Entre tipos e palabras
Na morte de José Martínez de Sousa

José Martínez de Sousa.
A morte de José Martínez de Sousa (O Rosal, 1933 – Barcelona, 2026) non fixo ruído. Foi máis ben como esas máquinas que se apagan nun taller ao final do día: primeiro un alento mecánico, despois o silencio. E, con ese silencio, algo máis ca un home desaparece: unha forma de entender o texto. Nunha época de présas e escritura acelerada, de correctores automáticos e algoritmos capaces de facer en segundos o que antes levaba anos de oficio, aínda se escoita, de vez en cando, unha voz atemporal que di: «Mírao no Sousa». E menos mal.
Acontece sobre todo en redaccións, editoriais, estudos de deseño... porque aquel bibliólogo, tipógrafo, ortotipógrafo – en fin, mestre da ortografía española – non fixo obras de lectura ocasional. Escribiu auténticas ferramentas de traballo. Entre os seus títulos máis influentes atópase o Diccionario de ortografía y ortotipografía del español actual (1989) e o Manual de estilo de la lengua española, MELE (2000), dúas obras de referencia tan consultadas, subliñadas e gastadas como vividas.
Martínez de Sousa naceu no Rosal (Pontevedra), en plena España republicana. Eran tempos de tinta e movemento: multiplicábanse as imprentas, os talleres tipográficos traballaban sen descanso e a industrialización collía pulso ao abeiro da prensa e das editoriais. Publicábase de todo: libros populares e científicos, alta literatura, dicionarios, enciclopedias. Entre tensións e cambios, o país escribíase a si mesmo. Pero o golpe de Estado interrompeu en seco este proceso. Foi nese momento cando xurdiu o que a historiadora Ana Martínez Rus definiu como «bibliocausto»: a eliminación de libros, bibliotecas, editoriais e a posterior censura.
Con todo, o rosaleiro estudiou a arte da imprenta en Sevilla, unha profesión que requiría interpretar e reproducir os textos; é dicir, convertelos en instrumentos sociais. E desenvolveu a súa traxectoria en Barcelona desde finais dos 50. Do humilde labor de xuntar dúbidas, pasou a razoalas. A poñer orde. A explicar por que, aínda que non sempre coincidía coa Real Academia Española (RAE). Foi marcando criterio, consciente de que a lingua ás veces non cabe en normas ríxidas. Igual que a mente de quen escribe. E para cada excepción ofrecía unha alternativa, baseada na súa propia experiencia e na tradición do libro.
Hoxe, os profesionais da lingua seguen a consultar os seus manuais para atopar algo de certeza: cursivas ou comiñas, maiúsculas ou minúsculas, arábigos ou letras. Unha resposta que non sempre está a un clic de distancia. O traballo artesanal dos correctores, editores e impresores segue o ronsel dunha época na que os erros non se solucionaban rapidamente. Era outro tempo. Máis lento. Máis caro. Máis consciente.
En Galicia, a tradición da imprenta remóntase ao século XV, pero non é ata o XIX – e, con máis forza, nos albores do XX – cando a tinta pasa a formar parte do pulso cotián das cidades. A imprenta de Juan Compañel, fundada en Vigo no ano 1856, foi un deses focos onde o texto deixou de ser só palabra para se converter en presenza pública. Comezou coa edición do xornal La Oliva e, na primavera de 1863, publicou Cantares Gallegos, o poemario de Rosalía de Castro.
Abríase así o pleno Rexurdimento, a etapa que devolveu o galego ao espazo literario e social que lle correspondía tras os chamados «Séculos Escuros». Mesmo durante o franquismo, entre censuras e silencios, as imprentas seguiron a funcionar como refuxios da cultura: cada páxina impresa convertíase nun pequeno acto de resistencia lingüística.
Agora, coa recente morte de José Martínez de Sousa na cidade condal, aos 93 anos, apágase tamén unha forma de vivir a palabra escrita. Pero o silencio non está baleiro. Queda o método, o criterio, a pausa; a idea de que escribir é construír con precisión. Nunha época que corre, o legado insiste: a lingua, como a boa tipografía, segue a precisar tempo.
«Mírao no Sousa»
José Martínez de Sousa – Pepe, como lle gustaba ser chamado – pasou de deliñar dúbidas a converterse nun verdadeiro epónimo da corrección lingüística. A súa popularidade alcanzouna pouco antes de xubilarse, en 1996, coa publicación do Diccionario de usos y dudas del español actual. Fixoo nun momento crucial: a revolución tecnolóxica xa estaba en marcha e, co seu avance, chegaba tamén o deterioro da linguaxe.
Ante a proliferación de acrónimos, abreviaturas e outros reducionismos, o lingüista soubo cubrir esa crecente necesidade de claridade e rigor na expresión escrita. Alén de reproducir normas académicas, moitas das súas solución alicerzan na tradición do mundo do libro, na propia experiencia tipográfica ou, se cabe máis importante, no sentido común editorial. Precisamente, este enfoque práctico é o que explica a vixencia da súa obra na actualidade.
Con todo, a historia de Pepe Sousa é a mesma ca da edición: dos tipos de chumbo ás pantallas, do chibalete á InDesign, do papel pergamiñado aos libros dixitais. Nun mundo que corre e se simplifica, a atención ao detalle segue marcando o ritmo da palabra escrita.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- El Estado exige 6 meses de prácticas a los alumnos de la mercante pero solo les da 3: «Hay gente que ya lo da por imposible»
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- El nuevo «macroparque» infantil en Vigo da un paso clave para ser una realidad en 2027: elegida la empresa para ejecutar la obra