Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mestres da tinta negra

Tendencias da narrativa galega actual (II)

Mestres da tinta negra.

Mestres da tinta negra.

A novela negra foi un dos xéneros populares canónicos da literatura universal do século XX, pero entrando no XXI, en consonancia coa reacción xeral cara a modelos narrativos máis balsámicos, foi substituído case por completo pola novela policial. No caso galego, ese dominio do detectivesco sobre o criminal é claro, pero aínda así podemos observar como algúns bos autores escribiron bos libros que paga a pena destacar.

Diego Ameixeiras (Lausanne (Suíza), 1976) é, sen ningunha dúbida, o mestre da novela negra galega contemporánea. Case toda a súa obra literaria xira ao redor dos seus presupostos; nas súas primeiras obras máis desde a parodia, pero desde a moi notable Dime algo sucio (Xerais, 2009), a súa prosa procura a depuración estética, o minimalismo expresivo e unha procura constante de radiografar a alma humana nos seus intres máis escuros.

Entre as súas novelas brillan especialmente Matarte lentamente (Xerais, 2013), A noite enriba (Xerais, 2015) e O cervo e a sombra (Xerais, 2021). Mestura de parodia e homenaxe ao xénero foi o seu meirande éxito comercial, Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010), onde novelou con moito humor a grande escisión do BNG após o final do quintanismo na famosa Asemblea de Amio.

Ese espírito rebuldeiro conecta a Ameixeiras co que el considera explícito mestre: Bieito Iglesias (Ourense, 1957). Fiel ás convencións da «novela con policía», a súa literatura é sempre un convite á esculca do noso tempo desde unha postura distanciada, humorística e lúcida. É coma se se aproveitase da familiaridade que lle outorga camiñar sobre un xénero «convencional» para despois facer o que lle peta.

Pan e coitelo (Galaxia, 2008) é unha noveleta deliciosa onde Iglesias axustou contas co fraguismo, pero foi nas dúas continuacións da súa clásica Miss Ourense (Galaxia, 1994): Guías caninos e Unha gripe cabaluda (Aira, 2019 e 2024, respectivamente) onde mellor se reflicten as características da súa narrativa negra: recreación dunha Ourense máis mítica ca real, descrición de ambientes sórdidos e populares con profundidade e precisión blancoamorianas e un escepticismo intelixentísimo sobre os límites da xustiza e do ben.

Máis escura e igual de atinada é a novela Hai que matalos a todos (Xerais, 2015), de Héctor Carré (A Coruña, 1960), un thriller urbano, político, realista, cinematográfico, comprometido co tempo da súa narración e moi ben traballado. Carré, que é tamén cineasta, demostrou nesta novela que sabe crear ambientes, escenarios e personaxes, e que os seus referentes literarios son amplos e actuais dabondo.

Ese gusto polo noir como xénero popular, familiar, nutrido por referencias que se van acumulando e acaban por eclosionar grazas á novidade na ollada é parte da obra de Antonio Tizón (Aranga, 1960). Na súa pentaloxía sobre o inspector Sánchez Pereiro dúas obras destacan: Un home estraño (Xerais, 2017) e Lobos doentes (Xerais, 2023). E as dúas polo mesmo. Nestas obras de Tizón, o respecto polas convencións do xénero é absoluto, e a liberdade entra a través da creación dos seus personaxes, dotados dunha vitalidade moi difícil de conseguir, aínda que poidan parecer de doada execución.

Na análise da nosa literatura criminal hai que ter en conta a propia realidade galega. Contamos cunha moi baixa taxa de criminalidade e un aínda máis baixo índice de violencia. A nosa estrutura social é bastante igualitaria, malia a inxustiza social evidente. Caer no crime é, para a gran maioría, máis unha «mala hora» ca un destino. Quizais por iso a narrativa negra dialoga, no noso tempo e espazo, tanto coa realidade coma coa ficción, inequívoca influencia sobre os autores que imaxinan os universos máis tenebrosos.

Pouca policía, moita diversión

Nas novelas de Ameixeiras, Tizón, Iglesias e Carré hai poucos policías. Claro que os protagonistas de Guías caninos ou Lobos doentes son inspectores, Marañao e Pereiro, respectivamente, pero a súa postura ética e estética non casa nin cos parámetros máis habituais no xénero que se desenvolve na actualidade nin, aínda menos, con calquera procura de realismo. Contra certa tendencia do policial máis mainstream, que nos presenta funcionarios resolvendo crimes aplicando todos os protocolos e poderes do Estado, nesta narrativa, os policías ou son outsiders ou son elementos corruptos que non poñen orde, precisamente.

Na novela negra galega actual, tampouco o mal é monolítico. Os autores non se preocupan en exceso de crear un discurso moral que resplandeza; máis ben, a busca enfoca nos recantos cegos, alí onde a mirada canónica prefire facer a vista gorda para non se enfrontar ao claroscuro. Os delincuentes son azarosos ou dignos de pena. Os ambientes son opresivos: na obra de Ameixeiras ou Carré cun ton quizais máis tráxico; en Iglesias ou Tizón, máis hedonista.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents