Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A saga Torrente

Rindo del e/ou rindo con el

Santiago Segura

Santiago Segura / Fernando Villar.

Na (psico)análise que Sigmund Freud realizou no seu día da obra teatral Hamlet, o profesor vienés interpretaba a figura de Claudio, tío do príncipe e usurpador da coroa de Dinamarca, como unha personificación do inconsciente humano que, co asasinato do rei, pai do protagonista, e máis o matrimonio coa súa nai, escenificaba o complexo de Edipo. Así, as dúbidas que perambulan as reflexións de Hamlet podían ter a súa orixe na pegada do seu inconsciente.

Salvando a distancia, unha máis que considerable distancia, a etiqueta semántica que conforma a personalidade de Torrente, o exitoso antiheroe creado por Santiago Segura, supón unha colaxe das fobias e filias máis primarias que habitan agochadas no inconsciente colectivo de toda unha sociedade que, aínda hoxe, supura as feridas ideolóxicas de corenta anos de franquismo (machismo, homofobia, racismo, individualismo...) en mestura co concepto atávico da picaresca hispana. Ata aquí, a formulación do seu creador non debería implicar ningunha réplica se, na senda de incontables autores que puxeron de manifesto as miserias da nosa sociedade, este utilizara o personaxe fílmico para distanciarse del e rexeitar, por medio dese distanciamento, a súa forma de comportarse. Existe esa mirada distanciada no caso de Torrente?

Reformulando a interrogante de xeito máis simple, cando o personaxe esperta a gargallada do espectador, este estase a rir del ou estase a rir con el? A segunda opción abre unha perspectiva avergoñante para o espectador se temos en conta que, «rindo con el», estamos a compartir o seu punto de vista, e, polo tanto, todas as fobias e filias.

Fotograma de Torrente 4: Lethal Crisis (2011).

Fotograma de Torrente 4: Lethal Crisis (2011). / .

Cando, por exemplo, o dúo Berlanga-Azcona radiografiaba a sociedade franquista a través dos individuos pertencentes á clase media-baixa, a postura que adopta o relato parte da utilización dun narrador que, herdeiro da literatura esperpéntica de Valle-Inclán, impón, por medio de recursos fílmicos intelixentemente trazados, unha distancia respecto dos personaxes; algo que outorga ao espectador unha mirada compracente, pero sen perder nunca a capacidade crítica perante do que está a ver.

No seu día, Valle-Inclán, nunhas declaracións a Gregorio Martínez Sierra, sinalou a existencia de tres modos de contemplar os personaxes dunha obra de ficción: desde abaixo, ante os heroes clásicos; á nosa altura, mirada que corresponde aos personaxes de Shakespeare; ou levantado no aire, que converte os personaxes en bonecos. A mirada que Berlanga proxectaba sobre as súas criaturas podería identificarse coa ollada elevada, de tal xeito que o espectador percibe unha imaxe do personaxe ridiculizada. O plano elevado de El verdugo (1963), que identifica ao reo co executor, sería o mellor exemplo desta teoría.

Atendendo a esta tese das tres instancias narrativas, Santiago Segura sitúase na posición intermedia; isto é, á mesma altura, evitando así o distanciamento á vez que profunda na identificación cun personaxe fascistoide que, mediante vínculos establecidos coas nocións do inconsciente, conquista unha dose de afecto maior da tolerable desde un punto de vista ético e cívico. Na gala dos Premios Goya de 1999, que gratificou a Santiago Segura como mellor director novel —por diante, por exemplo, de Javier Fesser por El milagro de P. Tinto—, no breve discurso que pronunciou no escenario ao recoller o premio, o director expresou a súa ilusión de que os nenos aprenderan a non ser como Torrente, sabedor de que os seus filmes, inmersos nunha calculada ambigüidade, rexeitan esa condena rotunda do personaxe en pos dun achegamento masivo de millóns de espectadores ás salas cinematográficas onde se exhibe o seu filme.

Cónvaco e convexo

Proclamaba Wenceslao Fernández Flórez, autor que proxectaba unha lente lixeiramente deformada tanto nas súas obras literarias como nos guións cinematográficos, no discurso de ingreso na Real Academia Española, que o humor era unha posición ante a vida. O humor cóllese do brazo da vida e esfórzase en levala ante un espello cóncavo e convexo no que as máis solemnes actitudes se deforman ata un límite que non pode conservar a seriedade.

Cando Berlanga situaba os seus personaxes fronte ese espello deformante, pretendía sempre unha reflexión que acababa por converxer nas miserias dunha sociedade que forzaba o individuo a comportarse de xeito ridículo. É dicir, o espectador exculpaba o personaxe por mor do contexto que o convertía en vítima. Porén, un personaxe como Torrente, grazas á posición ante a vida de Santiago Segura, non demanda exculpación, xa que as súas falcatrúas non teñen nos tempos actuais ningún tipo de censura e, polo tanto, sobra a xustificación.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents