Historia
500 anos do Tratado de Madrid
A hexemonia dos Habsburgo

Batalla de Pavía (1525).
Fillo de Xoana de Castela e de Filipe de Borgoña (alcumado «o Fermoso»), Carlos sucedeu de maneira efectiva á súa nai, recluída en Tordesillas, en 1516. Cando, xa en 1520, accedeu asemade á titularidade do Sacro Imperio Romano Xermánico (grazas aos subornos feitos polo seu avó Maximiliano I), o reino de Francia ficou rodeado por territorios gobernados polos Habsburgo.
A fortaleza de Salses, ordenada construír por Fernando de Aragón, defendía a fronteira oriental do Rosellón (que en 1659 pasou a Francia). Despois da incorporación a Castela do reino de Navarra, a zona transpirenaica quedou vinculada á liñaxe dos Foix (pasou ao reino de Francia cando Henrique III, en 1589, pasou ao trono de París).
Francisco I, da póla Valois-Angulema da dinastía dos Capeto, estendeu o seu dominio cando incorporou plenamente a Bretaña e mais as terras ao sur do Borbonés á esquerda do río Ródano. Pero os territorios que limitaban con Francia a sur (península Ibérica), leste (Milanesado) e norte (Borgoña e Países Baixos) estaban gobernados polos Habsburgo, que tamén dominaban o terzo meridional da península itálica. A única alternativa para o monarca francés, que tamén aspirara á coroa imperial, era vindicar os seus dereitos dinásticos sobre Milán como compensación.
Este territorio actuaba de rótulo ao sur dos Alpes e era a porta de entrada a Venecia, aos Estados Vaticanos e mais o reino de Nápoles e Sicilia (gobernado por Aragón). A liñaxe que gobernaba en Milán, os Visconti, ficou extinguida. Proclamada unha efémera república, o duque de Orleáns (da familia real francesa) aspiraba lexitimamente a herdar o Milanesado. Pero un aventureiro, Francesco Sforza, casado cunha filla ilexítima do derradeiro Visconti, proclamouse duque.
O rei Francisco I atacou o Milanesado pero foi freado polas tropas imperiais na batalla de Bicoca (topónimo pasou a asociarse a «unha cousa doada»). En 1524, Francia, en alianza con Venecia e co concurso de mercenarios suízos, padeceu unha nova derrota no río Sesia. Uns meses despois, nun novo ataque, as forzas francesas conseguiron que as tropas de Carlos V se tivesen que repregar en diversas cidades, Pavía entre elas.
Atacada esta por unha forza catro veces superior, a forza imperial (comandada por Antonio de Leyva, un veterano da guerra de Granada) soubo resistir ata febreiro, cando chegou un exército de 15.000 lansquenetes alemáns e austríacos, co apoio de mercenarios italianos. Collida a forza francesa entre dous fogos, foi derrotada e fuxiu do campo de batalla. Pero tres oficiais imperiais -o guipuscoano Juan de Urbieta, o galego ferrolán Alonso Pita da Veiga e o granadino Diego Dávila- apresaron a Francisco I, que foi trasladado en barco a Valencia para ser encerrado na corte.
Sen outra alternativa, en xaneiro de 1526 Francisco I asinou o Tratado de Madrid, polo cal renunciaba a calquera reclamación sobre o Milanesado. Por primeira vez para un documento entre dous reinos empregábase o castelán e non o francés (na súa variedade borgoñona era a lingua do emperador) nin o italiano toscano, idioma da diplomacia naquela altura.
Argumentando que asinara o tratado pola forza, o francés seguiu a reclamar os seus dereitos e formou unha alianza, a Liga de Cognac, con Milán, Venecia, Florencia, Inglaterra e o Papado. Freada de novo polas tropas imperiais, os soldados destas non cobraran o seu salario e marcharon á capital vaticana, que atacaron sen piedade en maio de 1527, o chamado «saco de Roma», e apresaron o papa. Unha das consecuencias foi a liberdade de Carlos V -que tentou reconciliarse co sumo pontífice- para combater as desviacións luteranas, que representaban unha manifestación nacional contraria ao poder imperial.
Tropas mercenarias
Ata a formación dos exércitos nacionais, as tropas eran mercenarias se ben estaban ao servizo da coroa da que eran súbditos. Na batalla de Pavía, no bando imperial loitaron piqueiros, terzos e lansquenetes. Do lado francés, sempre houbo piqueiros suízos, opostos desde sempre aos Habsburgo.
Os primeiros eran soldados de infantería que ían armados cunha lanza longa (pica) que lles permitía atacar a cabalaría inimiga. Os terzos eran unha tropa de infantaría voluntaria cuxas compañías estaban comandadas por un capitán e o conxunto dun terzo, por un mestre de campo. Estiveron formados por súbditos do reino de Castela ata o reinado de Filipe II, cando os casteláns foron substituídos por italianos, valóns e borgoñóns vasalos do rei español. Tiñan carácter de tropas permanentes.
Os lansquenetes (denominación derivada do alemán lansdknecht, «servidor do país») foron os mercenarios alemáns dos séculos XV e XVI, orixinarios nun principio de Suabia. Despois de seren pións de a pé, como palafreneiros, pasaron a soldados de infantería con vistosos uniformes. Ían armados dunha pica (zweihänder) e dunha espada curta (katzbalger). Formaban en compañías (Fähnleins) de 400 homes e rexementos de entre 4.000 e 10.000 (ás veces incluso máis).
Suscríbete para seguir leyendo
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- Así lucirán los locales comerciales de la Porta do Sol de Vigo: fachada integrada con el espacio, iluminación ornamental y punto informativo
- Emprendedores gallegos en nuevos sectores que desafían el abismo del primer año: así es la nueva generación de autónomos
- 25 años de la Vig-Bay: búscate entre los corredores de esta edición
