Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A natureza e o home

Da fotografía de José Suárez

«La Pampa» (José Suárez, ca. 1938).

«La Pampa» (José Suárez, ca. 1938).

O vindeiro 1 de abril a Real Academia Galega de Belas Artes celebra en Allariz o acto de homenaxe ao fotógrafo José Suárez (1902-1974), por mor do Día das Artes Galegas.

Suárez, figura central da modernidade estética galega do século XX, iniciou a súa traxectoria en Salamanca, cidade en que estuda Dereito e que será determinante na súa formación intelectual. Alí tratou persoalmente a Miguel de Unamuno -auténtico modelo ético para o noso artista- e entrou en contacto coa Revista de Occidente e o pensamente de Ortega y Gasset. Porén, Galicia será fundamental na súa traxectoria; de feito vai converterse en referencia na fotografía elaborada por galegos nos anos da República e no longo exilio da posguerra.

A obra de José Suárez cómpre situala nos parámetros do documentalismo, sempre desde unha fonda comprensión do medio, lonxe de calquera afectación mais cun rigor formal extremo. A súa posición diante do traballo fotográfico encaixa dentro das tendencias que nos anos vinte e trinta se espallan polos Estados Unidos e Europa que pretenden tocar temas variados, examinar rigorosamente o ser humano, o mundo, os obxectos e a natureza, na procura dunhas imaxes de grande nitidez. Autores como os norteamericanos Edward Weston, Ansel Adams, Paul Strand ou os alemáns Albert Rengen-Patzch e August Sander, representan á perfección esta tendencia que se poden ligar á pintura alemá da época, de quen toma o nome de «Neue Sachlichkeit» (Nova Obxectividade).

«Mariñeiros» (José Suárez, c. 1935).

«Mariñeiros». / (José Suárez, c. 1935).

Suárez realizou, nesta liña formal, nos anos trinta, series de temas galegos: traballos, oficios, festas, entre as que debemos destacar os da «Romaría de San Vitoiro» (ca. 1932) no seu concello natal de Allariz e en 1935-36 elabora a serie «Mariñeiros», que é sen dúbida o seu traballo máis contundente cos seus picados, abundantes contrapicados, corpos cortados, recursos todos das vangardas artísticas daquela altura.

«Mariñeiros» salienta polo estatismo e o enxalzamento da dignidade nas poses das figuras entre os elementos ambientais do contexto laboral popular: redes, rizóns, cortizos das redes..., fragmentos escolmados do mundo circundante. Suárez procura un tratamento do mundo popular que se afaste do folclórico, consegue captar e crear unha imaxe galega liberada dos tópicos costumistas mostrando mulleres e homes anónimos en esforzado traballo diario sobre a terra e o mar.

Esta serie de fotografías precede á rodaxe do filme Mariñeiros (1936), que non pode rematar en Galicia debido ao comezo da Guerra Civil, que o vai levar ao exilio por mor da súa posición ideolóxica nitidamente de esquerda. A fita, que se inscribiría dentro do documentalismo social dos anos trinta e moi achegada ao cinema do director ourensán Carlos Velo, foi realizada para a produtora CIFESA e rodada nas Rías Baixas. Sería o primeiro dunha serie de catro documentais que conformaría un mosaico das tradicións, traballos e costumes galegos –os outros tres estarían dedicados aos canteiros, oleiros e feirantes-. O estalido da Guerra Civil alterou de xeito fatal o filme, hoxe perdido.

Na Arxentina, Suárez traballa no cinema comercial e no xornalismo e establece estreitos vínculos cos intelectuais do exilio: Núñez Búa, Lorenzo Varela, Luís Seoane, Manuel Colmeiro, José Bergamín, Rafael Alberti, Pérez de Ayala... e abre a súa obra a novas temáticas, cun mantemento da pulcritude e rigor formal que o caracterizan, como nas series dedicadas á Pampa e á Patagonía ou en «Nieve en la Cordillera» (1941), sobre as montañas andinas, un exemplo perfecto desta paixón analítica que caracteriza a fotografía de Suárez. Da Arxentina vai, en 1950, para Punta del Este, Uruguai, onde rexenta a librería El Yelmo de Mambrino, de nome nitidamente cervantino.

Cómpre salientar a súa estadía xaponesa, país en que vive entre 1953 e 1955, como correspondente de prensa, e do cal fica engaiolado, unha vivencia que vai ter como resultado fotografías que aínda que seguen as pautas da súa produción teñen un certo ar poético na evocadora beleza das paisaxes e dos tipos físicos representados.

Regreso a Galicia

En 1959 volve a Galicia onde continúa o traballo fotográfico e torna aos temas do campo e mariñeiros, e tamén fotografa a cidade de Compostela.

En 1965 realiza as súas fotografías sobre La Mancha, o que lle serve para conseguir un importante encargo da editora inglesa Cassell, para a que vai realizar unha serie sobre a festa dos touros.

As fotografías realizadas en La Mancha, como as feitas en Eivissa, caracterízanse por unha presenza lumínica de forte intensidade, precisión e claridade que vai parella a unha minuciosa preocupación coa situación de todos os elementos da escena e a un coidado especial polas poses, os ollares, as expresións e as arquitecturas.

No conxunto do seu traballo está a paixón pola natureza e pola análise do ser humano e do mundo que o rodea únese á vontade de comprensión da relación de homes e mulleres reais coa vida transmitindo as súas arelas e toda a súa complexidade vital.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents