Desde Lugo con Arrhythmia
«CERØ»: Metal alternativo e introspección

Alberto Busto, Emilio Caballero e Paco Carballeda: Arrhythmia.
V. Neira
Veñen os lugueses Arrhythmia de publicar o seu novo disco co título de CERØ (Galunk Producións). Desta volta o grupo decantouse por facer un traballo no que concretan en cinco cancións todo un ano de traballo e unha visión social e humana na que non escatiman en sinceridade e xenerosidade.
Deixando moi atrás aqueles inicios nos que se amosaban como un trío con querencia polo riff e moita solvencia rockeira, con temas como «Non quero» ou aquela fantástica «Diñeiro» incluídas no seu primeiro labor III, Os Arrhythmia continuaron co paso dos anos movendo os seus propios marcos e buscando a cada entrega novos carreiros sonoros nunha traxectoria na que os anos lles van sentando de marabilla.
Os da cidade das murallas continúan así neste 2026, e dende o 2012, coa curiosidade musical intacta e cun espírito de traballo e creatividade que os pon no foco da nosa escena como un dos proxectos máis interesantes e persoais dos últimos anos. Nunha conta atrás discográfica a golpe de III, II, I, CERØ atopamos de vez uns Arrhythmia sen medo ningún perante dunha evidente experimentación sonora na que o metal, o metal alternativo, o metalcore e mais os xogos con texturas electrónicas e certas pingas pop compoñen unha nova colección de cancións nas que o discurso mete a man no lume sen medo a queimarse e coa valentía nítida de saberen mostrar o que hai dentro.
Contan que foi un ano de traballo moi intenso e moita introspección, marcada por situacións persoais complexas e que cargaron cada canción dun discurso claro, honesto e espido. Introspección e crítica, mais coa luminosidade da esperanza en que os tempos serán mellores e de que parar o ruído exterior, mandar o risón ao fondo, escoitarse a si mesmos e coller o aire preciso é o primeiro e imprescindible paso para ser e saber ser mellores. Contan que eles mesmos se encargaron de todo no proceso de gravación e produción, que o fixeron dun xeito meticuloso e que, por primeira vez na súa carreira, todo se fixo con moita calma e intentando que quedase ao 100% ao seu gusto, facendo que o camiño fose tan importante como o resultado e levando a termo unha selección de cancións que representan o momento actual e persoal da banda.
Cancións introspectivas e cargadas de mala uva como a inicial «Euforia» ou a escura e doente «Insaciables», coa colaboración dos rapeiros e «socios» Rebeliom do Inframundo; pezas como «Agonía», coa axuda de Nuno, de Grande Amore, e na que o propio proceso artístico se vira protagonista nun xogo de espellos e discurso existencial no que nada é cómodo.
Tamén a mirada directa ao problema da demencia e o alzhéimer que tanto toca de preto a tanta xente e que se torna na nosa canción preferida do traballo con ese enfoque cru pero tremendamente cercano, humano e dende logo que necesario. Rematan o disco con «Mesías», unha rara avis dentro da discografía do grupo e que se presenta como un certo xogo que, irremediablemente, chama polo baile nunha peza cargada de retranca e crítica aos gurús influencers que andan pola internet adiante.
Concluímos así no altamente recomendable que é este CERØ que, se ben nos sabe a pouco polos apenas dezaste minutos que nos regala, si que van, pola contra, cargados de toda a enerxía, toda a esencia e toda a calidade dunha banda que este verán de novo poñerá toda a carne no forno dos escenarios galegos. Anoten: primeira data da xira de presentación o vindeiro sábado 11 de abril dentro do Festival A Candeloria en Lugo.
Señora Orquestra
Sabemos de homes orquestra pero pouco de mulleres orquestra. Habelas hainas, e seguro que cargadas de calidade, desempeñando ese multitalento instrumental tan atrevido e creativo, mais, abofé, estarán invisibilizadas por tanto constructo social histórico e tan tristemente masculinizado.
Así, contra todo iso, chega Unha Señora Orquestra: un proxecto de muller orquestra proposto pola música e actriz Ailén Kendelman. Unha proposta tan persoal, e tan distinta, que se fai sumamente atractiva para un público que quedará prendado desa artista que acciona, move e aquela trebellos nun galimatías de roldanas, cordas, palancas e mecanismos cos que activa os seus instrumentos musicais para facer soar ritmos principalmente galegos, músicas do leste e sons do folclore latinoamericano.
Unha muller cunha orquestra ás costas, acordeón, percusións, pratos e con talento a esgalla para facernos gozar dun espectáculo que cautiva, entrando polos oídos, claro, pero tamén moito polos ollos. Ela e ese baile imposible de pés e mans poñendo o sistema musical en efervescencia. Seica con moito humor, tamén coa reivindicación precisa e coa tenrura e as emocións a flor de pel.
En tempos de loops, de bases electrónicas e cousas pregravadas, pode ser esta unha boa oportunidade para deixarnos arrolar polo poder da música en directo feita no momento e diante túa. Tempos de conectarse co máis orgánico do feito musical e ademais cunha muller furacán que se vira orquestra e reparte solaz e ledicia. A señora orquestra xa chegou, toca escoitala e mirala.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- El Estado exige 6 meses de prácticas a los alumnos de la mercante pero solo les da 3: «Hay gente que ya lo da por imposible»
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- El nuevo «macroparque» infantil en Vigo da un paso clave para ser una realidad en 2027: elegida la empresa para ejecutar la obra