Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dos Óscar 2026

...E a imaxe deixou de latexar

Jessie Buckley recibiendo el Oscar a la Mejor Actriz por «Hamnet».

Jessie Buckley recibiendo el Oscar a la Mejor Actriz por «Hamnet». / CHRIS TORRES / EFE

O pasado 15 de marzo un espectro de morte percorría o interior do teatro Dolby en L.A. mentres os acovardados invitados acomodaban, con infausta lentitude, as súas excéntricas galas sobre as butacas. O inusitado incremento das medidas de seguridade establecidas para esta 98ª edición dos premios Óscar non conseguían calmar os ánimos dos presentes, mesmo cando a súa envergadura superaba, con moito, ás doutros anos. A (imposíbel) posibilidade dun ataque desde Irán, país situado a máis 12.000 quilómetros de distancia, semellaba xustificalo todo: tanto o lockdown do recinto como a prohibición de entrada aos Estados Unidos do actor palestino Motaz Malhees, protagonista de A voz de Hind Rajab, e de Wissam Hamada, nai da nena asasinada en Gaza sobre a que se basea o filme nominado. Unha vez transcorrido o evento, a dúbida que nos xorde e que atravesa o relato oficial é se todo ese sobredimensionado dispositivo de seguranza non estaría en realidade destinado a intimidar e controlar os asistentes.

Para o presentador da cerimonia, o humorista Conan O´Brien, o caos reinante -eufemismo ou metáfora- no mundo non debería impedir nunca que os Óscar se celebrasen. «The Show Must Go On!», voceou. Durante máis tres horas (de tedio, chistes desaboridos e premios a pseudofilmes e falaces interpretacións) o público da sala rendeu tributo «non só ao universo do cinema, senón tamén aos ideais da Arte, da colaboración, da paciencia, da resistencia e dunha das máis escasas calidades hoxe en día», atreveuse a dicir o entusiasmado locutor, «o optimismo». «Ímolo celebrar», continuou, «non porque pensemos que todo está ben, senón porque pensamos e esperamos que todo vai estar mellor». De súpeto, como quen viaxa até o interior dunha habitación en que se cumpren todos os desexos, a función deu comezo.

No que concerne ás obras gañadoras pouco hai que salientar, tendo en conta sobre todo que a famosa Meca do cinema (curioso nome dadas as circunstancias) deixou xa hai tempo de se preocupar pola calidade dos seus produtos, centrando os seus esforzos na elaboración de sofisticadas campañas publicitarias. Unha batalla tras doutra de Paul Thomas Anderson e Sinners de Ryan Cooler exemplifican, como ningún outro caso, o descalabro dos filmes made in Hollywood, con historias anegadas de clichés, incongruencias (por non dicir «asaltos e insultos á intelixencia do espectador») e personaxes que máis que actuar, vociferan.

O lamentábel é que tampouco podemos salvar da queima longametraxes como Hamnet de Chloé Zhao (a magnífica directora de Nomadland), contaminada por un exceso de preciosismo dulzón cuxo ritmo -pausado para uns e soporífero para outros- non desencadea o despertar emocional desexado; tampouco a Marty Supreme de Josh Safdie, a grande perdedora da noite, ou a Frankenstein de Guillermo del Toro, protagonizada polo altísimo actor do momento, Jacob Elordi.

O acontecido nos Óscar non supón ningunha novidade nin excepción á regra. Xa en 1984, durante as Olimpíadas de L.A., o presidente do Comité Olímpico Internacional, Juan Antonio Samaranch, tivo que reprender o Organizador dos Xogos, Peter Ueberroth, polo inaceptábel comportamento dos seus canais televisivos. Cada vez que un atleta non estadounidense alcanzaba a vitoria, a retransmisión era interrompida de inmediato por anuncios publicitarios. A réplica do comisionado non puido ser máis contundente e sincera: «O problema é que aos americanos tan só lles interesa ver como os seus compatriotas gañan as medallas».

O Axente Secreto de Kleber Mendoça Filho, Sirat de Oliver Laxe, Un simple accidente de Jafar Panahi ou a xa sinalada A voz de Hind Rajab de Kaouther Ben Hania convertéronse sen facer moito esforzo no máis sobranceiro da noite, sen que ningún deles recibise, no entanto, ningún premio. Como diría o Man of the year 1984, «temos que dar paso á publicidade».

Con todos os meus respectos

Con arrebato e aflición observei a Javier Bardem encamiñándose cara ao micrófono, disposto a defender desde aquel improvisado bastión a verdade amordazada: «No to war and Free Palestine!». Acompañado pola actriz e produtora hindú Priyanka Chopra (criticada e troleada con inadmisíbel brutalidade nas redes sociais despois da cerimonia), o actor español procedía seguidamente a revelar o título do Mellor Filme Internacional: Valor sentimental do noruegués Joachim Trier.

LOS ANGELES (United States), 16/03/2026.- Priyanka Chopra Jonas (L) and Javier Bardem present the Oscar for Best International Feature Film during the 98th annual Academy Awards ceremony at the Dolby Theatre in Los Angeles, California, USA, 15 March 2026. EFE/EPA/CHRIS TORRES

Priyanka Chopra y Javier Bardem, durante la ceremonia de los Oscar. / CHRIS TORRES / EFE

Do mesmo xeito que na parábola do sementador, Bardem -seguramente guiado polo destemido exemplo dos seus antecesores familiares- deixaba caer aquelas palabras coa esperanza de que alguén as recollese e esparexese. Algúns meses antes, xa o deixara claro nunha entrevista con James Rhodes: «Con todos os meus respectos e a miña gratitude polo recibido, eu non pertenzo á cultura norteamericana». A esa que prioriza o lucro sobre o benestar da maioría, a que promove o consumismo extremo e o individualismo exacerbado mentres os seus mandatarios bombardean colexios de nenas, sen que a súa poboación saia ás rúas a berrar: Non á guerra!

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents