Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

A suma das partes

Confianza e recompensa

Iago Fernández

Os contos deste libro, collidos un a un, non son representativos. Mesmo diría que o primeiro deles, un dos máis longos, pode resultar moi enganoso. Como mínimo, debemos chegar até o cuarto ou o quinto conto para comezar a albiscar algo así coma os perfís dun obxecto afundido. Xavier Carro é un autor cuxos maiores logros non se detectan tan facilmente; que esixe un voto de confianza e certa atención aos detalles.

Fixémonos no estilo. Nas primeiras páxinas non imos atopar máis ca unha prosa amable. Porén, de aí en diante, Carro comeza a introducir algúns xiros que, pouco a pouco, revelan unha versatilidade estilística notablemente ampla. Atoparemos desde apuntamentos procaces («a ferramenta satisfacía a toda a mancebía de tan honesta casta») até formulacións líricas («unha calma sagrada pousábase sobre o xardín dos nosos xogos») ou esaxeracións irónicas («un corazón ferido de señardade onde as lembranzas esmorecían polos recunchos da vergoña»).

Co marco espacial dos relatos acontece algo semellante: o mundo no que transcorre a acción, pechado e local, non equivale ao mundo que habitan os protagonistas. Si, tal e como se sinala na contraportada, Santiago de Compostela é o cronotopo fundamental do libro, pero, ao mesmo tempo, a meirande parte destes protagonistas entran en contacto cun obxecto ou cun personaxe que os vencella co alén: Italia, Cuba, Alemaña, Inglaterra, Francia... Dun xeito ou doutro, No recanto das horas garda unha estreita relación coa aventura e co aventureiro. De feito, relatos coma «Kirino de Grecia» ou «Doutor Hermes Alegría» semellan escritos por un Conrad ou un Bolaño retranqueiros e algo bébedos.

En canto á dimensión temporal, coñecémola grazas á irrupción illada e case sempre mínima dunha mención cronolóxica ou dun elemento revelador. O máis interesante é que, ás veces, abonda cunha destas irrupcións para que o marco temporal dun relato se contraia, expanda ou tambalee: nun dos últimos textos, por exemplo, a simple inserción da palabra «ordenador» fai que o presente esvare desde a ditadura franquista até algún punto da nosa contemporaneidade.

O mínimo que podemos dicir de Xavier Carro é que escribe cun coidado e un acerto inusuais, e que sabe recompensar como é debido o lector paciente.

Imagen

No recanto das horas (2026)

Autor: Xavier Carro

Editorial: Galaxia

Prezo: 19,20 euros

A arte de calar

Desesperanzas e segredos

Estro Montaña

Despois de ler As cousas polo nome, non lle quedan a un moitas ganas de vivir nunha pequena localidade suíza. Trátase dunha novela de Rebekka Salm, que tivo grande éxito no país helvético. Conta a historia dunha violación, silenciada por un matrimonio que propician os pais da moza, que nesa altura ten 16 anos. A medida que avanza a narración descubrimos toda a violencia que, baixo unha cotidianeidade aparentemente normal, reina nunha sociedade na que hai cómplices dese atropelo, prostitución, homosexualidade disimulada e incesto.

Con tradución de Laureano Araujo, esta novela desesperanzada amosa personaxes supostamente normais a carón dun discapacitado, unha muller afectada de demencia, unha nena ensoñadora e un policía que ataca por celos a un xudeo, formando parte dunha sociedade irrespirable, finxidora, e xenófoba, que oculta segredos impronunciables.Este libro de estrutura coral, de ton sombrío, escrito nun rexistro estándar, caracterízase tamén pola ironía, presente xa no título, xa que o texto se algo denuncia, iso é o silencio dun microcosmos rural claustrofóbico. O relato podemos relacionalo coas novelas do ámbito rural xermanófono de autoras como Dörten Hansen ou Mariana Leky.

As cousas polo nome recibiu un importante premio e supuxo un debut potente da autora na literatura do seu país.

Imagen

As cousas polo nome (2026)

Autor: Rebekka Salm (tradución de Laureano Araujo)

Editorial: Laiovento

Prezo: 19,95 euros

Mundo Begoña

Sinxelo e coidado

María Navarro

Dende a elección de Begoña Caamaño como a figura homenaxeada nas Letras Galegas de 2026 ata o recoñecemento do seu labor en forma de premios, seguido dunha cronografía básica, asistimos da man de Icía Varela e Xosé Manuel Varela a un percorrido polo universo dunha voz femenina única que nos leva do Calvario vigués a Compostela, que nos fala da súa formación académica, do seu traballo de xornalista na radio e na prensa escrita, do seu activismo, das súas viaxes, das súas obras, do papel da música na súa vida e da continuación do seu legado presente en asociacións e compañías que teñen a igualdade, o desenvolvemento, o feminismo, a visisbilización ou o activismo por bandeira.

A valoración da reinterpretación dos mitos clásicos da Odisea e do ciclo artúrico nas súas novelas, que levou os membros da RAG a destacaren a súa achega ao panorama literario galego, permitiu aos autores do volume que vén de publicar Embora, Begoña Caamaño, a contextualizar os mitos facendo referencia non só aos orixinais do mundo grego e da Materia de Bretaña senón tamén a outros autores e autoras galegas que, como Begoña, elixiran estas temáticas para crear un pasado rico, un presente esperanzador e un futuro prometedor para o País.

O deseño do volume, a proposta plástica baseada en imaxes de persoas significativas, a forma de expresión, sinxela e coidada, asegúralle ao lectorado un coñemento da homenaxeada ben interesante que invita a habitar o mundo Begoña.

Imagen

Begoña Caamaño (2026)

Autor: Icía Varela e Xosé Manuel Varela

Editorial: Embora

Prezo: 20 euros

Desenredar nobelos

Olladas nostálxicas noutrora

Pilar Ponte

A publicación que hoxe nos ocupa constitúe unha colección de trece de contos que teñen como fío condutor as mesmas temáticas e estilo característicos do seu autor e, xa que logo, unha síntese da traxectoria de Iglesias ata o momento, presentada en «nobelos» formados polas vivencias do narrador protagonista que cómpre, cando menos, intentar desenredar.

O escritor ofrécenos unha viaxe literaria que mestura a nostalxia e a retranca, que teoriza sobre algúns temas considerados elevados malia que os seus pupilos non cheguen a entender por iren máis alá da lírica que ofrecen as letras do reaggeton. Aínda así, o autor non renuncia a encher de referencias culturais as súas páxinas, desde Méndez Ferrín a Howard Hawks ou Stéphane Mallarmé. Literatura, filmes e música constitúen o pano de fondo desta colección.

A obra explora temas transversais como poden ser a infancia, a doenza e o final do mundo tradicional. O primeiro constitúe os alicerces desde onde se constrúe a identidade e a memoria; o segundo fai evidente a pegada que deixan as enfermidades e mesmo condicionan o futuro e o último, analiza o cambio na sociedade cara á modernidade e a perda dos xeitos de vida tradicionais do rural galego. As diferentes tramas preséntanse a través de múltiples personaxes que nos amosan as súas contradicións a través das súas historias complexas en espazos atemporais e onde a realidade e mais a ficción van, máis unha vez, da man, nunha maraña literaria que traspasa a dimensión física cara á espiritual.

Imagen

O nariz de Cirano e outros nobelos (2026)

Autor: Bieito Iglesias

Editorial: Aira

Prezo: 17,10 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents