Hawai, Galiza
«De aquí e de acolá», o novo disco da Ukestra do Medio

Os cinco membros da Ukestra do Medio.
Canto nos presta pousar o pensamento na idea de como naceu o primeiro ukelele naquel Hawai anterior á incoporación do arquipiélago aos Estados Unidos, no medio dun intercambio comercial marcado pola man de obra para os campos de cana de azucre pero tamén, e por suposto, cargados de cultura que acabaría por mesturarse. Músicos portugueses, de Madeira, e ebanistas con xeito e coñecementos para a construcción de instrumentos. Inmigrantes que se integraron nas illas e que aló quedaron a vivir con aqueles cavaquiños, coas súas catro cordas e perfectos para conectaren harmonía e rítmo, coa música tradicional do país irmán de fondo e dispostos a namorar a quen fixese falta.
E así e seica pola altura do 1884, segundo contan, creaban alí un híbrido entre o cavaquiño e o rajão (outro instrumento típicamente portugués) dando como resultado o primeiro ukelele da historia. De aí en adiante que se instrumento da realeza, que se a súa aparición na música popular e, desde logo, que o seu reinado coma un dos símbolos nacionais de Hawai, incluso tomado polo independentismo como seu e con casos tan extraordinarios como o protagonizado por Israel Kamakawiwo, quen asinou e publicou probablemente a canción máis universal tocada cun ukelele da historia: a evocadora e inesquecible «Nalgún lugar sobre o arco da vella».
Así, partindo do máis universal, cómpre redimensionarnos e entrarmos de cheo no noso país, concretamente na Rúa do Medio na vella Compostela, onde alí tamén os ukeleles conquistaron os corazóns coas melodías nacidas da xuntanza duns mozos que pensaron en montar o seu grupo co pequeno instrumento como protagonista. Así xurdiu, a finais de 2013, a Ukestra do Medio despois de cadraren nunhas clases para aprenderen a tocar o insigne trebello.
Logo chegaron os concertos, os discos e moi logo foron converterese nun dos proxectos acústicos máis auténticos, riquiños e queridos da nosa escena, mais sempre cunha visión tan punk como gozable nos seus directos. Agora teñen disco novo, De aquí e de acolá, cun título que fai referencia à diversidade de estilos nas músicas e de historias nas letras, propoñéndonos unha especie de viaxe, con pasaporte incluído, por unha chea de ambientes e sons ben diversos e todo marcado por esa aposta orgánica e na que a vibración das cordas se fai tan sumamente sanadora.
Cargados de ecleticidade, de novo e como nas súas anteriores entregas, a Ukestra enguedéllase e xoga co swing, co country, co pop, e incluso neste caso coa cumbia, a bossa nova ou a música tradicional galega acadando unha mestura de momentos altamente luminosos como «O demo no corpo», ou «a Candeloria» e tamén recolléndonos en territorios máis nosos coa espléndida «Eira dos Mouros» e aínda con sitio para un tema punk e redondo como a nosa preferida «Post fracaso», baseada na novela Tres segundos de memoria de Diego Ameixeiras e dando nunha desas cancións que, despois de escoitala unha vez, abofé que será unha das túas imprescindibles no reprodutor.
Recomendámosvos unha visita ao seu bandcamp, a asistencia a algún dos seus concertos e, se tedes ocasión, facervos cunha copia da edición limitada en vinilo deste De aquí e acolá no que, ademais gozarás, como é debido do magnífico traballo gráfico que lles fixo Diego de la Iglesia.
Alana: «Un saber»
Que a creatividade da música galega bota por fóra sabémolo dende hai ben tempo e tamén que o medo a mover os marcos xa se perdeu, conformando unha realidade tan extraordinaria como contemporánea. Así chega o novo disco de Alana baixo o título de Un saber, composto por trece cancións nas que a música tradicional convive en harmonía perfecta con texturas que nos achegan a atmosferas máis propias do pop e cunha arquitectura electrónica que lle confiren ao resultado final un son tan singular como escoitable e bailable.
Alana móstrase coma un dos proxectos máis singulares e rachadores da nova escena tradicional galega con Antía Vázquez (Oleiros), Eloy Vidal (Ponteceso) e Pablo Castro (Vimianzo), acompañados ademais, de xente da talla de Guillerme Fernández, Bieito Pereira, Pan.Sen.Fron, Casapalma, Andrés Boutureira, Galiciam Army ou a Charanga Benofán. Cunha importante vinculación coa nosa tradición e o noso baile xermolando dende ese territorio das recollidas nun traballo feito coa imprescindible colaboración de moitas mulleres, tamén homes, que de xeito tan xeneroso e desinteresado, axudaron e axudan a preservar a riqueza infinita da rica tradición musical e cultural.
A pesar de levaren pouco tempo, comezaron a súa singladura no 2023, xa teñen participado nalgunhas das principais citas musicais galegas, como o Atlantic Pride ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, e tamén en programacións noutros lugares da Península Ibérica e de Europa, formando parte de espazos tan relevantes como o Festival de Lorient (Francia) ou o Terra fest de Xenebra. Este sábado presentan este Un saber na Sala Capitol en Compostela e de aí e adiante abofé que darán moito que bailar e escoitar nos nosos festivais.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas
- Un furancho de Redondela, multado con 45.000 euros por no dar de alta a sus trabajadores