Quince minutos de fama
«Os actos e as profecías» polo Centro Dramático Galego

«Os actos e as profecías», sobre o escenario, polo CDG.
Eses quince minutos dos que din que falou Andy Wharhol. De fama, de gloria, do que sexa, sobre todo de escaparate, de visibilidade extrema, para mostrarse sen complexos e lucir e brillar con luz propia, ou prestada, mesmo roubada se así ten que ser. O caso é ocupar o foco, estar no centro, ser o fío das conversas todas. E alongar ese momento doce (ou agre) ata onde se poida, durante días, semanas, meses, anos..., pois volver á sombra, habitar na anonimia, é o peor dos infernos. Velaí o soño que tantas persoas acariñan cando participan nos chamados concursos de talento, se é que se pode falar de tal cousa, pois Richard Feynman entendía que só mediante o traballo persistente e perseverante agroma o saber (facer).
Os programas televisivos que se organizan arredor da demostración diso que chaman talento, en ámbitos diferentes da actividade humana, son o marco de experiencia escollido por un espectáculo do Centro Dramático Galego, Os actos e as profecías, a partir dunha dramaturxia elaborada por Xacio Baño e Tamara Canosa, que esta última dirixe en 2024. Da man de Positivas chega agora o texto do espectáculo acompañado de varios paratextos: a presentación do volume de Fran Núñez, director do CDG; unha reflexión dos autores, breve; e fotografías do espectáculo. Paga a pena reparar no feito de que na hora de sinalar a autoría do texto central, este se refira como «dramaturxia» pois o que se ofrece á lectura vén sendo o texto do espectáculo, unha elaboración pensada para a escena, que non nace dunha pulsión literaria, o que se deixa sentir no produto final. Mais constitúe unha tipoloxía nas formas textuais que son propias do xénero dramático.
Consta de catro actos, amais do «acto cero» que lle pon inicio ao espectáculo. Cada un deles dividido en varias escenas breves, e para cada unha delas un título concibido a xeito de frase expresiva, que busca conter ou resumir o que acontece en cada caso. Así ocorre con aquela na que alguén afirma «tes que ter un relato», pois neses concursos é importante ter unha boa historia de vida, canto máis rechamante mellor. Vai todo precedido dun verso da poeta cubana Dulce María Loynaz, «En cada grano de arena...», e dun par do malogrado Fran Cortegoso, que mesmo poderían ter algunha relación cunha das metáforas centrais do texto: a referencia á vella das papas. Lerias nas que cismar.
O texto recrea a peripecia dunha moza, de nome Luz, que acompañada de súa irmá, Alba, que semella ser muda, e de seu pai, acode a unha proba de selección para participar nun concurso. Ao longo de vinte e catro cadros vanse presentando os momentos máis importantes do acontecemento, a través das expectativas, dúbidas e desexos da concursante, pero tamén nas relacións co persoal técnico, con outras participantes ou cos responsables do evento. Polo camiño sorpresas importantes na historia de vida da familia, algunha ben relevante, malia que, curiosamente, non acaba por ter impacto no desenvolvemento da trama, como se fose un fío que queda solto adrede. As escenas mostran a mecánica interna dese tipo de programas, os roles que cada quen desempeña ou ten que xogar, regras, normas e narrativas, e tamén a súa cara máis escura, pois por tras da persoa que gaña e se cubre de fama, decenas quedan no camiño, logo de cumprir co seu rol: ser carne de concurso e baúl de frustracións. Abrolla aí unha crítica aceda.
Como se dixo, o texto pode lerse á luz dun símbolo poderoso, ese insecto que brilla na noite e recibe nomes como lucecú ou corcoño, cando cada concursante, coma un vagalume, busca lucir, brillar e atraer coa súa luz, pois como escribe Isolda Comesaña no poema que pecha o volume: «non existe o descanso cando hai desexo». Na cuberta do volume, un tarro de esencias luminosas, ben fechado, que só cabe admirar no escuro, no tempo do teatro. Outras metáforas, poderosas, sobre as xentes do común. Nós mesmos.
Labirintos
Nese poema de Isolda Comesaña reverbera a palabra «labirinto», espazo liminar onde todo parece posible, no que cada decisión leva implícita a derrota. Podería existir un paralelismo entre procesos e historias de vida e tales concursos de destrezas, ao ser carreiras por etapas nas que cada vagalume loita para facer ver a súa valía. No mundo do teatro, máis aínda no da interpretación e no labor escénico de actores e actrices, a necesidade de brillar é aínda máis forte dadas as oportunidades escasas dos creadores da escena para transparentar, de forma permanente, a súa luminosidade, que a teñen, e moita.
Seguindo a pauta dalgunhas tendencias actuais, no texto conviven personaxes e persoas, neste último caso actrices e actores co seu nome e apelidos, coa súa historia persoal, na loita diaria por ser ese vagalume que capte a atención suficiente para poder participar nun espectáculo e seguir tirando, armando vida e profesión. Velaí a pregunta que traslada o Vagalume Sara: «Que ides facer cando remate este choio?» Na páxina 78 están as respostas, motivos para pensar o moito que queda por facer, polo ben do teatro e da cultura. Insistimos de novo nun tema do máximo interese: a necesaria estabilidade laboral de traballadoras e traballadores do teatro. Xentes de ben.
Suscríbete para seguir leyendo
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Las familias se rebelan contra los profesores: llegan a Inspección por sanciones a los alumnos en Vigo
- Extranjeras de Vigo, tras solicitar su regularización: «Estamos emocionadas, es la oportunidad que estábamos esperando»
- O que nos deixou Samba, o noso veciño
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- El pesquero de Cangas "Eirado do Costal", primero de la flota gallega en incorporar el modelo de un bote salvavidas cerrado e insumergible para soportar las gélidas aguas de Terranova
- Identificado el conductor del atropello mortal en Pontevedra, al que investigan por un homicidio imprudente
- Muere el policía nacional Nazario Luis Rodríguez Costa, destinado en Salvaterra y antes en la comisaría de Vigo