Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Rebeldía sen castrar

Moito máis que a música do Xabarín Club

Fabio Rivas

Defínese o bravú nas primeiras páxinas da obra coma o olor e o sabor da carne criada no monte, sen castrar. Poderosa metáfora coa que describir o raizame do movemento cultural que Xurxo Souto nos presenta n’A novela do bravú e que moi atinadamente vén de publicar Xerais.

Dalgunha forma, esta peza é unha mestura entre un anecdotario persoal do autor, unha síntese do nacemento e da evolución do bravú —recortes de ruta, chámalle Souto— mais tamén unha cartografía da Galicia dos 90, época en que o rock e a lingua galega se aliaron na procura de rachar cos prexuízos que xa todos ben sabemos. Se cadra, cómpre mencionar a visión «rurban» —rural e urbana a un tempo— coma un dos seus maiores acertos teóricos ao esgazar a falsa dicotomía que durante décadas vencellou a aldea ao pasado e o urbano ao castelán.

Rescata Souto momentos fundacionais, tal que o banquete de Viana en 1994, onde o cocido e o licor café serviron de bautismo no bravú para bandas coma os Rastreros, Skornabois ou o Caimán do Río Tea. Non esquece, xaora, as figuras que lle concederon alma ao movemento: desde a poésica bravá de Marisol Manfurada ata a forza telúrica de Mercedes Peón ou a vontade enérxica do regueifeiro Pinto d’Herbón.

Todo isto vén descrito desde a primeira persoa, desde a propia voz de Souto, mais sempre atendendo a avivar o poder colectivo daquel feixe de xente nova que decidiu saír do rego.

En conclusión, lectura recomendada para quen, coma min, naceu nos 90 e quere saber máis daqueles grupos que cantaban no Xabarín Club antes de marchar á escola; necesaria, en cambio, para quen queira entender como a música e a palabra poden tronzar co imposto mesmo desde a periferia.

Imagen

A novela do bravú (2025)

Autor: Xurxo Souto

Editorial: Xerais

Precio: 24,95 euros

500 xoias fraseolóxicas de noso

Con claridade e rigor

Estro Montaña

Moncho Seixo dirixiu e foi coautor do Dicionario fraseolóxico galego e ten publicados importantes traballos de fraseoloxía. Agora vén de entregarnos Non todo o que cae na rede é peixe, un dicionario con 500 pequenas alfaias fraseolóxicas , no que este catedrático pretende achegarnos un material que pode mellorar o uso do noso idioma. Trátase dunha entrega de diferentes tipos e niveis de lingua, documentado a partir de obras e autores moi variados.

Moitas das unidades fraseolóxicas son dabondo coñecidas pero outros deveñen inéditas; de feito, case un terzo non aparece noutros dicionarios. É doado comprobar como as unidades fraseolóxicas, como o léxico ou a fonética, varían dun lugar a outro. Como non todo o que cae na rede é peixe, o autor exclúe os castelanismos usados polos falantes e recollidos nalgún dicionario, defende o que é propio e, a parte de promover o diferencialismo, toma as variantes portuguesas que coinciden coas galegas como referencia.

Neste sentido, resulta moi útil a inclusión dunha lista de equivalencias castelán-galego. Como tamén o son os exemplos manexados de narrativa, xornais, revistas e corpus informatizados TILGA e CORGA. Ou os aportados por informantes, colaboradores e o propio autor.

O resultado é un libro de doado manexo, escrito con claridade expositiva e rigor científico, que será útil a profesores, escritores, correctores, xornalistas, tradutores, etc.

Imagen

Non todo o que cae na rede é peixe (2025)

Autor: Moncho Seixo

Editorial: Morgante

Precio: 20 euros

Desenfadada e acaída

Crónica dunha sa rebeldía

María Navarro

A banda deseñada conforma un dos focos de creatividade máis potentes do País e podería dicirse que os premios e certames teñen funcionan como un motor de profesionalización importante, ata o punto de que poderían considerarse unha ferramenta que permitiu a moitos autores/as dar o salto ao libro publicado.

O Premio Castelao promovido pola Deputación da Coruña é o gran referente neste eido. Dende a súa creación (2005) dignificou o formato de novela gráfica, permitiu a profesionalización que elevou a calidade das creacións e fomentou a experimentación co que, sen dúbida, é hoxe en día un sinal de identidade cultural. O cómic galego expórtase ao mundo enteiro cun selo de calidade recoñecible.

Precisamente o XIX Premio Castelao de BB na nodalidade xeral recaeu en Adelina, de Sandra Lodi, un volume que destaca pola expresividade do seu estilo visual e a súa narrativa urbana na que a súa autora relata a fuxida da protagonista da residencia de anciáns onde vive contra a súa vontade cara a súa casa e na que inclúe referencias a comportamentos dun xefe autoritario e con escasa sensibilidade, á falta de empatía cos maiores ou ás dificultades que determinado colectivo ten co mundo laboral.

Os tipos de planos, os ángulos de visión, os globos e os textos que acompañan as imaxes encárganse de enriquecer o carácter verboicónico dunha historia dura e cotiá que a creadora se preocupa por adozar cun ton desenfadado ben acaído.

Imagen

Adelina (2025)

Autor: Sandra Lodi

Editorial: Galaxia

Precio: 18 euros

Un lugar sobre o mar

As historias dos traballadores dun grande océano

Lois Alcayde Dans

Hai historias que permanecen agochadas non porque non existisen, senón porque ninguén se ocupou de recollelas e compartilas. Bieito Alonso fai precisamente iso en Crónicas transatlánticas: compartir relatos para a historiografía internacional do cotián, unha viaxe pouco habitual pola emigración galega, non a dos grandes nomes, senón a dos traballadores marítimos, fogueiros e cargadores que cruzaron o Atlántico no seu faenar.

O ensaio ten algo de investigación histórica e algo de relato coral. Alonso traballa unha historia das pequenas cousas, para reconstruír o que, por ser humilde, quedou sen expoñer. Non é unha tarefa sinxela, xa que moitos destes homes non deixaron máis pegada que informes policiais, rumores portuarios... Cousa difícil para deixar un legado. Mais o autor consegue que esa materia fragmentaria cobre vida. Hai tamén unha idea de fondo: a dun océano non como simple espazo entre dous continentes, senón como territorio propio. Galicia aparece integrada nunha historia máis ampla, na que os movementos dos mariños conectan mundos e experiencias.

Prosa clara e vontade divulgadora, velaí outros méritos do volume. Alonso constrúe un texto que devolve dignidade a vidas antes invisibles.

Imagen

Crónicas transatlánticas (2025)

Autor: Bieito Alonso

Editorial: Laiovento

Precio: 21,11 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents