Clasicismo e modernidade
Exposición de Francisco Miguel na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego

«Retrato de Syra» (1931, Francisco Miguel).
A Pinacoteca Fernández del Riego, en acertada proposta, trae a Vigo a mostra Fráxil, fácil, núbil. 40 debuxos de Francisco Miguel. Figura central na arte galega das primeiras décadas do século XX, o artista foi vítima da Guerra Civil, detido tras o golpe de xullo de 1936 e asasinado polos sublevados fascistas, aparecendo o seu corpo o 28 de setembro de 1936 en Bértoa (Carballo).
O seu traballo artístico transcorre entre os anos finais da década dos 10 e o ano do seu asasinato. Nos primeiros anos vinte, ligado ao nucleo coruñés que dará orixe á revista Alfar, desenvolve unha linguaxe afín á modernidade que se espalla polas revistas ultraístas, interesado por captar o ritmo e o dinamismo, de influxo futurista, e polas tendencias formais planimétricas.
A partir da 1923, e da súa estadía en París, acentúanse os aspectos decorativos na súa obra e cunha tendencia cara a unha arte ligada á volta á orde, con debuxos de corte clasicista, frecuentemente coa súa esposa, a escritora Syra Alonso, como modelo.
Syra e Francisco Miguel vivirán en México entre 1926 e 1933, moi achegados aos intelectuais mexicanos que realizan a revista Contemporáneos. Na obra destes anos vai situarse nos presupostos dunha figuración cun ar maxicista, de empregramos a terminoloxía do famoso libro de Franz Roh Realismo mágico, post expresionismo (1925), elaborando unha pintura «limpa, clara e rigorosa» -en palabras de Luís Seoane-, con vontade de reter e fixar o expresivo. Neste período mexicano publica un cartafol, Cuarenta dibujos con un poema de Salvador Novo (México, 1930), que é a obra que podemos contemplar agora completa en Vigo.
Inicialmente destaca a tipografía da capa do cartafol, que lembra os deseños que o autor realizara para a revista Alfar en 1925, como por exemplo o do número 47, ambos son tipograficamente de grande potencia, cunha composición dinámica e ao tempo equilibrada, que segue os principios construtivistas contrastando o branco, vermello e o negro, como fan publicacións soviéticas desa altura; por exemplo os deseños de El Lissitzky deses mesmos anos.
Despois do poema veñen no cartafol as obras, todas realizadas con lapis sobre papel e elaboradas polo pintor en Galicia, Madrid, A Habana e México entre 1925 e 1929. As dez primeiras teñen orixe en Cambre no ano 1925, e a modelo é sempre Syra a excepción de dous autorretratos. Continúa cun retrato dun amigo, realizado na Coruña o mesmo ano e cun Torso de Syra (1925) feito en Madrid.
De 1926 son seis debuxos realizados en Cuba, a maioría de Syra aínda que hai un retrato do fillo Alberto e outro do escritor Alejo Carpentier. Os outros debuxos son xa de México e datan de entre 1926 e 1929, alén dos numerosos debuxos de Syra cómpre salientar os do seu fillo Alberto e o da poeta Blanca Luz Brum. Algúns exemplos son: Alberto aos cinco anos (1927), Syra con cabelo curto (1927), Syra na súa cama (1927), Alberto aos seis anos (1928), Alberto durmido (1928) ou A modelo (1927).
As fontes
Este tipo de obras delatan como Francisco Miguel, na súa procura estilística, acode claramente ás fontes clásicas, aspecto fundamental para entender a construción e o equilibrio das súas obras. Esta actitude é coincidente co contexto europeo de entreguerras onde distintos movementos retornan ao obxecto e ao pasado, fascinados pola Antigüidade. Velaí unha obra de Francisco Miguel como A esposa do pintor (1926) -presente na mostra-, dun estilizado clasicismo como proba senlleira deste camiño estético.
O noso pintor interpreta os trazos clasicistas -nel máis renacentistas que gregos- como unha procura de racionalidade, obxectividade e intelixencia, como unha forma de aprehender valores esenciais, entre os que destacan a plasticidade e a expresividade antisentimental. Como fan Picasso ou artistas italianos do Novecento (Mario Sironi, Achille Funi, Ubaldo Oppi ou Felice Casorati), as formas clásicas non son obxecto dunha análise filolóxica senón que se procura un vínculo conceptual co antigo.
O Retrato de Syra (1931), dunha figuración que delata a pegada do cubismo, peneirada por unha sensibilidade compartida coa estética de movementos realistas, exemplifica á perfección estes referentes, estamos diante dun debuxo de trazo nítido dunha figura feminina de ollar ausente, que podemos definir como indiferente á continxencia, que semella mergullada nun pensamento esencial que fica alén das cousas, alén da súa perdurabilidade ou caducidade.
Pintor culto, de coidada formación teórica, toda a súa obra está marcada pola vontade de reter, de fixar, o expresivo, aspecto ben perceptíbel na magnífica colección de debuxos que se poden contemplar na Pinacoteca Fernández del Riego.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas