Emperadores de América
De México ao Río de Xaneiro

Proclamación da independencia do Brasil (1822) por Pedro I.
Adoita suceder unha constante nos gobernantes: a maior preferencia polos dourados ornamentais, maior autoritarismo. Sucede con Vladimir Putin e tamén con Donald Trump, especialmente neste seu segundo mandato. Dourados e boato son elementos consubstanciais ao exercicio do poder, negando as esencias democráticas. Trátase de persoeiros que resultan caprichosos por pura vaidade, como fixo o actual mandatario de Washington -autoinvestido como rei de feito- cando fixo derrubar a Ala Leste da Casa Branca, feita construír por Theodor Roosevelt en 1902. No espazo que vai quedar baleiro, Trump pretende erguer un impoñente salón de baile e banquetes, en oposición á vontade dos fundadores dos Estados Unidos de exercer unha certa austeridade.
Poucos son os estados americanos cuxos xefes de Estado son monarcas. Limitados estes a un, o soberano do Reino Unido se aínda forman parte da Commonwealth. Ademais de once pequenos países caribeños, o único con entidade é o Canadá. Pero desde os anos da conquista española, cando desapareceron os imperios azteca, maia e inca, non houbo monarquías de seu nas terras do Novo Continente.
O primeiro estado independizado foi o que ergueron as 13 colonias británicas en 1776: a loita contra a coroa e a vontade igualitaria implicaban adoptar a república como forma de estado. Igual sucedeu con Haití cando gañou a independencia de Francia e cando as terras dominadas por España (excepto Cuba e Porto Rico) colleron o camiño da emancipación nacional.
Con todo, a independencia máis sorprendente foi a do Brasil. O príncipe Pedro de Bragança pasou a ser o herdeiro pola morte do seu irmán Francisco António en 1801. Despois da invasión bonapartista de Portugal, a familia real fuxiu ao Brasil. En 1815, o rei João VI concedeu a este territorio o estatuto de reino dentro do chamado Imperio Portugués, ao mesmo nivel que Portugal e o Algarve. Despois da revolución liberal do Porto en 1821, João VI regresou a Lisboa e deixou o seu fillo Pedro como rexente do Brasil. Un ano despois, este proclamou a independencia con carácter de imperio e unha constitución democrática. Cando o seu pai morreu, foi declarado rei de Portugal como Pedro IV pero abdicou na súa filla maior, María. Cando esta foi derrocada polo seu tío Miguel, Pedro I abdicou en 1831 a coroa brasileira e marchou a Lisboa para que María recuperase o trono portugués.
O emperador brasileiro foi sucedido polo seu fillo Pedro, menor de idade. Houbo, polo tanto, unha rexencia que abriu un período de conflitos políticos e territoriais. Cando chegou á maioría de idade, Pedro II soubo reintegrar a unidade do imperio despois de vencer en tres guerras cos países veciños. O Brasil comezou unha etapa de prosperidade. Foi derrocado en 1889 por un golpe militar que proclamou a república federal.
Outro país que tamén tivo emperador, aínda que con menos éxito, foi México. En 1861, Francia interveu alí co apoio de Inglaterra e España, aproveitando a inacción de Washington pola Guerra de Secesión. Tropas francesas desembarcaron na costa mexicana en contra de Juárez co concurso de conservadores monárquicos, opostos ás reformas liberais. Estes formaron unha Asemblea de Notables que ofreceron a coroa do chamado Segundo Imperio Mexicano a Maximiliano, neto do emperador de Austria, co recoñecemento de diversas potencias europeas. Os Estados Unidos de América, en aplicación da doutrina Monroe, apoiaron a Juárez.
Retiradas as tropas francesas por orde de Napoléon III, a emperatriz Carlota non obtivo apoios en Europa. Derrotado no Cerro de las Campanas, en Querétaro, Maximiliano foi xulgado por un tribunal militar. Condenado a morte, foi fusilado en xuño de 1867.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- El Estado exige 6 meses de prácticas a los alumnos de la mercante pero solo les da 3: «Hay gente que ya lo da por imposible»
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- El nuevo «macroparque» infantil en Vigo da un paso clave para ser una realidad en 2027: elegida la empresa para ejecutar la obra
