Clubs e clubs
Na procura da exclusividade

Un club de cabaleiros inglés no século XIX.
Hai unha frase atribuída a Groucho Marx segundo a cal el nunca formaría parte dun club que o admitise como socio. Parece ser que foi pronunciada cando rexeitou unha invitación do Friars Club de Beverly Hills. Polo contrario, actualmente, en cidades como Madrid hai lista de espera para ingresar. A cantidade de expatriados latinos ricos (xa que logo, de Venezuela e México), sen contactos directos na capital de España e con cartos para asumir as altas cotas, explica tal circunstancia.
Os clubs de cabaleiros (non abonda dicir de homes) viviron os seus anos de gloria entre o século XIX e mediados do XX. Especialmente no West End de Londres e noutras grandes cidades europeas. Servían, alén de manter contactos entre os poderosos, para descansar un anaco das respectivas esposas -no caso dos casados- ou para atopar un certo acougo cotián se eran solteiros. Institucións onde poder fumar, beber, xogar, conversar, sen a presenza limitadora de mulleres. Ou, incluso, durmir de forma discreta se unha saída nocturna causou estragos.
De sempre houbo clubs máis ou menos disfrazados de sociedades deportivas. Precisamente o custo de manter as súas instalacións facía que fosen de acceso exclusivo. Así, os Puerta de Hierro (Madrid), -que desde 1987 non admite socios-, Club de Polo ou Club de Golf de El Prat (Barcelona), Jolaseta (Biscaia) ou os diversos clubs náuticos (moitos deles co engadido de «real»)- constituíron oasis respecto da inmensa maioría da sociedade. Incluso dos ricos novos, por vulgares. Ou en lugares onde había un deporte local por riba de todos, como en Terrassa o hóckey sobre herba, os exclusivos ían ao Egara e os menos ao Atlètic Terrassa.
Así como Barcelona non foi dada a clubs privados á maneira inglesa (o único durante anos, o Círculo Ecuestre, sempre estivo vinculado a un españolismo reseso), en Madrid hai locais con tradición, como La Gran Peña, que segue a esixir gravata para entrar e non deixa usar o teléfono móbil, ou Nuevo Club. Nos últimos anos, a americanización de Madrid favoreceu a aparición de novos clubs privados, menos restritivos que os tradicionais e non tan demodés.
En Barcelona e desde 2016, abriron dous clubs, moito menos caros e pasados de moda que o Círculo Ecuestre, e vinculados a sociedades internacionais e hoteis. Entidades que, forzadas polo signo dos tempos, están abertas a homes e a mulleres e que engadiron espazos de ximnasio, para o traballo ocasional ou sen estrés, lecer cultural, salas de fumadores, relax. Incluso coa aparición de clubs, como o Juno House de Barcelona, exclusivamente para mulleres.
Segundo algúns expertos, tal proliferación debeuse a dúas circunstancias: o aumento de grandes locais baleiros despois do andazo de covid e, consecuencia deste, a perda de terceiros espazos verbo dos laborais e domésticos. A súa exclusividade leva, sen dúbida, a comportamentos clasistas e snobs, como se pertencer a eles fose un dereito divino, naturalmente non universal. Outra función dos clubs -tal vez unha das máis importantes- é acoller encontros discretos entre empresarios e persoeiros, lonxe dos reservados de restaurantes. O que sucede nun club queda no club, e os consocios teñen a obriga moral de respectar o que ven en xusta reciprocidade.
Claro está que para os máis dos cidadáns sempre houbo clubs de fácil acceso como os deportivos, os ateneos ou os centros rexionais ou comarcais. Cidades como o Madrid ou a Barcelona do século XX serían inimaxinables sen as diversas casas rexionais de Galicia, Aragón, Asturias, Andalucía e tantos outros lugares. Locais onde atopar compatriotas e acougo cando a morriña facía acto de presenza, superable cun polbo á feira e un ribeiro ou unhas migas de pastor. Con acceso libre, incluso sen ser socio, e con actividades que devolvían a autoestima colectiva aos seus seareiros.
Barcos e golf
Por esas cuestións de proporcionalidade inversa, en Galicia non houbo clubs de cabaleiros á maneira inglesa. Claro que houbo e hai entidades que cumprían unha función semellante, como o desaparecido Casino de Vigo (marchar sen remedio do García Barbón foi a súa sentenza de morte) ou o Círculo Cultural Mercantil e Industrial tamén vigués. Ou por Galicia adiante, entidades semellantes con máis ou menos importancia.
Os que en Galicia aspiraban á exclusividade tiveron que asociarse en clubs deportivos que puxesen filtros para que non entrase un calquera. Así, se en Vigo foi o Real Aeroclub ou o Club Náutico (como en tantas localidades de costa), nunha poboación menor como é Sanxenxo en 1951 fundouse unha entidade dedicada aos deportes de mar que gañou unha exclusividade que outras non tiñan. Con dous socios de honra que foron ministros de Franco e o seu presidente vinculado á familia de José Calvo Sotelo, non é casual que sexa refuxio do rei emérito.
Pola súa banda, as elites d’A Coruña elixiron o golf para marcar a súa distancia do común coas instalacións da Zapateira. Frecuentadas por Francisco Franco, este nome desapareceu –e non por aplicación dunha lei de memoria democrática- da publicación que conmemorou o seu cincuentenario en 2011. Evidentemente, non busquedes versión galega de cadansúas webs.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
