Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pinturas de Victoria Malinowska

Unha artista polaca no Vigo dos anos 20

«Florero» (ca. 1918).

«Florero» (ca. 1918). / Museo Reina Sofía

Até o pasado mes puido contemplarse no Museo Provincial de Lugo unha obra da pintora rusa, de orixe polaca, Victoria Malinowska (ca. 1890), unha artista vinculada a Galicia, e de xeito particular a Vigo, onde expuxo en 1920 nas sala do FARO DE VIGO e onde viviu até decembro de 1921, en concreto nun domicilio da Avenida do Areal, no cal instalou tamén o seu estudio para impartir aulas de pintura.

Victoria Malinowska viaxou por Europa até instalarse en 1912 en París, onde coñece de primeira man os ambientes vangardistas e participa do contexto cultural máis moderno. Nesa altura trata o pintor vasco Ignacio Zuloaga, que tamén residía daquela en París. Temos un extraordinario testemuño desta relación no retrato que lle fai á pintora Zuloaga, obra que se pode contemplar no Museo de Belas Artes da Coruña e que é propiedade do Museo Reina Sofía (Ignacio Zuloaga, «Retrato da Sra. Malinowska», 1912, MNCARS), un óleo en que Zuloaga se afasta do tremendismo da «España negra» e delata a influencia da pintura francesa -en especial de Edgard Degas-, na composición e no cromatismo.

Tornando á traxectoria de Victoria Malinowska, ao dar inicio a Grande Guerra, como moitos artistas de variadas orixes, ten que deixar Francia para, coa súa nai e a súa irmá, instalárense as tres en Madrid. A amizade cos pintores vascos Ramón e Valentín de Zubiaurre e con Pilar, irmá destes, facilita que se insira no ambiente cultural madrileno. Ramón e Valentín de Zubiaurre, no seu obradoiro, facían xuntanzas con escritores, intelectuais e artistas e neste contexto Valentín vai realizar un retrato da nosa pintora en 1916.

Da súa ligazón ao ambiente cultural madrileño son probas o envío dunha obra da pintora á Exposición Nacional de Belas Artes de 1917 e, sobre todo, a mostra individual da artista, o ano seguinte, no Círculo de Belas Artes de Madrid, con boas críticas e importantes vendas, o que vai consolidar a súa presenza noutras exposcións e en diferentes ámbitos artísticos.

Desde a perspectiva formal, a obra de Malinowska é caracteristicamente postimpresionista, con claras viraxes adaptativas aos contextos culturais onde se vai inserir, como se pode observar nalgunhas obras que coñecemos realizadas en Euskadi, onde se amolda aos temas nitidamente vascos de artistas como os seus amigos os Zubiaurre. Xa no que respecta aos xéneros, Malinowska ten unha produción ben variada, con abondosa presenza de retratos, mais tamén de paisaxes, temas de costumes e naturezas mortas, como o «Floreiro» (ca. 1918, colección MNCA Reina Sofía) que se puido ver estes meses no Museo de Lugo.

En FARO DE VIGO

Como xa indicamos Malinowska expuxo na sala de FARO DE VIGO, na rúa Colón, en 1920. Polo que se sabe, esta presenza na nosa cidade tivo que ver cunha xestión do pintor Ignacio Zuloaga que facilitou a realización da mostra.

Sabemos que en 1922 está de novo en Madrid, onde o seguinte ano participa no Salón de Outono e onde o Museo de Arte Moderna, do cal é director o escultor Benlliure, adquire unha obra súa pola cantidade de mil pesetas, precisamente o «Florero» que se puido contemplar en Lugo.

A pasar da pouca información que temos da artista, os aspectos que coñecemos da súa traxectoria e personalidade semellen situar a súa traxectoria vital asociada ao concepto de «nova muller» que se desenvolve na sociedade e, nomeadamente, na cultura europea de entreguerras. Mulleres con personalidade e proxección social. Imaxe e mito dos dourados anos vinte.

Debemos entender que estes aspectos, certamente, responden a unha realidade social deste tempo mais que a eles hai que sumar mudanzas e vontades de maior calado, entre as que cómpre sinalar que moitas mulleres, en particular as que proceden dos círculos intelectuais, artísticos e literarios, acrecentan a esta imaxe unha nova consciencia social, determinada sobre todo pola autonomía, pola transposición de barreiras e pola igualdade de dereitos. As artes serán un dos ámbitos de actuación que fornezan á «nova muller» a posibilidade concreta de realización, aínda que con grandes dificultades e incomprensións, como a traxectoria de Victoria Malinowska semella suxerir.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents