Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

150 anos de «O Tío Marcos d'a Portela»

Valentín Lamas Carvajal e a prensa en galego

«O Tío Marcos d'a Portela».

«O Tío Marcos d'a Portela».

X.L. Méndez Ferrín contóunolo durante unha conferencia en Redondela arredor de Bocarribeira, o poemario de Otero Pedrayo publicado en Madrid por Brais Pinto. Na mesa do acto acompañábannos Anxo Angueira e Ana Acuña. A memoria colosal e precisión pericial propiciou revivir un intre da posguerra de brillante proxección simbólica entre altas doses de valentía. O protagonista don Ramón de Trasalba; o contexto a inauguración do monumento a Lamas Carvajal no Posío de Auria, a data 11 de santos de 1949.

O exdeputado nacionalista nas Cortes republicanas, sempre leal á memoria dos vencidos, fora represaliado. O réxime (vía Filgueira Valverde) probou mercar a súa incalculable dignidade. Ceder para acceder de novo ao ensino. Negouse e optou por opositar cando riscaba a idade de xubilación. O vetusto petrucio das Letras Galegas arrasou nos exames. En definitiva, quen o avaliaban eran aprendices dos seus libros como hoxe o somos nós.

Para o caso, nótese o ambiente hostil, de marcado alento represivo, de bruma feixista que opacaba a liberdade, cando Otero é convidado pola organización para louvar Lamas. O escritor rexurdimentista significárase como un dos grandes periodistas de Ourense así como escritor en lingua do país. Co xornal O Tío Marcos da Portela, redactado só en galego, trazou o seu nome ao carón dos fastos lingüísticos dunha terra por séculos aldraxada.

Ao tomar a palabra, ante militares e autoridades falanxistas, Otero pronunciou na súa lingua lembranzas incómodas. Ferrín detallou como o acalaron con música marcial rematadas con vivas a Franco. O afectado escribiulle a Manuel Casás, presidente da Academia Galega: «A la tarde hablé en gallego ante el nuevo monumento en El Posío. El Gobernador y el ayuntamiento falangista tascaban el freno. Era de perro de presa con carranca la cara del pretor. Para resarcirse, al final, inoportunamente y con sorpresa de la gente sensata, cantaron Cara al Sol y dieron los gritos. En fin, todos quedamos en lo nuestro». Aquel home de vagorosa saudade exerceu como un verdadeiro lóstrego de rebeldía, luz sobre tebras, lucidez sobre unha estupidez dominante.

A opción lingüística víñalle marcada por Lamas, un dos insignes poetas do Rexurdimento e un dos líderes naturais do cenáculo auriense do XIX. Da renacenza galega queda aínda moito por investigar, ler e interpretar. Por exemplo, coñecer con máis detalle as persoas, actividades, sociedades, publicacións, temáticas predominantes etc. dos grupos rexurdimentistas de Lugo, Ferrol ou Ourense.

Valentín Lamas Carvajal.

Valentín Lamas Carvajal / .

Lamas, recoñecible nas fotos polos parches a tapar os seus ollos cegos, acadou fortuna como escritor en galego dende cedo. Con Espiñas, follas e frores (1875) púxose no ronsel de Rosalía, asunto que incomodou a eito a Murguía, quen lle dedica duras críticas ao acusala de copista de Cantares gallegos. A liorta habida entre ambos durou anos até que o acusador recolleu velas, desculpouse en público e abrazou todos os esforzos feitos pola causa galega.

En semanas pasadas e vindeiras haberá actos en Ourense convocándonos co gallo dos 150 anos d´O Tío Marcos da Portela, que acadara datos de tiraxe nunca vistos e gañara a confianza dos lectores. A ocasión é oportuna para atoutiñar os textos, prosísticos e líricos, por veces cargados dunha carraxe expresada en formato arredista mesturados con cántigas populares ligadas ao noso vello país agrario. Lamas dirixiu ademais El Heraldo Gallego e El Eco de Orense. Atraveso das páxinas coñecemos parte da axenda cultural do Rexurdimento.

En 1972 Otero Pedrayo volvería falar de Lamas, e no mesmo lugar, polo Día das Letras Galegas. O franquismo alasaba pistola en man. Volveu intervir en galego, nesa lingua que hoxe vai a pique. Debéraselle poñer remedio cun chisco da valentía e firmeza amosada por Ramón Otero Pedrayo o día en que falou na memoria de Valentín Lamas Carvajal, o noso xefe do xornalimo en galego.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents