Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Por tras dos montes

Unha ollada desde a fotografía

Serra de San Mamede, Ourense, 2017.

Serra de San Mamede, Ourense, 2017. / Javier Teniente

Vén de ser presentado hai poucos días a publicación do fotógrafo Javier Teniente Tras os montes (Solar de edicións, Vigo, 2025), un coidadísimo libro de artista centrado na captación da paisaxe e da paisanaxe nun mundo rural en clara mudanza.

Ao igual que moitos narradores, auténticos escrutadores da realidade social do pasado ou do seu tempo, o fotógrafo Javier Teniente ofrece unha serie de visións dun mundo nos lindes -no xeográfico, no económico e no cultural- que se afasta de vez de calquera compracencia e de calquera retórica.

Non hai sombra nel da procura dun locus patriae espiritual, ben pola contra o que si se percibe é unha acentuada preocupación pola captación -que non exclúe o afectivo-, o que pode levar a distintas reflexións sobre a relación cos procesos sociais e/ou a súa contorna inmediata –natural e social- e polo tanto as súas obras manifestan un interese por captar en que medida este fenómenos poden ser obxecto de concrecións artísticas.

Nun sentido xenérico, cómpre lembramos que a Historia -con maiúsculas- foi moi frecuentemente materia central do ollar artístico até o punto de constituír un dos temas por excelencia na arte occidental practicamente desde a súa orixe, con dous grandes nucleos temáticos: a «historia da salvación», é dicir a temática relixiosa cristiá, que marca a nosa maneira de entender o mundo como un percorrido que ten un principio e un fin: alfa e omega; e a historia e mitoloxía antiga, o outro grande compoñente construtivo da nosa cultura.

O discurso elaborado por Javier Teniente sen dúbida quere incidir nunha «historia» -con minúscula-, centrada no íntimo e no comunal, nunha liña de lectura preocupada polos ciclos da vida, polos traballos e os días, permitindo que as obras conformen unha auténtica e peculiar cartografía dese territorio nos límites que o título suxire.

As obras, aínda que producidas en rexións e períodos diversos ao longo de sete anos, todas elas teñen en común e poden entenderse neste sentido como paradigmáticas ao dar voz ao ser anónimo que somos todos e cada un de nós, explicitando as insuficiencias dos nosos rexistros e análises e os perigos dunha retórica exenta de autenticos valores ligados aos protagonistas dos precesos de construción da memoria e de reflexión sobre o pasado máis recente, tema este que se pode detectar en bastantes pezas.

Manuel, Serra de San Mamede, Ourense, 2017. Javier Teniente.

Manuel, Serra de San Mamede, Ourense, 2017. / Javier Teniente

En Javier Teniente prevalece un intento de captación que procura a autenticidade das xentes. Hai moito de exploración dun territorio, como recolección dunha memoria visual da propia experiencia, un punto de vista claramente individual mais que mantén o respecto polo captado sen renunciar a certo itinerario subxectivo, recreando un mundo arcaico, tradicional e de marcado sabor local.

Partindo destes postulados, constrúe imaxes elaboradas e de composicións perfectamente equilibradas, dentro da aparente simplicidade, como se poden observar nos seus retratos. O resultado é unha produción caracterízada por un ollar afectivo a respecto dos temas escolmados e por medio deles procura un vieiro propio desde a perspectiva estética. A súa intención non é, por tanto, puramente documental senón máis achegada á subxectividade creativa, ao seu mundo interior.

Mundo rural en mudanza

Cómpre salientar o rigor do traballo do fotógrafo, de impecábel argumentación e plamación visual, que fai un achegamento á temática da abandono do mundo rural. Unha temática que podemos entender desde a pura visualidade mais que tamén ten connotacións que nos levan á percepción desde un pensamento crítico cos modelos sociais dominantes.

O libro incide, pois, nun ámbito que no noso contexto está aínda pouco explorado ao menos co tratamento sintético e ao tempo aberto e complexo que se nos ofrece en Tras os montes, un título, por certo, que pretende remitir á ligazón, nada inxenua, entre as representacións, o ámbito xeográfico e a ideoloxía.

Estamos perante lugares fronteirizos -na súa acepción máis larga-, espazos intermedios, de mudanza no máis amplo sentido da palabra, un concepto que semella un dos motores de toda a actividade humana, nomeadamente a artística, en canto que o límite, e a súa superación ou influencia, sen dúbida, é parte indisociábel da nosa condición.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents