciles. O panorama é amplo e, se ben xa non é tan frecuente levar unha castaña de indias no peto, cada vez son máis os rapaces que locen o martelo de Thor, asociado á antiga tradición vikinga.

Amuletos de Santo André de Teixido. |

Amuletos de Santo André de Teixido. / FDV

Fronte á abstracción crecente do mundo dixital, estes obxectos devolven unha experiencia táctil que fixa a atención no presente. O mesmo sucede cos rituais que aínda se practican, como a queimada de orixes celtas ou a tradición de levar ovos a San Bieito para curar problemas na pel. En calquera caso, o fin é escorrentar as enerxías negativas.

Xunto cos elementos máis coñecidos, a presenza de tréboles de catro follas, pulseiras tibetanas ou atrapasoños indios amosan unha realidade conxunta. O seu significado mestúrase cunha cultura global e coas novas narrativas persoais, ata converterse nunha linguaxe para conversar co Alén. Mentres tanto, abril continúa na procura de pequenas salvagardas cotiás, certezas coas que tecer os espazos en branco da imprevisibilidade.

A relixiosidade popular galega: exvotos

No denso universo da relixiosidade popular galega, os exvotos ocupan un lugar moi especial. Son ofrendas que os fieis depositan en santuarios e ermidas para agradeceren favores recibidos, curacións ou proteccións divinas. Pero, malia non contar coa masividade de épocas anteriores, por que seguen a fascinarnos? «Están cheos de verdade», respondía Xosé Fuentes Alende, autor de Los exvotos de Galicia (2024), nunha entrevista para FARO DE VIGO.

«A xente chega a ese extremo porque ten fe, unha crenza á que se aferra para acadar case imposibles, como a curación dunha enfermidade ou salvarse dun naufraxio», engadía. Neste sentido, as capelas énchense de promesas e lembranzas sen nome, cun significado que vai máis alá da figura, xa sexa de cera ou con forma de barco. Son realidades que, co tempo, se converten en testemuños silenciosos.

En Galicia, o santuario de Santo André de Teixido é o máis representativo canto ao número e diversidade de exvotos ofrecidos. Moitos deles, especialmente os que teñen forma de barco, pertencen a mariñeiros que sufriron algún percance no mar; e a Virxe do Carme (patrona dos pescadores galegos) é unha das devocións máis importantes ás que se dirixen. Estas figuras forman parte dunha correspondencia co divino, que aínda está presente entre tradición e incerteza futura.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents