Zé Povinho e as figuras do país
No 180 aniversario de Bordalo Pinheiro

Rafael Bordalo Pinheiro (1846-1905). / FDV
É un dos artistas portugueses máis polifacéticos e influentes do seu tempo, capaz de retratar o carácter de todo un país. Rafael Augusto Prostes Bordallo Pinheiro (Lisboa, 21 de marzo de 1846 – 23 de xaneiro de 1905) pertence á categoría de artista total, pois nada se lle resistía. Deseñador, acuarelista, ilustrador, decorador, caricaturista político e social; xornalista, ceramista e docente; prolífico e innovador, foi un renacentista do século XIX que quixo promover o cambio a través do humor. Historicamente o seu apelido escribiuse con «l» ou «ll», aínda que a fábrica de cerámica utiliza Bordallo.
O seu pai, Manuel Maria Bordalo Pinheiro, era pintor e profesor de debuxo, de modo que aquela educación temperá deulle unha sólida formación artística —ademais dos estudos oficiais que cursou, entre eles na Academia de Belas Artes de Lisboa— e ensinoulle algo esencial para o seu futuro oficio: a observación minuciosa da realidade. Así, desde moi novo demostrou unha inclinación natural polo debuxo humorístico. A caricatura, xénero que na segunda metade do século XIX vivía unha auténtica idade de ouro en Europa, converteuse na súa linguaxe. Nunha época marcada por cambios políticos, revolucións e tensións sociais, a sátira gráfica era unha arma de comentario público tan poderosa como os editoriais dos xornais. Bordalo Pinheiro comezou daquela a colaborar en diversas publicacións lisboetas e axiña destacou polo seu estilo incisivo. Os seus debuxos ían máis alá do chiste visual, pois eran auténticas crónicas políticas. Neles desfilaban ministros, burócratas, aristócratas e personaxes públicos retratados cunha mestura de ironía e teatralidade que lembraba a tradición caricaturesca francesa.
En 1875 apareceu por primeira vez un personaxe que acabaría converténdose nun símbolo nacional: Zé Povinho. Zé encarnaba o pobo desencantado polo poder, que desafiaba a autoridade cun xesto burlón e afouto. Axiña transformouno nunha especie de conciencia popular, irónica, acedada e crítica. Apareceu por primeira vez na publicación A Lanterna Mágica o 12 de xuño de 1875.

Caricatura de Rafael Bordalo Pinheiro. / Museu Bordalo Pinheiro
A forza da caricatura de Bordalo Pinheiro residía precisamente na súa capacidade para captar o espírito da sociedade portuguesa cunha claridade xornalística. Os seus debuxos viron a luz en numerosas revistas satíricas que el mesmo impulsou ou dirixiu, como a referida A Lanterna Mágica, O António Maria ou Pontos nos ii, publicacións que marcaron a cultura gráfica do país nas últimas décadas do século XIX. Xa na década de 1870 viviu algún tempo en Brasil, onde traballou como caricaturista en xornais de Río de Xaneiro. Aquela experiencia ampliou o seu horizonte cultural e reforzou a súa sona como debuxante satírico.
Mais a súa inquedanza creativa non se limitaba ao papel. Nos anos oitenta Bordalo Pinheiro instalouse en Caldas da Rainha, localidade coñecida pola súa tradición cerámica. En 1884 fundou a famosa fábrica que é hoxe historia da louza portuguesa e que revolucionou a estética das pezas. Reivindicativo mesmo na mesa, comezou a experimentar con formas e deseños inspirados tanto na natureza como no humor popular.
De aí saíron pratos en forma de col, cuncas que son tomates, hortalizas e vexetais transformados en recipentes nos que asoma unha ra ou un lagarto, ou figuras humanas caricaturizadas coa mesma ironía que os seus debuxos. É probable que en case ningunha casa falte unha figura do xenio portugués.
Bordalo Pinheiro trasladou así o seu espírito satírico ao mundo das artes decorativas. A cerámica deixou de ser unicamente un obxecto utilitario para converterse nunha forma de expresión artística, deixando un legado que acabou por facerse universal. Morreu en Lisboa en 1905, aos cincuenta e oito anos, deixando tras de si unha obra tan inmensa como icónica.

Vista exterior do Museo Bordalo Pinheiro (Lisboa). / FdV
A vida no museo
O museo de Lisboa que leva o nome do artista naceu da devoción dun admirador chamado Ernesto Santa Cruz Magalhães, poeta, crítico e apaixonado coleccionista. Fascinado pola obra de Rafael Bordalo Pinheiro, reuniu durante anos debuxos, cerámicas, documentos e lembranzas do ilustre creador. Co tempo, aquela colección privada foi medrando ata converterse nun espazo museístico.
Para albergar as pezas, Santa Cruz encargou en 1913 a construción dunha casa no Campo Grande ao arquitecto Álvaro Augusto Machado. O edificio, concibido como residencia e museo ao mesmo tempo, abriría finalmente as súas portas ao público en 1916. No seu interior gárdanse milleiros de obras relacionadas coa vida e coa obra do artista: debuxos orixinais, caricaturas políticas, gravados, pinturas, documentos persoais e unha extraordinaria colección de cerámica. En total, o acervo supera os trece mil obxectos, o que permite reconstruír case paso a paso a traxectoria creativa de Bordalo Pinheiro. Desde 1924 o inmoble e a colección pertencen á Câmara Municipal de Lisboa.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- El antiguo concesionario Opel de la Avenida de Madrid será un hotel de 3 estrellas y 132 habitaciones
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- La afición del Friburgo se rinde al «aura» de Balaídos y Vigo: «Estuve en muchos estadios y esto es una experiencia 10/10 »
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- El Concello de Moaña contrata, por primera vez, un técnico para acelerar las tramitaciones en todos los departamentos
- Un desahucio sin inquilinos en Vigo que se prolongó año y medio: «Se fueron, dejaron de pagar el alquiler pero no pudimos entrar hasta ahora»