Aluaxes literarias
Polos dominios de Selene

A cara oculta da Lúa (ao fondo a Terra) fotografada desde a nave Orión da misión Artemis II. / NASA
Estes días atrás o que máis e o que menos andou curioso por saber como lle iría aos astronautas da misión Artemis II. Non é de estrañar, pois o soño das aluaxes segue vivo tras aquela primeira chegada do Apolo XI ao satélite terráqueo o 20 de xullo de 1969 co comandante Armstrong dando o histórico pequeno gran paso. Secasí, esa vertixe por coñecer e andar máis pola Lúa e os seus arredores parecía esquecida dende a última das misións tripuladas con destino lunar, a do Apolo XVII en 1972. Que agora se regrese a esta carreira exploratoria tras case unha década de preparativos e misións previas tal parece que abre unha nova era nas viaxes espaciais coa fascinante meta da colonización lunar.
Mais como tantas outras proezas da ciencia e da enxeñería humanas, moito antes de que foramos quen de crear artefactos voadores extraplanetarios xa viaxaramos coa imaxinación e deixaramos conta dos nosos fabulosos voos na literatura.Así, ao que parece, a aventura de viaxar á Lúa consignouse por vez primeira nun diálogo filosófico de Plutarco no século I a. C., Sobre a cara visible da Lúa, onde se plasmou a mitoloxía de que, en realidade, os habitantes do satélite non eran senón as ánimas dos humanos falecidos que alí se convertían nun daimon ou espírito.
Secasí, a primeira gran narración ambientada no mundo de Selene son, sen dúbida, os Relatos verídicos de Luciano de Samosata (s. II). Nesta desapiadada sátira paródianse tanto personaxes mitolóxicos coma historiadores e filósofos da Antigüidade helena, describíndose unha vida selenita absolutamente engaiolante: seres arbóreos que teñen ollos móbiles, comen ras e súan un soro do que se fai queixo, amais de empregar o ventre como bolsa e non teren ano. En fin, un mundo ao revés onde os homes dan a luz, os ricos visten de cristal e os pobres de bronce.
Esta rebordante imaxinación precientífica continuou durante séculos e alcanzou por igual os grandes poetas do Medievo ―velaí a Dante, quen na súa Divina Comedia (s. XIV) é elevado á Lúa por medio dunha nube para encontrarse coas almas que non chegaron a cumprir os seus votos en vida; ou o protagonista do Orlando furioso (s. XVI) de Ludovico Ariosto, quen alcanza a Lúa mercé a un carro tirado por hipogrifos― como, sobre todo, a rexoubantes satíricos e científicos serios abondo.
Entre os primeiros, e continuando a liña de Luciano de Samosata, debe lembrarse a Cyrano de Bergerac e a súa Historia cómica dos Estados e Imperios da Lúa (s. XVII), onde os selenitas se alimentan dos olores e por iso se ispen antes de xantar ou a moeda de cambio son os versos e hai un xurado que taxa o seu valor. Entre os segundos atópase Johannes Kleper coa súa novela póstuma Sominium (s. XVII), obra centrada na observación astronómica e na aplicación dos saberes xeométricos e filosóficos á relación Terra-Lúa.
Durante os séculos XVIII e XIX moitos outros grandes das letras continuaron esta tradición de escrita selenita. Así o fixo Daniel Defoe na novela O consolidador; Edgar Allan Poe no relato A incomparable aventura dun tal Hans Pfaall; e, sobre todo, Jules Verne na súa sorprendente aventura Da Terra á Lúa, todo un precedente das complexidades científicas verbo da construción técnica dunha nave espacial capaz de chegar á Lúa e, polo mesmo, un antecedente das vivencias coas que estes días a Artemis II nos hipnotiza.
Poderían citarse aínda moitas outras obras referenciais desta literatura xa no século XX: poño por caso, Os primeiros homes na Lúa, de H. G. Wells; A doncela da Lúa, de Edgar Rice Burroughs; O home que vendeu a Lúa, de Robert A. Henlein; ou Se me esquezo de ti, oh Terra, de Arthur C. Clarke. Mais rematarei cun exemplo de abraiante prognose literaria á que xa me teño referido nalgunha outra ocasión: a novela Viaxe á Lúa do estadounidense Lester del Rey, que principiaba coas palabras: «A primeira nave espacial pousouse na Lúa e o comandante Armstrong saíu dela…» e que vería como trece anos despois a realidade imitou o seu texto. A saber que sorpresas nos agardan coa chegada dos astronautas Reid Wiseman, Victor Glover, Christina Koch e Jeremy Hansen aos dominios de Selene.
Hai un galego na Lúa
E si. Como cantaban os Zapato Veloz a finais dos anos 90, as galegas e galegos tamén soñamos coa Lúa e sabemos contala e cantala coma poucos. Aquí os exemplos poderían multiplicarse e facer abondo prolixa a enumeración, así que que optarei por amentar apenas catro ou cinco exemplos ben recentes do ámbito infantoxuvenil, un dos que maiores e mellores páxinas selenitas ten dando entre nós: o tenro e delicado libro disco Canta a lúa coas estrelas (2015), de Rosalía Morlán, ao que puxo voz e música Manoele de Felisa; O ouro das lúas (2018), aventura xuvenil mítica e trepidante de Beatriz García Turnes; o conto Ana e a Lúa lueira (2021), de Toño Núñez, emotivo e esperanzador conto musicado por F. Gómez Jácome; e Máxica lúa (2023), dondo e sutil poemario de Xoán Neira (quen xa publicara no seu día No cubil da Lúa, 2009) ilustrado por Lucía Barrios. Todas estas obras son bos exemplos dese especial fascinio que dende sempre causou, e segue a causar, en nós a señora Lúa. Quen sabe se algún dos catro astronautas do Artemisa II non terá algún devanceiro galego. Haberá que investigar.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
