Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Unha novela exemplar

Con mestría e emoción

Xosé Feixó

Escribiu J.L. Borges -«El inmortal»- que «la república de hombres inmortales (...) sabía que en un plazo infinito le ocurren a todo hombre todas las cosas. [...] lo imposible es no componer, siquiera una vez, la Odisea». Non lle faltaba razón, aos meros efectos dialécticos. Postulado un Universo infinito, con infinitas galaxias, infinitos sistemas solares... habería infinitas Terras, e por suposto infinitos extraterrestres. Si, como os que se debaten en A boca de Krishna, novela de Xosé Ramón Pena recentemente publicada por Aira; transfondo dialéctico-existencial que se mestura con múltiples historias familiares e persoais dos protagonistas, e de aí que, ás veces, para os posibles lectores haxa moitas lecturas ou interpretacións, ou, máis exactamente, moitos ángulos de observación ou interpretación. Estamos, pois, diante dunha novela complexa, de múltiples lecturas, o que permite lela desde diversas perspectivas, e mesmo en diferentes momentos temporais ou circunstancias, e valorala de distintos xeitos.

Trátase dunha obra híbrida e autobiográfica, cuxos protagonistas son personaxes reflexos dun tempo, dunhas inquedanzas e dunhas circunstancias científico-culturais nunha época, concreta e dinámica, en que se entrecruzan unha historia romántica, unha historia familiar, unha trama político-policial, o relato costumista, a tradición e mais as ansias de descubrir e coñecer... Todo iso na Galicia dos 70 -a novela chega ao 2016-, na que algo se sabía do movemento hippie, da chegada á Lúa, da Guerra do Vietnam ou da revolución portuguesa; dos ovnis e da posibilidade de vida extraterrestre, das inquedanzas polos coñecementos científicos, o sentido da vida e mais as orixes do Universo. E todo iso mesturado con humor, con drama, con episodios certos e reais e personaxes cribles.

Lonxe das modas ou das tendencias pasaxeiras, A boca de Krishna explora con liberdade sentimentos e necesidades espirituais, sen ataduras de ningún tipo. Dentro da narrativa de Xosé Ramón Pena, supón un fito moi logrado, pouco abundante na literatura presente. Moitos outros valores ten o texto, como a mestría narradora, a fluidez lingüística, o desenvolvemento natural, a profundidade emocional, os sentimentos máis humanos... En definitiva, unha novela exemplar para ler hoxe, e tamén reler noutra ocasión, toda vez que non vai pasar desapercibida.

Imagen

A boca de Krishna (2026)

Autor: Xosé Ramón Pena

Editorial: Aira

Prezo: 18,95 euros

Alento e círculo

As belezas supersalvaxes

Lucía Seoane

Supersalvaje é o rótulo que engloba as corenta e sete composicións que presenta o poeta e artisa visual vigués José Carpenter. Un título que quere evocar o cotián mais, así mesmo, a presenza do máxico nese devir diario a procurar a esencia do humano. Poemas para o lecer, pero poemas para a transcedencia.

O libro incíase con «Aliento inédito» e alí o poeta proclama a levidade e mais a exactitude, a pureza -é dicir, a transparencia, a luz- e tamen o afán da quietude case mística –«dios sin cuerpo»- que lle permiten coñecerse e, desde tal, entrar e comprender o entorno: fransformarse no paxaro, no faquir, na miscelánea do que o rodea e atopar as sensacións, os sabores, os cheiros... Sobre todo, as emocións profundas que, desde logo, percorren as páxinas do libro.

Van Gogh, Bauledaire, Dirac, Luz Pozo Garza, Octavio Paz... o pouso das mellores referencias alumea o labor e alenta un proxecto que remite, xa quedou dito, ao cotián pero tamén á cultura, porque da cultura como vento que circunda é do que está composto, ao cabo, o decurso vital: velaí «Círculo» a recordarnos que «somos hijos de las estrellas que ya no arden/pálidos y ahogados en la luz que nos olvida.» Harmonías e paradoxos -e de novo Octavio Paz- que veñen poboar a beleza, a beleza supersalvaxe, dunha poesía necesaria, como esta que nos regala Carpenter.

Imagen

Supersalvaje (2026)

Autor: José Carpenter

Editorial: Aerea

Prezo: 13,30 euros

Ninguén é unha illa

Un relato coral

María Navarro

Un relato coral de Fran Fernández Davila que leva por título Principio de superposición fíxose coa vixésimo sétima edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole convocado polo Concello de Lugo e publicado por Xerais para que a mocidade perciba nesta arquitectura narrativa que unha verdade pode ser a suma de todas as subxectividades, que o que para unha personaxe é unha traxedia para outra convértese nunha oportunidade ou nunha insignificancia. Ademais a narración obriga o lectorado a ser activo comparando as versións para construír a súa propia conclusión, concédelle ao autor a posibilidade de manipular o suspense e o tempo e propicia unha comprensión profunda da condición humana.

A excelencia do relato coral reside, precisamente, en que nos lembra que ninguén é unha illa. Somos fíos nunha rede invisible; a nosa historia só adquire o seu verdadeiro significado cando se cruza coa dos demais.

A desaparición de Sofía, unha alumna do Instituto Nosa Señora dos Remedios de Zueira, desencadea unha restra de entrevistas que, a modo de declaración se van sucedendo ata a resolución do caso e que leva aos que falan a cuestionarse o papel que cada un desempeña a nivel persoal e colectivo, cando rodeado de iguais, ha de tomar decisións que afectan inevitablemente aos demais. Amoríos, desencantos, traizóns, feridas e poesía mestúranse nas páxinas da novela que desemboca nun caos emocional para uns e nun afrontamento positivo para outros.

Imagen

Principio de superposición (2026)

Autor: Fran Fernández Davila

Editorial: Xerais

Prezo: 12,95 euros

A loita continúa

Completa enxurrada

Héitor Mera

Nunca un título foi tan diáfano. A medida que se vai facendo lectura, Ramón Romero realiza unha disertación sobre unha manchea de elementos propios das novas xeracións. Reflexivo, eu, reacio nun primeiro momento ás súas pautas… Romero faime ver que non son o único. Con todo, hai unha diferenza: a del é a reflexión dun home do seu tempo arredor das súas circunstancia.. Non hai unha distancia que permita dar perspectiva e, porén, atina ao analizar, interpretar e darlle un verniz crítico a todo o que vive.

A enxurrada é completa. A crítica alicerza na comparación do que para el debera ser. Fronte á hiperestimulación á que están/estamos sometidos desde as redes sociais, vídeoxogos e demais luceciñas do capital, colocadas para alienar a rapazallada, Romero berra contra a apatía e rebélase, achegándolle ao lector cal é o camiño que debe seguir na procura dun espírito crítico, armado para loitar contra o sistema darwinista que abafa toda unha xeración amolecida: en realidade, a xeración máis vulnerable dos últimos tempos.

Millennalismo ou a sátira dunha xeración deberá ser un texto de referencia intelectual, reflexiva e combativa. Este poemario é unha arma máis na nova e deformada loita de clases, pois dá luz.Poesía non esotérica, clarividente para achegarse a un maior número de activistas. A loita continúa.

Imagen

Millennalismo ou a sátira dunha xeración (2026)

Autor: Ramón Romero Nogueira

Editorial: Xerais

Prezo: 12,82 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents