Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os ciclos da vida

«As estacións na arte galega dos séculos XX e XXI», no Museo Centro Gaiás

A exposición As estacións na arte galega dos séculos XX e XXI (Museo Centro Gaiás, até o 6 de setembro) é un proxecto concibido pola artista e comisaria Mónica Alonso que se aproxima á nosa arte desde inicios do XX até hoxe en día desde unha singular percepción dos ciclos temporais e en especial do cromatismo, aspecto este último central na obra como creadora da comisaria e obxecto da súa investigación teórica. O traballo curatorial supera brillantemente o difícil reto de ofrecer unha nova lectura da arte da nosa nación desde comezos do pasado século, conformando unha lectura en que a cor funciona como elemento fulcral.

Do Movemento Rexionalista de comezos do XX até as xeracións máis novas, a mostra reúne máis de 80 pezas de 63 artistas, procedentes das coleccións de arte públicas e privadas de Galicia. Esta viaxe permite percorrermos paisaxes, naturezas mortas, esculturas e imaxes indiscutibelmente evocadoras da memoria individual e colectiva de cada estación en Galicia. Percibimos como desde os paisaxistas de hai máis de cen anos até a arte actual existe unha vontade de captar a esencia da terra e afondar na singularidade cultural dun país, descuberto e enxergado con ollos sempre renovados polos artistas.

Cómpre lembrarmos que a temática das estacións da arte conta cun rico pasado, ligado en períodos anteriores ao referenciado nesta mostra á unha concepción simbólica, porén, no período que é tratado na exposición o interese polo sentido simbólico das obras e mesmo pola composición -entendida á maneira do clasicismo e do barroco- fora xa substituído pola atención na captación directa, e mesmo fragmentaria, de anacos da realidade.As representacións dos diferentes momentos do ano deixan de ser, entón, imaxes das «estacións» en sentido xenérico para conformaren obras que captan un momento do día, unha determinada localización e un concreto instante. A partir deste momento, é esencial a ollada selectiva que permite a captación dun anaco da realidade, porén, a natureza e o tempo seguen a ser fundamento da creación artística.

Debedores deste proceso histórico e instalados na modernidade, o conxunto de subxectividades que nos ofrece a arte ligada á temática das estacións que podemos contemplar nesta rica e suxestiva mostra convídanos a matinar sobre a relación do ser humano coa contorna. Cada pintura, escultura, fotografía ou instalación non é simplemente a captación de algo «real», é un punto de chegada que polo simple feito de ser fixado xa se torna nun ámbito de coñecemento.

En consecuencia, a nosa visión non pode deixar de percibir a singularidade do estacional e a relación dos seres humanos co mundo natural. Esta relación ten sempre un relato, unha historia, o que nos ecorda a necesidade de que o noso universo vital e cultural estea dotado de sentido, dunha verdade que só desde a asunción profunda desa realidade se pode atinxir en toda a súa complexidade e así facer agromar unha cíclica emoción que nos lembra a nosa temporalidade e o nosa realidade natural.

Inmersión estética e espacial

A comisaria, Mónica Alonso, dividiu o espazo expositivo en catro apartados correspondentes con cadansúa estación. Alén diso, antes de iniciar o itinerario, os visitantes acceden a unha sala de cor azul ceo que funciona como espazo neutral, desde o cal poden moverse para a esquerda ou para a dereita. Coa finalidade de que o corpo se aclimate, dúas cabinas de inmersión, unha de calor e outra de frío, preceden o percorrido polo verán-primavera e polo inverno-outono.

O deseño está concibido para activar as nosas emocións e á vez focalizar a atención nas obras de arte. Con este fin, cada estación é dunha cor: o inverno é cincento, o outono dun verde que vai perdendo intensidade, o verán é un ocre amarelado e a primavera é rosa. Son eleccións cromáticas intencionais, que o cerebro asocia aos diferentes períodos do ano e amplifican a inmersión. O proxecto segue así, como explica a comisaria, os principios das investigacións ao redor da neuroestética e a neuroarquitectura, que abordan como o ser humano percibe, procesa e sente a arte e a beleza a nivel neurolóxico e psicolóxico.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents