En tempo de anovación
Medio século do poemario «Seraogna» de Alfonso Pexegueiro

O poeta e pintor Alfonso Pexegueiro, con obras súas nunha exposición en Ponteareas. / Anxo Gutiérrez
Tal semella que fose onte, mais xa transcorreu medio século dende que vira a luz un dos poemarios que marcaría o cambio de rumbo da escrita galega dos comezos da Transición: Seraogna, do ponteareán Alfonso Pexegueiro.
Dende aquela ata hoxe Pexegueiro foi acrecentando as augas caudais da súa escrita con títulos non menos poderosos, tanto en galego coma en castelán, igual en poesía que en narrativa e mesmo teatrais. Ducia e media de obras que están entre o máis graúdo da nosa escrita contemporánea e que evidencian o relevo dun autor que é un auténtico clásico en vida.
Mais do que non cabe dúbida é de que o ronsel deixado tras de si por Seraogna foi o máis duradeiro. Abondará dicir que ás poucas semanas de se publicar Carlos Casares saudou gabanciosamente a súa aparición. O mesmo que fixeron logo, entre outros, Luciano Fernández Martínez, quen lle dedicou ao ponteareán a súa memoria de licenciatura, sendo o responsable da edición canónica da obra, publicada en 1997 na Colección Biblioteca das Letras Galegas por Xerais. E tamén escribiron comentarios monográficos Camilo Valdeorras, Vicente Araguas, Manuel López Foxo, Alfredo Conde, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Anxo Angueira, María do Cebreiro, Clodio González Pérez ou servidor.
De por parte, Seraogna foi tamén o mascarón de proa dunha nave poética anovadora que se chamou Rompente, grupo que, xunto ao labor de Méndez Ferrín coa publicación de Con pólvora e magnolias tamén naquel 1976 (con prólogo, por certo, de Pexegueiro) e, para moitos, completando a tríade os versos dos Mesteres de Arcadio López Casanova, constituíron os referentes literarios da nova época que entón se abría e que defuntaba, definitivamente, a estética socialrrealista máis prosaica, que tanto pésimo verso panfletario deixou tras de si.
O fulgor que desprendeu Seraogna foi abraiante e case non houbo antoloxía poética daqueles anos e dos posteriores onde non figurase algún verso seu. Así aconteceu na escolma que preparou a revista Nordés xa en 1978, pero tamén na referencial Antoloxía da poesía galega. Do posmodernismo aos novos (1980) de Francisco Fernández del Riego e aínda noutras debidas a Xosé Lois García (1984), César Antonio Molina (1984), Basilio Losada (1990), Xosé María Álvarez Cáccamo e Carlos L. Bernárdez (1995), Luciano Rodríguez (1995, 2002, 2005), Miguel Mato Fondo (1997), Teresa Seara (1997), César Morán Fraga (1999), Luísa Castro (2001), Arturo Casas (2003), Fran Alonso (2005), Amalia Iglesias (2006) ou Pura Salceda (2010).
Como era de esperar, tamén os manuais, dicionarios e historias da literatura destes anos dedicaron parágrafos e capítulos a Pexegueiro, con especial incidencia nas bondades de Seraogna, que aparece explicado por Anxo Tarrío (1994), Dolores Vilavedra (1999) ou Xavier Rodríguez Baixeras (2009), por amentar só algúns tratadistas. E a vixencia daquel poemario, de título anagramático, alcanzou tamén os ámbitos da tradución, pois antoloxías como Breogán’s lighthouse. An Anthology of Galician Literature (2010), de Raúl de Toro Santos, ou a Contemporary Galician Poets (2010), preparada pola prestixiosa Poetry Review británica, tamén engadiron poemas de Seraogna.
Mais a proba inequívoca do interese que leva espertando nos últimos cincuenta anos o libro é que foi xa reeditado en diversas ocasións. A primeira delas en 1997, da man do amentado Luciano Fernández Martínez. Logo, en 2002, incluída nunha coñecida colección dun xornal galego, e aínda este pasado ano por man de Medulia Edicións.
Conmemoracións
Para conmemorar os 50 primeiros anos de Seraogna, a UNED, en colaboración co concello natal do autor, Ponteareas, organizan hoxe e mañá unha xornadas arredor do escritor na Residencia Artistea. Nelas estamos convocados Fátima Ferreiro, Isaac Lourido, Roberto Abuín, David Souto, Paula Domínguez e quen isto escribe para conmemorar e enxalzar como cómpre este cincuentenario, que se verá arroupado tamén pola proxección do espectáculo poético-musical «A illa das mulleres loucas», no que ha intervir o propio Pexegueiro, ademais das actrices Vanesa Sotelo e María Caparrini e mais os músicos Anxo Pintos e Quico Comesaña. Todo complementado cunha exposición na que se recollen as portadas dos libros publicados por Pexegueiro e que desvelan, en boa medida, a súa relación cos integrantes do grupo pictórico Atlántica, moi activo nos anos 80 e 90.
Seraogna foi unha luminaria na noite de pedra do porquesiporquemepetaemedaagaña dos estertores dos primeiros setenta. A súa luz leva deitándose longa e ferazmente dende aquela e aínda hoxe non son poucos os poetas das novas promocións que presentan os seus respectos ao Mestre Pexegueiro e antepoñen como adro aos seus versos algún tomado do lucidío canto a Angoares. Que siga a súa estrela a brillar e que alumee o camiño dos letraferidos que benamamos tan alta poesía.
Suscríbete para seguir leyendo
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Las familias se rebelan contra los profesores: llegan a Inspección por sanciones a los alumnos en Vigo
- Extranjeras de Vigo, tras solicitar su regularización: «Estamos emocionadas, es la oportunidad que estábamos esperando»
- O que nos deixou Samba, o noso veciño
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- El pesquero de Cangas "Eirado do Costal", primero de la flota gallega en incorporar el modelo de un bote salvavidas cerrado e insumergible para soportar las gélidas aguas de Terranova
- Identificado el conductor del atropello mortal en Pontevedra, al que investigan por un homicidio imprudente
- Muere el policía nacional Nazario Luis Rodríguez Costa, destinado en Salvaterra y antes en la comisaría de Vigo
