Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Produto de valor

Invulnerable e invertebrado

Iago Fernández

Se me permiten comezar cunha broma, diría que María Solar e Charles Dickens ben poderían ser contemporáneos. As malas ideas semella unha novela comercial do século XIX adaptada ás continxencias temáticas e aos condicionamentos de lectura do XXI, que incorpora, ademais, algúns elementos característicos do universo dickensiano, coma a abundancia de cadros e personaxes pintorescos. Non obstante, María Solar posúe personalidade abondo para cargar coa pesada lousa do século XIX e, aínda así, facerse notar: o seu humor é demasiado cruel; as súas tramas, demasiado disparatadas.

O protagonista de As malas ideas, Elías, é un director de produción de series de TV. O seu equipo de rodaxe púxose en folga para reclamar a instalación de váteres químicos e, case en paralelo, a súa muller dálle a noticia do falecemento do seu pai; posuído polo agobio, regresa ao seu Ferrol natal para acudir ao enterro e non tarda en descubrir que o seu defunto pai, entre outras cousas, se dedicaba a fabricar artefactos explosivos caseiros.

Deixando para outro momento o seu evidente potencial cómico, o máis interesante de As malas ideas é o propio Elías, un home de mediana idade, exitoso e entregado por completo á súa profesión. Ao cabo dunhas cantas páxinas, revélase como un narcisista en crise, cuxas actitudes e comportamentos lembran moito aos dos suxeitos que describe a psicanalista Lola López Mondéjar no ensaio Invulnerables e invertebrados. Ao igual ca estes, tanta adaptabilidade ás esixencias e aos contratempos do mundo laboral fan de Elías un traballador invulnerable; ou, por mellor dicir, un traballador que desenvolve unha fantasía de invulnerabilidade para se defender dos ataques do mundo: en canto deixa de traballar, o seu ego transfórmase en papas.

No fondo, Elías non é máis ca un ser invertebrado sen principios nin criterios. Un habitante diso que o filósofo Byung-chul-Han denomina «Sociedade do cansazo». As malas ideas é, si, unha novela comercial e, por tanto, unha novela ancorada a bastantes convencionalismos; pero, ao mesmo tempo, como sucedía coa boa literatura do século XIX, axúdanos a iluminar o mundo social do que formamos parte. De xeito que, si, os corsés das novelas comerciais aínda deixan espazo para a utilidade literaria, e María Solar sabe como aproveitalo. Non é nada habitual; merece un aplauso.

Imagen

As malas ideas (2026)

Autor: María Solar

Editorial: Xerais

Precio: 18,52 euros

Reinvindicación e lembranza

Memoria dos asasinados da Illa

Laura Paz Fentanes

O xurado do Premio Johán Carballeira galardoou Réquiem, un poemario estruturado de forma similar a unha misa de defuntos. Así, a «Sequentia» aparece dividida en dúas partes pola «Homilias», que, como nas das misas, explica o seu sentido. Esta é a sección na que o peso da memoria histórica se fai máis evidente, xa que se presentan once vítimas do fascismo na Illa de Arousa.

Ademais, ao final hai un anexo de «Breves notas biográficas» dos asasinados: os mariñeiros Avelino Fuentes García e Luis Castro Lojo. O transportista marítimo Narciso Suárez Lojo, fusilado xunto co mecánico José Besa Nieto. O albanel José Búa Laredo. O mariñeiro Santiago Otero Pouso, Pajares. O zapateiro Esteban Picón Conde. O panadeiro Francisco Vázquez Vázquez á canda do mariñeiro Juan Sanes Otero. O profesor Víctor Trabazo Serapio. E o mariñeiro Enrique Rial.

Réquiem conforma un canto de memoria histórica. Mais o libro é tamén un exercicio de adaptación á dunha misa de defuntos: a voz poética intercálase en moitas ocasións con fragmentos textuais propios dos réquiem. Eugénio Outeiro leva a cabo un acto de reivindicación e de lembranza das vítimas.

Imagen

Réquiem (2026)

Autor: Eugénio Outeiro

Editorial: Xerais

Precio: 12,82 euros

Palabra, acción, imaxe

Teatro e comunidade

María Navarro

A dramaturxia resulta, en esencia, a arquitectura dunha peza teatral. Non se trata só de escribir diálogos, senón de deseñar como se articula o conflito, o tempo, o espazo e a acción para que a historia pase do papel á escena.

Tendo en conta isto, Fábrica de fume, definida como «palabra, acción e imaxe» é un proxecto dirixido e escrito por Ana Fontenla e Celina Fernández e que Elvira vén de publicar nunha coidada edición na que as autoras amosan como o teatro pode nacer fóra dos circuítos puramente comerciais para converterse nun proceso social e artístico que se enriquece co pensamento, coa palabra e coa actuación.

O libro non só recolle o texto, senón que contén notas sobre o proceso de deseño e dirección no que se coñece a colaboración interdisciplinar á hora de elaborar o vestiario e caracterización na que participou alumnado de centros de FP. Asemade fotografías de dito proceso e da representación coas que o lectorado se fará idea da implicación na proposta de teatro comunitario en que se converteu este traballo.

O elenco de actores e actrices afeccionados de toda Galicia representan as súas propias vivencias e o labor de campo das directoras que, tomando como punto de partida certos obxectos, como pezas da vaixela de Sargadelos; conflitos laborais, como as amizades e as rupturas que se crean nun espazo de traballo, e a figura da muller nunha fábrica, tecen un exemplo de teatro ben interesante.

Imagen

Fábrica de fume (2026)

Autor: Ana Fontenla e Celina Fernández

Editorial: Elvira

Precio: 20 euros

Seguen abertas as feridas

De San Simón a Conxo

Fabio Rivas

Se botamos unha olladela polo catálogo de obras literarias en galego, non tardamos en dar con algunha en que apareza a illa de San Simón. Serven estas obras para coñecer o seu pasado como lazareto ou o emprego como campo de concentración (1936-1943). Con todo, malia esta abundancia, demóstranos Carmen V. Valiño que aínda quedan moitas historias que contar arredor da illa.

En Illa de sangue damos, entón, co relato das mulleres abeiradas á marxe silenciosa da historia oficial. Xa que logo, a proposta de Valiño despraza a ollada cara ás que ficaron fóra do encadre dominante, ás que agardaron, ás que resistiron ou ás que decote etiquetaron de tolas e foron encerradas.

Para chegarmos a esta narración da posguerra inmediata, os capítulos vanse enguedellando coa desaparición de Helena —sobriña-neta dunha destas mulleres tratadas de tolas— durante o transcurso dunha residencia literaria na illa,despois de reencontrarse co que fora o seu home. A localización, a atmosfera mesta e, desde logo, uns acontecementos que nos fan pensar nunha gama cromática en branco e negro convidan a meterlle o dente á obra. Así pois, toda unha lectura con grande interese, en fin, este volume, Illa de sangue de Carmen V. Valiño.

Imagen

Illa de sangue (2026)

Autor: Carmen V. Valiña

Editorial: Galaxia

Precio: 17,57 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents