Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Terra insubmisa

No centenario de «O Mariscal»

«O mariscal Pedro Pardo de Cela» (1883).

«O mariscal Pedro Pardo de Cela» (1883). / Deputación de Pontevedra

Por riba do Alto de Puxeiros, que sentín dicir A Portela de Puxeiros, alcanzamos o territorio de Mos. Poñemos o pé, entre a mesta néboa que coroa a cima, na pel do val e na auga do Louro. Otero Pedrayo dixo que este río entregaba ao Miño lascas auríferas de tempos romanos. A realidade, sempre ruda, amósanos unha terra anavallada pola autovía.

No tempo en que Ramón Cabanillas foi secretario deste concello (1916-21), no lugar do asfalto había lameiros e prados e leiras labradas. Non é cousa de poñerse señardoso, que dirían os do norte oriental: aquela paisaxe verde dos campos cultivados e o amarelo do millo alto sometíase á lei do foro medieval.

O agrarismo púxolle freo aos abusos, continuados e inmisericordes, dos donos da terra que vivían do traballo dos outros. Máis menos como fan os especuladores coa vivenda. A mobilización popular, axiña represaliada (dígano os mártires de Sobredo), contaron con cántigas de loita grazas á destreza literaria e vontade combativa de Cabanillas. «Irmáns, irmáns galegos! Dende Ortegal ao Miño, a folla do fouciño, fagamos rebrilar», soaralles por ser himno de Acción Gallega que eu cantaba cos acordes de Xenreira, un dos grupos do punk-rock que máis pegaba nos 90.

Os anos en Mos do Ramón do Salnés permitíronlle frecuentar o Balneario de Mondariz, cita obrigada das copudas clases nun ambiente dandy, de snobismo aristocrático e vida relaxada. Enrique Peinador, o propietario, púxolle ao negocio acento galego e contribuíu ao impulso da conciencia nacional mediante militancia activa nas Irmandades da Fala e Partido Galeguista. O seu fillo combaterá á fronte das Milicias Populares Galegas durante a guerra incivil deica ser detido, xulgado e asasinado no Madrid de 1940. Para saber máis léase Enrique Peinador Lines e Mondariz, de R. Gurriarán en edición fomentada polo Foro de igual nome, gobernado por Xosé González.

A Cabanillas prestáballe o ambiente. As fotos dese tempo demóstranolo. Os seus retratos con chapeu distan dos posteriores coa boina. O vate retornara de Cuba con fama gañada e propagada polo país. Un tempo de fértil produción, de testemuño lírico e compromiso na expansión da idea de Galiza como nación arrodeada de símbolos, lendas e fundacións míticas perdidas no fondo das idades. Cabanillas foi o gran poeta da preguerra deixando obra ampla, de estable calidade e poderío evocador.

O amigo Xosé Ramón Pena informábame da reedición (feita ao seu coidado) d´A noite estrelecida ao seu cumprir un século. O mundo artúrico, tan fecundo na literatura dende Cunqueiro a Ferrín pasando por Begoña Caamaño, únenos á arte europea e ás raíces mesmas da literatura do vello continente. Nese 1926 tamén aparece O Mariscal, con cuberta de Castelao e debuxos de Cebreiro, en Ediciós Lar.

«O Mariscal» de Ramón Cabanillas e Antonio Villar Ponte (1926, Ediciós Lar).

«O Mariscal» de Ramón Cabanillas e Antonio Villar Ponte (1926, Ediciós Lar). / .

O público amante dos libros saberá que trata da traizón e posterior execución de Pardo de Cela. Para os autores, porque Cabanillas contou con Antón Villar Ponte, o mariscal representaba o último reduto dunha Galiza insubmisa aos Reis Católicos; por tanto, a España. A trama permitíalles adoutrinar nas masas por medio do teatro.

A peza converteuse en ópera estreada en Vigo en 1929, no extinto Tamberlick da rúa Eduardo Iglesias (rentes de Librouro). O decorado foi cousa de Díaz Baliño (pai de Díaz Pardo), a música de Eduardo Rodríguez Losada e a actriz máis brillante, Enriqueta Brandón.

A obra nunca contou cunha representación completa. Eu tiven ocasión de asistir á súa reestrea no 2010, no Teatro García Barbón, sob dirección de Joam Trillo. Agora mesmo atopo na miña memoria, no vestíbulo, os rostros de Emilio X. Ínsua e Luís Rei, meus camaradas, falándome dos detalles do texto. Luís deixounos a mellor biografía sobre Cabanillas. Emilio segue a darnos luz ensaística. A ambos téñoos como mestres.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents