Da arte de parlar
«Textos dramáticos no "Parladoiro"»: os «diálogos» de Otero Pedrayo

Otero Pedrayo en Caracas
Manuel F. Vieites
En 2001 Camilo Valdehorras, no inventario da opera omnia de Ramón Otero Pedrayo que recollía o número 12 de Raigame, destacaba, no eido da «literatura escénica», a importancia da obra dialogal, integrada por unha manchea de textos que publican El Pueblo Gallego e La Noche nos anos vinte, trinta e corenta do século pasado, outros na colectánea O espello na serán (1966).
Unha parte foi escolmada en 1991 por Aurora Marco en Teatro ignorado, editado por Laiovento. Agora, Laura Tato Fontaíña presenta unha nova achega para culminar a recuperación desa obra, no volume Textos dramáticos no «Parladoiro», editado pola Universidade da Coruña en 2025. En todos destaca a importancia do diálogo, cunha notable variedade formal e temática.
O diálogo é un xénero dramático ao que non se lle presta moita atención, pola súa brevidade e a consideración de obra menor, e porque nese xénero todo acaba sendo diálogo ao ser a interacción verbal o que mellor define a mímese, trazo diferencial da poesía dramática fronte á épica e á narrativa, máis abeiradas ao relato dos feitos. Con todo, as distancias e fronteiras xenéricas establecidas por Platón ou Aristóteles no plano teórico, foron permanentemente cuestionadas por autorías diversas ao longo dos séculos, e un dos máis persistentes foi Otero Pedrayo ben que as súas imposturas sempre as propuxera desde a creación dramática, eido no que a súa escrita, no campo literario galego, é especialmente innovadora, e velaí temos Rosalía como exemplo.
Nos últimos anos diferentes voces defenden a existencia dunha corrente que percorre a historia do xénero dramático, con achegas dispares pois nela poderían incluírse desde os diálogos de Platón, suposta alternativa á escena ática, ata aqueles que Carballo Calero sitúa nos inicios da nosa literatura na primeira metade do século XIX, unha prensa escrita que no seu día adoitaba publicar novelas e pezas dramáticas por retallos, consiste en presentar nunha escena breve unha idea, conflito, situación paradoxal, rexouba, reflexión filosófica, denuncia ou chamada de atención ante un problema grave ou circunstancial. Así, no número 5, novembro de 1907, o semanario A Nosa Terra publicaba nas páxinas 2 e 3, o diálogo «Ir por lan», asinado por Asieumedre (Manuel Lugrís Freire), un exemplo notable.
O libro que presentamos recolle 54 textos breves que publica La Noche, na sección «Parladoiro», escritos seguindo un formato que, como comentaba no seu día Carlos Baliñas na presentación do volume así titulado (Galaxia, 1973), botando man de palabras escritas polo propio Otero, consiste en non esgotar un tema, propoñelo e non desenvolvelo de todo e a veces nin en parte, deixándolle ao lector a posibilidade ou a necesidade de buscar algunha maneira de pórlle cabo ou tirar algunha conclusión.
Como exemplo, «A espora de prata». Nese modelo, asentado na arte de parlar ou parolar, Otero presenta un rico e moi variado fresco de situacións, escenarios, personaxes, lerias e falares, en moitos casos tirados daquela Galicia mítica do Antigo Réxime, de morgados, pazos, abades e regalías, que tanto acariñou e sobre a que sempre escribiu.
Como fixera Aurora Marco, Laura Tato ofrece na introdución unha clasificación temática das pezas e un comentario breve de cada unha, a modo de guía de lectura, moi pertinente e necesaria dada a maneira en que Otero Pedrayo retorcía e reviraba linguaxe e sintaxe, sen esquecer a densidade argumental e referencial que sempre abrolla nos seus textos, malia a brevidade destes. Unha viaxe a outros tempos que paga a pena facer, de vagar, sen présa, deixándose levar polos remuíños que provoca unha palabra desatada.
Da entraña
Para Otero Pedrayo, durante anos condenado ao ostracismo pola ditadura franquista, como o seu admirado Ovidio exiliado en Tomis, a escrita foi unha sorte de locus amoenus onde podía xogar libremente coas palabras, un refuxio onde compoñer todo tipo de fabulacións, articulando un universo que sitúa a medio camiño de moitos mundos, nunha ideación na que a exuberancia barroca se mestura cunha vivencia abertamente romántica, ben que aquí e acola asome unha pulsión irónica e cáustica.
Este monllo de textos, cunha riqueza formal difícil de glosar en poucas palabras, serve para saber das arelas e teimas dun fidalgo que, naqueles tempos escuros, malvivía a medio camiño entre o mundo dos morgados que desaparecía, moi ao seu pesar, e un progreso que alancaba por fragas e outeiros, substituído corredoiras por estradas e candil por luz eléctrica. Textos para coñecer un pouco mellor un home que mostrando a súa entraña e a súa mirada escéptica, estoica, descrida, acaba por facerse entrañable. Acompáñese, con moderación, de treixadura, caíño, loureira ou albariña do Ulla.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- Así lucirán los locales comerciales de la Porta do Sol de Vigo: fachada integrada con el espacio, iluminación ornamental y punto informativo
- Emprendedores gallegos en nuevos sectores que desafían el abismo del primer año: así es la nueva generación de autónomos
- 25 años de la Vig-Bay: búscate entre los corredores de esta edición