Realismo ao natural
Lembrando a Domingos Monteiro

Domingos Monteiro. / RTP
Na Quinta das Quintãs, en Mesão Frío, medrou e viviu Domingos Monteiro Pereira Júnior (1903-Lisboa, 1980), unha das voces máis recoñecidas da literatura portuguesa do século XX. Avogado, poeta, político e xornalista, naceu no seo dunha familia acomodada ligada á terra e ao viño. Pero o seu non ía ser a continuidade agrícola. Atopou nas letras o seu auténtico territorio, no que moi cedo destacou de forma precoz. Ao longo da súa vida recibiu importantes recoñecementos. Foi membro da Academia das Ciencias de Lisboa e viu a súa obra premiada en varias ocasións, alén de traducida a numerosos idiomas. El mesmo foi tradutor de xigantes como Balzac ou Dostoievski e, como lector voraz da tradición europea, Monteiro construíu unha obra que dialoga co universal mais sen abandonar nunca o rexional.
O seu paso por Vila Real, onde estudou como interno entre 1918 e 1920 no Liceo Camilo Castelo Branco, marca un primeiro punto de inflexión. Alí non só se forma academicamente, senón que empeza a observar o mundo con ollos literarios. Esa etapa xuvenil quedaría fixada anos máis tarde en O Caminho para Lá, unha obra que combina memoria e ficción para reconstruír a educación sentimental dun adolescente en tempos incertos. No entanto, a súa vocación literaria despuntara xa antes. Con apenas dezaseis anos publica Orações do Crepúsculo, un libro de poemas que recibe o respaldo de Teixeira de Pascoaes, que lle fai o prólogo, e a este seguiralle Nau Errante. Son obras xuvenís que xa revelan unha sensibilidade introspectiva e un gusto pola reflexión moral que non abandonará nunca. A poesía, no seu caso, non será un territorio pasaxeiro porque regresará a ela décadas despois con títulos como Evasão ou Sonetos.
Alén de escribir, Monteiro opta por unha formación sólida e pragmática: trasládase a Lisboa, inicia estudos de Enxeñería –axiña abandonados– e licénciase en Dereito en 1927 cunha cualificación brillante. Durante anos exerce a avogacía, nun contexto político complexo, defendendo opositores do réxime. Este compromiso tradúcese tamén na fundación de iniciativas como o Diário Liberal e na súa implicación en proxectos de corte democrático.
Tamén realizou algunhas incursións no ámbito do pasado cultural –das que destaca unha História da Civilização en tres volumes-, así como no ensaio, a crítica e o teatro. Con todo, foi sobre todo como narrador onde alcanzou renome. Dentro da ficción, a súa forma preferida de creación é a novela curta, xénero intermedio entre o conto e a novela, tanto pola complexidade do argumento como pola súa extensión.
Escritor realista, aínda que non alleo ao fantástico, moi influído polo naturalismo francés e ruso, publicou máis dunha quincena de títulos, entre os que destacan, entre outros, O Mal e o Bem e O Primeiro Crime de Simão Bolandas -co que obtivo o Prémio Nacional de Novelística e o Prémio Diário de Notícias–, alén de Letícia e o Lobo Júpiter agrazado igualmente co Prémio Nacional de Novelística. Varios dos seus libros e relatos foron traducidos ao castelán, inglés, alemán, polaco e ruso, e outros foron incluídos en diversas antoloxías nacionais e internacionais.
En paralelo, desenvolveu unha intensa actividade cultural: foi xornalista, crítico e editor e estivo a cargo da Sociedade de Expansão Cultural e responsable do servizo de bibliotecas itinerantes da Fundación Gulbenkian. Este labor tivo unha acción notable na divulgación dos autores portugueses.
Domingos Monteiro faleceu o 17 de agosto de 1980 na cidade de Lisboa, aos 77 anos, deixando tras de si unha prolífica obra –novelas, poesía, dramaturxia, ensaios, xornalismo…– e sen perder nunca o vínculo con Barqueiros –a parroquia onde naceu– nin con Mesão Frío, onde ten rúa ao seu nome, alén de museo na súa quinta natal, parada ineludible no roteiro literario do Douro.

Casa de Domingos Monteiro en Mesão Frío. / FdV
Na Quinta das Quintãs
Entre viñedos que descenden cara ao Douro levántase a Casa-Museo de Domingos Monteiro, un espazo que permite asomarse á vida íntima e literaria do que é un dos narradores portugueses máis importantes e singulares do século XX. A casa, vinculada á familia do escritor e á histórica Quinta das Quintãs, foi un dos escenarios da súa infancia e mocidade, aínda que a súa vida adulta transcorrese principalmente en Lisboa. Convertida en museo por iniciativa municipal, a vivenda responde a un dobre propósito: preservar a memoria de Monteiro e reforzar a identidade cultural da rexión duriense.
O percorrido expositivo reúne primeiras edicións das súas obras, manuscritos, correspondencia, fotografías familiares e obxectos privados que axudan a reconstruír o seu universo creativo. Entre eles, destacan pezas ligadas á súa actividade como escritor e editor, así como referencias á súa contorna familiar e social. O seu despacho consérvase con todo detalle, do mesmo xeito que outras estancias que preservan os mobles de época. Á parte da casa, destaca o magnífico xardín, no que hai sendeiros, pontes sobre pequenos lagos, unha gruta e viñas que reciben o sol do Douro.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas