Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Comercio, vila e salitre

No centenario do Mercado de Bouzas

O mercado de Bouzas nunha imaxe dos anos 60 do pasado século.

O mercado de Bouzas nunha imaxe dos anos 60 do pasado século. / Arquivo Pacheco do Concello de Vigo

No extremo oriental de Vigo, xusto a carón da desaparecida praia de Bouzas, érguese o mercado, un edificio peculiar e cheo de memoria. Deseñado en 1924 por Jenaro de la Fuente Álvarez (1891-1963), na altura arquitecto municipal e director facultativo das obras do Concello de Vigo, o noso proxectista acadara o título na Escola de Arquitectura de Madrid tres anos antes, polo que estamos diante dunha das súas obras de xuventude. Neste ano 2026 o edificio cumpre 100 dende a conclusión das obras e, lonxe de ser un simple lugar de compra-venda, converteuse nun símbolo vivo da identidade da vila histórica e do comercio local. Daquela era alcalde de Vigo Adolfo Gregorio Espino, mestre do concello de Lavadores e licenciado en Dereito que ocupou o cargo de primeiro edil entre 1923 e 1927.

O contratista das obras deste edificio, que foi ideado como «mercado-peixería», foi Gaspar Barreras Massó, en representación de Hijos de J. Barreras, que se fixo cargo dos traballos en xullo de 1924. O orzamento inicial ascendía a 69.400 pesetas, se ben a liquidación definitiva presentada polo arquitecto municipal en 1927 ascendeu a 73.277 pesetas, que se foron librando de forma progresiva a medida que as obras avanzaban. O edificio centenario ten a súa orixe cando a antiga vila de Bouzas, un concello independente ata a súa anexión a Vigo en 1904, necesitaba un espazo fixo, amplo e moderno para o comercio alimentario. Na altura esta parroquia (3.151 habitantes en 1936) xa era asentamento industrial de primeiro nivel, con estaleiros, talleres mecánicos e fábricas de conservas que daban emprego a un milleiro de obreiros.

Desde a conclusión das obras en novembro de 1926 e a apertura de postos fixos ao ano seguinte, o mercado non só serviu para vender alimentos, senón que foi sempre un punto nodal da vida social. Xunto co antigo Mercado do Progreso (1908) e o do Calvario (1925), forma parte das tres prazas de abastos históricas da cidade. Xa en xaneiro de 1927 os praceiros empezaron a solicitar autorización para construír os postos no interior da praza de abastos. Daquela o Concello estableceu, como é lóxico, unhas condicións técnicas que os vendedores debían cumprir. Nese mesmo ano as autoridades municipais sacaron a concurso unha praza de vixilante-encargado das instalacións. Co paso do tempo o mercado evolucionou: se antes abundaban os postos de peixe, carne, froitas e verduras, hoxe conviven nese espazo histórico unha peixería, unha carnicería, un bar, e incluso un supermercado.

regueira

Fachada actual do edificio. / Eli Regueira

Este ano 2026 é unha oportunidade para lembrar que esta praza de abastos é moito máis que un edificio histórico. É un lugar de encontro que segue vivindo grazas á comunidade que o mantén activo, aos praceiros que apostan por un comercio de proximidade e aos clientes que cada día enchen os seus corredores.

O Mercado de Bouzas non é un museo, é un espazo activo, cambiante e aberto ao futuro, onde tradición e contemporaneidade se entrecruzan. Cumprir cen anos non é unha simple efeméride: é a proba de que un edificio pensado para servir a esta vila mariñeira que, hai un século, xa celebraba «mercado diario», segue a telo cen anos despois, coa mesma esencia pero adaptado ás necesidades do presente.

Arquitectura pintoresca

O noso edificio distínguese pola súa arquitectura pintoresca de certa influencia inglesa, pouco habitual nas prazas de abastos galegas pero acorde coa Bouzas cosmopolita e portuaria da época. A arquitectura pintoresca, moi difundida en Europa entre finais do século XIX e comezos do XX, apostaba pola variedade volumétrica, as cubertas inclinadas e o uso expresivo dos materiais, afastándose da rixidez clásica. Máis que un estilo pechado, era unha actitude estética: a vontade de crear edificios con carácter, integrados na paisaxe e cargados de evocación histórica.

No noso ámbito esta tendencia estética tivo especial presenza na arquitectura en madeira das zonas balnearias (as casas de baño de Vigo ou Vilagarcía, e o primeiro hotel de Mondariz), onde se buscaba transmitir unha comuñón entre natureza e arquitectura. O proxecto orixinal de Bouzas encaixa plenamente neste estilo, protagonizado por detalles ornamentais como os beirís voados, os grandes ocos de iluminación ou as solucións que favorecen a ventilación do interior.

O centenario deste ano 2026 é, pois, algo máis ca unha efeméride. É a constatación de que un edificio pensado para servir a un núcleo histórico segue hoxe cumprindo a súa función, pero adaptada aos tempos. Como hai un século, o arrecendo a salitre continúa mesturándose coa vida cotiá de residentes, estaleiros e buques para axudarnos a entender a historia —e o porvir— desta preciosa vila mariñeira.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents