A cal e canto
Memoria dos fornos do cal en Galicia

Vista xeral da caleira de Guláns. / Alberte Reboreda
Poucos materiais contan tan ben a historia dun país como o cal (lat. calx, calcis), esa luz branca que nace do lume e da pedra. Trátase dunha substancia humilde, e ao tempo esencial, que acompañou durante séculos a vida cotiá das comunidades rurais. Obtida a partir da cocción da pedra calcaria, este material de cor branca —ou levemente grisalla— posúe unha natureza singular: ao entrar en contacto coa auga, hidrátase liberando calor, nun proceso que transforma a materia e abre a porta a múltiples usos.
En Galicia, o seu emprego foi constante na construción ata ben avanzado o século XX (a locución «a cal e canto» aínda se utiliza para designar algo pechado con firmeza e seguridade), cando o cemento comezou a substituílo polos seus mellores rendementos técnicos. Mais durante xeracións, o cal estivo presente en muros, fachadas e interiores de vivendas, incluso en edificios relixiosos.
O seu uso non respondía só a criterios construtivos, senón tamén a crenzas profundamente arraigadas: encalar significaba sanear, protexer, evitar enfermidades e combater a humidade, os fungos e os mofos. Polo demais, esa mesma lóxica estendíase ao ámbito agrícola. As árbores froiteiras eran encaladas para defendelas de pragas, mentres que os solos se trataban con cal para corrixir a súa acidez e mellorar a produtividade. O mesmo aconteceu na viticultura e na elaboración de compostos químicos, onde xogou un papel relevante, o que evidenciou a súa versatilidade.
A produción deste material requiría infraestruturas específicas: os fornos do cal, tamén coñecidos como caleiras. A súa localización respondía a unha combinación de factores prácticos e normativos. Por unha banda, as caleiras tradicionais precisaban dunha abundante subministración de combustible vexetal; pola outra, debían situarse lonxe dos núcleos habitados para evitar as molestias derivadas do fume e dos gases; xa en 1861, unha Real Orde establecía distancias mínimas respecto das vivendas, revelando unha adiantada preocupación pola saúde pública.

Forno de cal. / Enciclopedia de Diderot e D´Alambert (1751-1772).
Desde o punto de vista construtivo, estes fornos de marcha intermitente —como o que foi restaurado en 2023 na parroquia de Santo Adrián, Vilaboa— adoitan levantarse en ladeiras, escavados parcialmente no terreo. Esta disposición permitía aproveitar a pendente natural para facilitar tanto a carga como a descarga do mineral, ao tempo que ofrecía protección fronte aos ventos dominantes. A súa estrutura interna organizábase en tres partes fundamentais: a boqueira, situada na base para alimentar o lume; a caldeira, que constituía o espazo de cocción; e a cheminea, que aseguraba o tiro e a evacuación dos fumes e dos gases.
O proceso de produción do cal era lento e esixente. A pedra calcaria debía someterse a altas temperaturas (arredor dos 1.000 graos) durante varios días, nunha combinación de lume vivo (durante 24 horas) e cocción pasiva (unhas 5 xornadas máis) que esixía unha técnica concreta. Este labor requiría coñecemento, experiencia e unha organización precisa do traballo do mestre caleiro e os seus axudantes, algo determinante para obter un produto de calidade.
Ao longo do tempo, a actividade vinculada ao cal xerou tamén unha cultura con oficios especializados —o caleiro— e mesmo apelidos (que perdura nos nomes familiares dalgúns veciños de Vigo, A Coruña, O Grove, Baiona ou A Bola) que testemuñan a súa importancia social. A pesar da súa progresiva desaparición, substituída por técnicas e materiais modernos, algúns fornos do cal permanecen aínda en pé como pegadas visibles dun sistema produtivo que soubo integrar coñecemento técnico, aproveitamento dos recursos e adaptación ao medio.

Detalle da cheminea do forno de Guláns. / Alberte Reboreda
A caleira das Neves
Erguido na ribeira do río Miño, nas proximidades da vía férrea e do monte do lugar de Guláns (As Neves), este forno do cal destaca pola súa rotunda materialidade, representativa do que se deu en chamar «as caleiras do ferrocarril». A súa estrutura, de forma troncopiramidal, está construída cunha coidada combinación de cachotaría e cantaría, onde a pedra local se dispón en fiadas irregulares que revelan unha técnica construtiva culta —non popular coma as caleiras de Mondoñedo que documentara Xaquín Lourenzo en 1962— e adaptada aos recursos dispoñibles.
Así o proba a boqueira do forno, resolta mediante un arco de medio punto perfectamente doelado, que constitúe o elemento máis expresivo do conxunto. A súa execución en cantaría non só responde a unha necesidade formal, senón tamén á necesidade de resistir as altas temperaturas xeradas no interior pola combustión do carbón mineral. Por riba desta apertura desenvólvese o corpo macizo do forno, hoxe parcialmente colonizado por vexetación.
A fábrica pétrea, de gran espesor, foi concibida para reter a calor e garantir a eficiencia do proceso de cocción, que tiña lugar entre os meses de abril a outubro preferentemente. E así, entre a pedra, o lume e a memoria, estas caleiras continúan a ensinarnos que o patrimonio industrial non é só a ruína que queda, senón aquilo que aínda somos capaces de recoñecer e valorar.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas