Robin Soans, dramaturgo
Lembrando a Jürgen Habermas, filósofo

Representación de «Talking to Terrorists», de Robin Soans.
O momento crítico que vivimos a nivel mundial, e o pasamento de Jürgen Habermas, traen ao recordo The Arab-Israeli Cookbook (2004), peza dun autor ben coñecido por A State Affair, escrita esta última no marco dun programa de lembranza dunha dramaturga británica tan brillante como esquecida, das mellores do século vinte. Falamos de Andrea Dunbar, que en 1976, con quince anos, escribía como traballo escolar The Arbor, texto que en 1980, logo de vicisitudes varias, foi estreado no Royal Court Theatre, Londres, cun éxito rotundo de público e crítica.
A relevancia da obra de Dunbar deriva da mirada estarrecedora ás condicións de vida en cidades que nos oitenta padeceron unha reconversión industrial durísima, co paro disparado, a explotación salarial crecente dos máis e o uso abusivo de todo tipo de drogas, por non falar do alcohol. Tamén destaca pola pulsión factual, mostra case inaugural do que agora se chama autodrama. Con 29 anos morría dun derrame cerebral no seu pub de sempre, The Beacon, nos arrabaldes de Bradford, mentres argallaba unha peza sobre os cobradores de impagos, homes sen frac que executaban desafiuzamentos a esgalla en barrios humildes.
En 2000, a compañía inglesa Out of Joint desprazouse ao seu barrio para recoller información arredor dos contextos en que transcorren os poucos anos de vida de Andrea: familia, comunidade, veciñanza, amizades, e persoas coas que compartiu casas de acollida nas que se refuxia para fuxir do maltrato. Con todo iso Robin Soans conforma A State Affair, onde abrollan historias de vida de xentes como Andrea; no remate, a súa primeira filla, Lorraine, toma a palabra para pórlle o ramo a un relato arrepiante, no que o dramaturgo sitúa en escena persoas, verbas, frases e relatos recollidos no traballo de campo, combinados con singular mestría.
O modelo de composición utilizado e a estratexia de creación asociada, adoitase coñecer como «verbatim» drama, palabra que cabe traducir como «literal», pois o que se quere é reproducir o real, lonxe de calquera elaboración ficcional. Ten as súas orixes na factografía soviética, liña creativa impulsada desde a revista soviética de vangarda Novi Lef, desenvolvida por Erwin Piscator co seu teatro documental, e revitalizada por Peter Weiss en textos como A indagación (1965). En datas máis recentes, o movemento ten recuperado un novo pulo, asociado á posta en valor dun teatro político asentado na presentación dialéctica de problemas diversos ou na recuperación das memorias, como acontece en Galicia. Raúl Dans en Bsanda Ebé, onte mesmo, ou Roberto Pascual, con Sophie non é o meu nome de guerra, hai catro anos.
Co mesmo modelo Soans escribe Talking to Terrorists (2005), onde indaga un problema ben complexo, defendendo que a comprensión das razóns dos outros, por terribles e desapiadadas que sexan, é unha estratexia fundamental na resolución dos conflitos, e no troco das circunstancias que os provocan. Tampouco non esquece mostrar unha visión crítica de procedementos como a confesión por tortura e a súa (i)licitude, feito sobre o que Craig Murray escribe en 2006 Murder in Samarkand, a partir do cal David Hare crea unha peza homónima emitida en 2010 pola BBC en formato radiofónico.
Foi a de Soans unha aposta arriscada, mais como recoñecía a crítica acertou a presentar, nos termos precisos, un problema con toda a súa crueza, nas súas causas e consecuencias, desde moitas arestas posibles, pois non hai solucións simples, ou si, pero xa vemos onde levan. Soans quere fiar na forza da palabra, no poder do diálogo, e propón unha liña de creación que permita devolverlle á comunicación todo o seu potencial para tentar construírmos un mundo mellor. É dicir, como sempre defendeu Habermas.
A palabra como arma
En 2005 Lyn Gardner escribía en The Guardian sobre aquel espectáculo de nome The Arab-Israeli Cookbook, destacando a importancia de darlle voz a todas as persoas que malviven os conflitos de sangue e terra na vella Palestina, para escoitalas e saber das súas razóns e vivencias, que desde a escena nos interpelan, e nos demandan considerar outras miradas, para construír empatía e comprensión. Tamén se publicou The Arab-Israeli Cookbook. The Recipes (2004), volume cheo de receitas da cociña local da zona, que invitan a partillar cociña e mesa, lonxe de credos, linguas, tribos e odios ancestrais.
A práctica de Soans como dramaturgo ten algo que ver coa defensa do diálogo e da razón comunicativa que fixo o filósofo alemán Jürgen Habermas ao longo da súa vida, en estudos memorables, promovendo o valor da palabra como ferramenta na deliberación e no debate, para habitar na diferencia e potenciar os consensos. Como na antiga Grecia, Soans defende o poder do teatro para mostrar conflitos complexos, coas súas voltas e reviravoltas, nas voces dos seus protagonistas, as únicas persoas que poden resolvelos, tamén coa nosa axuda, en pro dun mundo mellor, máis libre, xusto e solidario.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas