Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Non temos (aínda) un espello

Na procura dun cinema histórico en galego

Fotograma de «Antes de Nós» (2025).

Fotograma de «Antes de Nós» (2025).

Todas as historias do pasado precisaron de alguén que as escribise. En Galicia, figuras como Diego Xelmírez ou a arteira familia dos Traba seguen, no entanto, sen teren presenza na pegada histórica que no século XXI supón a produción audiovisual. Temos un problema: en Galicia construíuse historia política e civil sen construírmos o seu imaxinario político audiovisual compartido. Isto é, un relato audiovisual para todos, pensen como pensen.

Si hai, por exemplo, un relato social ben definido. Confórmano miradas moi persoais e tamén políticas como a de Ledo Andión en Nación (2020) ou a produción Reboiras: Acción e Corazón (Alberte Mera, 2020); ambas dialogan cun público concreto e cunha tradición política determinada. Circunvalando o político temos tamén un intimista Antes de Nós (Ángeles Huertas, 2025). O filme vai cumprindo checks identitarios e persoais sobre Castelao, sen entrar na súa vida política.

No caso galego ocorre como con aquel vello mantra que sobrevoaba o cinema español, na que a Guerra Civil era un tema recorrente pero nunca se abordaba o propio devalar bélico en si. Isto cambiou coa excepción do duro Mentres dure a guerra, do solvente Alejandro Amenábar (2019) ou, de xeito algo tópico, O mestre que prometeu o mar (Partricia Font, 2023), unha evocación da división da guerra radicada na figura do mestre que xa estudara antes (e mellor) José Luís Cuerda n'A lingua das bolboretas (1999) baseada no conto de Manuel Rivas. Si temos incontables filmes documentais concretos sobre etapas da nosa historia, como o destacado A batalla descoñecida (2017) de Paula Cons e o seu relato sobre o wolframio na Galicia da Segunda Guerra Mundial. Tamén existen delicias de ideacións baseadas en episodios da nosa historia, como o xenial O Apóstolo, de Fernando Cortizo (2012) pero a eiva da que lles falo segue aí.

O papel de Risco e a intelectualidade galega conservadora na Guerra Civil contouno Carlos Casares no inmenso Deus sentado nun sillón azul; Luis Rei Núñez deléitanos cos anos con obras que tocan o corazón da Galicia do XX. Que ocorre na televisión ou nos cinemas? Onde teriamos o grande drama do intelectual galego? Outras cinematografías europeas si responderon a iso, e aproveitaron para construir imaxinarios nacionais ou incluso supranacionais, como en Stefan Zweig: adeus a Europa (Maria Schrader, 2016) feito polo cinema austríaco, ou a brillante produción francesa Barón Noir (Ziad Doueiri, 2016), sobre a política gala e a relación dos franceses para cos seus representantes públicos.

Onde o drama autonómico e os puñais daquel primeiro e convulso Parlamento? Ulo o biopic sobre figuras tan relevantes como un Ramón Piñeiro e o seu papel na construción da Galicia após 1975? Onde filme, por exemplo, sobre Xelmírez e a batalla contra Toledo pola primacía relixiosa en España? Ulo esoutro sobre os Irmandiños, se é que queremos tirar de tópicos? Onde o filme sobre a figura, complexa e interesante ao mesmo tempo, de Fraga Iribarne? Na produción inglesa temos a brillante obra teatral Nye (Tim Price, 2024) que trata de xeito maduro a figura política de Nye Bevan, o construtor do estado do benestar británico, e as súas aspiracións e contradicións.

Vendo Nye sentín envexa de que producións galegas recentes non teñan aínda a valentía de abordar con igual sensibilidade as figuras políticas, máis aló da parodia ou do onanismo ideolóxico dirixido aos propios, sen pensar tamén na cabida dos alleos. Quizais aí resida a explicación de moitas das preguntas que lles propoño nesta páxina.

Un imaxinario compartido

O audiovisual galego construíu nas últimas décadas un imaxinario de lugares e xentes, paisaxístico e íntimo, recoñecible e valioso, aínda que moi centrado nalgúns motivos recorrentes como o rural, a emigración, a memoria familiar e a forza simbólica da paisaxe. Series como Mareas vivas (1998–2002) ou filmes como O que arde (2019), de Oliver Laxe, contribuíron a consolidar esa mirada telúrica, mentres propostas como Rapa (2022–2024) demostraron a capacidade do territorio galego para funcionar como escenario perfecto de suspense contemporáneo.

Nesa mesma liña, títulos como Sempre Xonxa (1989), de Chano Piñeiro, ou Vilamor (2012), de Ignacio Vilar, reforzaron a presenza do rural como espazo simbólico de identidade e memoria, mentres series recentes como Fariña (2018) situaron a costa atlántica nun relato con fortísima proxección internacional vencellado á economía ilegal e ás transformacións sociais do propio país. Este conxunto de obras conforma un mapa audiovisual sólido no que Galicia aparece como paisaxe viva, territorio emocional e espazo narrativo cunha grande potencia estética. Quizais o seguinte paso natural dese proceso sexa ampliar ese mapa cara a relatos que incorporen coa mesma apertura de miras a historia política e institucional do país, completando así o tránsito da paisaxe como escenario á comunidade como lugar histórico compartido.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents